No seu polémico libro Who Are We? The Challenges to America’s National Identity (2004), o politólogo estadounidense Samuel Huntington advertiu das presuntas ameazas á identidade nacional estadounidense tanto no plano interno como externo, identificando respectivamente á crecente inmigración latinoamericana (principalmente de orixe mexicana) así como ao terrorismo islámico. Tomando en conta os resultados dos recentes comicios presidenciais estadounidenses, debe observarse con atención o efecto que o factor das identidades, sexan de carácter étnico, racial, relixioso, de xénero e incluso clase social, tiveron na inesperada vitoria do candidato republicano Donald Trump. O contexto electoral 2016 expresa unha complexidade latente que vén ilustrando os serios contrastes nos que se desenvolve desde hai anos a sociedade estadounidense, nos que o factor da identidade e un crecente descontento co establishment no poder vén configurando expresións ás veces confusas en materia de elección e representatividade política.
Unha década atrás, en pleno apoxeo do xiro “neoconservador” acaecido nos EUA coa entón presidencia de George W. Bush, a tese de Huntington expresaba publicamente diversos temores sobre os cambios que se albiscaban dentro da identidade nacional estadounidense. Atribuíase así unha presunta transformación “silenciosa” desta identidade ante a cada vez maior preponderancia política e electoral da inmigración e das políticas inclusivas de carácter multicultural, en gran medida propiciadas pola globalización, dentro do tecido cultural, social e político estadounidense.
Non deixa, por tanto, de ser significativo e escasamente casual o efecto político que tivo xa desde ese momento a mensaxe de Huntington. En 2006, Bush erixiu un ilegal muro fronteirizo “antiinmigración” de mais de 3.000 quilómetros na fronteira Sur con México, ese mesmo muro que hoxe Trump anuncia como prioritario. Se a “Doutrina Bush” post-11/S derivou na polémica “guerra contra o terrorismo” que espallou síntomas de xenofobia cara os inmigrantes de orixe árabe e musulmán, Trump recolle intacto ese legado no contexto actual, a teor da súa promesa electoral de expulsar os refuxiados sirios asentados en EUA.
Por tanto, cun estilo tan grotesco como estridente, o actual vencedor das eleccións presidenciais estadounidenses vertebra esas inquietudes expresadas xa con anterioridade por Huntington e tramitadas por Bush, ao denunciar os presuntos “efectos nocivos” da globalización e do multiculturalismo dentro da sociedade estadounidense, en particular á hora de consolidar unha identidade nacional xa de por si complexa e incluso difusa.
WASP? Melting pot?
Por tanto, a identidade expresada en valores identitarios como a etnia, a raza e o xénero foron progresivamente ocupando un espazo público preponderante nos derradeiros anos dentro das preferencias electorais e na configuración dun establishment político estadounidense cada vez mais multicolor. A este escenario contribuíu o factor da medición da opinión pública, esencial nunha sociedade como a estadounidense, tan proclive a outorgarlle un peso decisivo á mesma.
Esta transformación multicultural, expresada a través de diversas enquisas, auguraba un cambio estrutural na sociedade estadounidense. Deste xeito, elementos como a etnia, raza, clase social, relixión e incluso xénero e preferencia sexual, comezaron a ocupar espazos de expresión e de representación, que contribuíron a polarizar e incluso cuestionar a presunta homoxeneidade da identidade nacional estadounidense.
O cambio simbólico máis significativo comezou a experimentarse durante as dúas presidencias de Obama (2009-2017), contribuíndo ó mesmo tempo a afondar aínda máis esta complexidade. Neste sentido, a multicultural sociedade estadounidense do século XXI cuestionou así mesmo a vixencia da contraposición de dúas tendencias de identidade que, con diversas intensidades, configuraron en gran medida a sociedade estadounidense contemporánea, especificamente desde finais do século XIX.
Aparecen aquí o tradicionalmente elitista concepto do WASP (1) (White, AngloSaxon and Protestant), simbolizado na concreción dunha especie de “república oligárquica” onde o factor racial (branco), étnico (anglosaxón) e relixioso (protestante) definía unha elite de poder aparentemente inquebrantable. Este factor expresábase a través dunha notable “hexemonía WASP” na representación política e das altas esferas de poder nos EUA.
A este polémico concepto confróntase o do Melting Pot (2), literalmente traducido como “crisol de razas”. O mesmo refírese ao proceso de mestizaxe étnica, racial e cultural propiciado pola asimilación de comunidades inmigrantes, as cales paralelamente deseñan novas identidades dentro do mosaico multicultural estadounidense.
Aparecido a comezos do século XX, o Melting Pot asúmese como unha realidade tan complexa como inevitablemente decisiva na configuración dos cambios estruturais que se veñen manifestando na política e na sociedade estadounidense. Con todo, a súa preeminencia foi seriamente cuestionada polos episodios de apartheid e de violencia racial aparecidos a mediados do século XX, e cuxas consecuencias derivaron na activa loita polos dereitos civís aparecidos desde finais da década de 1960, e que hoxe seguen a ter vixencia.
A colusión que vén presentándose ocasionalmente na sociedade estadounidense en materia de asimilación, discriminación e incluso violencia racial, segue a ser unha tendencia moi notoria que, casualmente, intensifícase nos contextos preelectorais, tal e como se observou durante este ano cos incidentes de violencia racial e policial en Dallas e Chesterton.
Ironicamente, a polémica racial vén sendo máis visible durante a presidencia de Obama, probablemente polo feito de ser o primeiro afroestadounidense en alcanzar a máxima autoridade do país e polas reaccións virulentas suscitadas polas elites WASP cara a mesma, das que Trump é unha expresión mais. Segundo estatísticas oficiais, uns 173 afroestadounidenses perderon a vida en enfrontamentos coa policía durante 2016. No caso da comunidade hispana, os decesos por acción policial ascenderon a 111 no que vai de ano.
O votante de Trump
Por tanto, o contexto actual definido pola inesperada vitoria electoral de Trump define un panorama de claroscuros e de contrastes que acrecentan a complexidade social estadounidense. O ascenso de Obama e a ampliación das súas políticas progresistas (Medicare, dereitos civís, xénero, dereitos homosexuais, etc), que debían explicarse como a consolidación do Melting pot como portador dunha sociedade moderna e multicultural, vese claramente contrarrestado polo virulento xiro reaccionario manifestado pola candidatura de Trump, e que agora pode incluso radicalizarse aínda máis durante a súa presidencia.
Cómpre por tanto considerar o perfil do votante de Trump en termos de factor de identidades, e como os mesmos foron mobilizados nun contexto de enorme polarización e contrastes. O discurso electoral de Trump concentrouse en ofender directamente a sectores como o xénero (case un 50% da poboación estadounidense é feminina), utilizando a misoxinia como arma electoral. Por irónico que pareza, e tomando en conta que a súa rival demócrata era unha muller do peso de Hillary Clinton, o 42% do voto feminino foi a favor de Trump.
As outras comunidades atacadas por Trump foron os inmigrantes, en particular os mexicanos (un 17% da poboación estadounidense é de orixe hispana); o factor racial contra os afroestadounidenses (13% da poboación) e incluso a preferencia sexual, tomando en conta que a poboación oficialmente declarada homosexual estímase entre 5-10%. Este sector foi o máis maioritario en votar contra Trump.
Na súa base electoral, moita dela de carácter conxuntural motivada polo desencanto coa clase política, pola depresión socioeconómica e polo pesimismo cara o futuro (en claro contraste coas expectativas esperanzadoras que levaron a Obama á presidencia en 2008), Trump logrou vertebrar principalmente os seus apoios nos sectores racialmente brancos, especialmente de orixe anglosaxoa, católica e protestante, focalizados na denominada “América profunda”.
Estes sectores coinciden cos temores anteriormente expostos por Huntington sobre o avance das comunidades hispanas e o seu efecto na identidade estadounidense: estímase que para 2050, a metade da poboación de EUA será de orixe hispana, co cal o idioma castelán disputaría así a hexemónica posición do inglés.
Aquí preséntase un cadro basicamente rural, de clases medias e populares, deprimida pola crise económica e o colapso de estados que tradicionalmente impulsaron o sector industrial, profundamente conservadora, de orientación heterosexual, con escasos estudos universitarios e tradicionalmente votante republicano. Esta franxa social basicamente mais homoxénea, consolidou o triunfo maioritario de Trump nos estados do Medio Oeste e algúns do Leste (Florida) de ocasional adscrición demócrata.
Outros dos seus apoios mais significativos focalizáronse na influente comunidade evanxélica pero tamén nas comunidades católicas, temerosas ante as políticas progresistas impulsadas por Obama, que veñen polarizando á comunidade católica estadounidense, así como ante as expectativas esgrimidas por Hillary Clinton sobre o seu eventual apoio á aprobación do aborto e o matrimonio homosexual.
Igualmente, sectores da elite empresarial igualmente decatáronse por Trump. Pero a elección 2016 tamén observa unha notoria e non menos preocupante brecha xeneracional, algo xa anteriormente rexistrado co Brexit. O 53% dos votantes de Trump eran persoas maiores de 45 anos, en contraste co 55% do voto alcanzado por Clinton na franxa de idades dos máis mozos (18-29 anos).
Neste panorama de contrastes e complexidades abórdase especificamente o tema do xénero. Clinton non logrou aproveitar o presunto favoritismo que lle outorgaba a opinión pública e que terminou sendo falaz nas urnas. Toda vez, a candidata demócrata non logrou convencer con claridade a un sector feminino que non lle foi contundentemente maioritario (un 48% das mulleres votaron por ela), un aspecto que ilustra ironicamente a polarización do factor xénero nesta campaña electoral.
Por tanto, a posibilidade de que Clinton puidese converterse na primeira muller en ocupar a presidencia dos EUA, aspecto que corroboraba un cambio histórico en materia de reivindicación de xénero, viuse claramente truncado pola inesperada vitoria dun Trump que paradoxalmente utilizou a misoxinia como arma electoral, con resultados máis efectivos se cabe. A polarización do voto alcanzou así o factor xénero: seis de cada dez mulleres brancas sen estudos universitarios votou por Trump.
Clinton, igualmente identificada como unha representante do elitismo WASP, amparábase na captación de apoios no voto inmigrante así como do factor xénero que terminou sendo contraproducente. Se ben seis de cada 10 hispanos votaron por Clinton, a vitoria de Trump cimentouse en estados con elevados votos electorais como Florida, bastión do voto hispano.
Un 29% dos votantes hispanos decantáronse por Trump, aínda que moitos deles máis ben motivados polo descontento co elitismo de Clinton. No caso de Florida, pode que aquí as razóns do voto a Trump derivasen en factores máis ben de carácter político, tomando en conta a polarización e os receos da comunidade cubano-estadounidense cara a normalización de relacións diplomáticas con Cuba impulsada por Obama.
Con todo, Clinton fracasou no cometido de contextualizar ao seu favor a grotesca misoxinia, o racismo e o calculado discurso do odio manifestado por Trump. Isto define unha variable en chave reaccionaria moi ben aproveitada polo seu rival republicano, vertebrando ao seu favor os temores existentes en amplos sectores sociais preocupados pola paulatina perda de vixencia do “factor WASP” como elemento decisivo na política e nas eleccións estadounidenses.
O temor ante este progresivo declive do “factor WASP” e da eventual consolidación do Melting pot como unha realidade inevitable polariza e eventualmente radicaliza diversos estamentos sociais, acusando un panorama sumamente complexo e fragmentado. E aquí tamén aparecen outros factores, se cabe igualmente decisivos, no que o descontento co establishment político e o estilo “politicamente correcto”, así como os efectos da depresión económica, afondaron aínda mais estas diferenzas, habilmente manipuladas por Trump como factor decisivo na súa vitoria.
Populismo made in USA
Observando que o factor da identidade impuxo un selo decisivo nas eleccións 2016, resta observar en que medida Trump representa unha expresión representativa do descontento e da cada vez máis notoria rebelión cidadá cara as súas elites políticas, principalmente existentes nos países desenvolvidos polarizados pola crise socioeconómica e de representatividade e lexitimidade política.
Motorizando o discurso reaccionario ante o aparente declive do “factor WASP” toda vez acusaba o progresismo “Melting pot”, Trump adoptou un estilo ofensivamente directo, principalmente cara o establishment e as elites asentadas en Washington, desprovisto dunha linguaxe “politicamente correcta”, en claro contraste coas tentativas da súa rival demócrata por distanciarse dunha perspectiva populista inédita na política contemporánea estadounidense.
Así, acontecen as incógnitas sobre a verdadeira natureza ideolóxica dun Trump comodamente instalado nas trincheiras do populismo nacionalista. Esta perspectiva incrementa as incertezas sobre como evolucionará a súa presidencia unha vez se instale na Casa Branca a partir do próximo 20 de xaneiro de 2017.
Resulta moi probable que un Trump con maioría republicana na Cámara de Representantes e no Senado deba necesariamente establecer un equilibrio institucional ante a presión dos “baróns” preponderantes no Partido Republicano e nas altas esferas do poder en Washington. Con isto, o próximo presidente estadounidense moi probablemente impulsará unha axenda de carácter populista “neoliberal” claramente de dereitas en canto á formulación de políticas públicas, unha especie de “estilo Berlusconi” que progresivamente derrube a herdanza progresista da era Obama, en particular o Medicare e determinados dereitos civís.
O seu lema electoral “Make America Great Again” cotexará por tanto unha política de populismo nacionalista fortemente proteccionista no ámbito económico e comercial, que lle permita conservar os seus apoios na base electoral recentemente establecida. Este populismo de dereitas enfocarase en desenvolver economicamente o danado tecido industrial e laboral dos estados da “América Profunda”, establecendo unha axenda de mínima ou intermitente intervención estatal.
No marco exterior, Trump semella proclive a aplicar unha estratexia de leve illamento na política exterior estadounidense, máis concentrado en fortalecer a súa axenda e os seus apoios internos. Unha tendencia que sempre estivo presente en diversos sectores do Partido Republicano, unha herdanza do período da primeira “postguerra mundial” (1919-1939), en clara contraposición co internacionalismo anteriormente establecido polo presidente demócrata Woodrow Wilson tralo Tratado de Versalles (1919).
Con todo, está por ver cal será a recondución das súas alianzas exteriores, en particular con Rusia (alén da súa admiración por Vladimir Putin) e cun eixe atlantista (Europa, OTAN) atemorizado pola posibilidade dunha entente Washington-Moscova en diversos escenarios estratéxicos (Ucraína, Siria). Igualmente, resulta unha incógnita a súa posición con respecto á China emerxente, constantemente desacreditada e atacada durante a súa campaña electoral, así como ante a inevitable tramitación do peso xeopolítico de Asia-Pacífico.
Esta perspectiva ofrece un irónico contraste que acrecenta as contradicións e as incertezas en torno a quen realmente é Trump. O seu perfil como multimillonario e empresario exitoso curiosamente beneficiado pola globalización que tanto atacou durante a súa campaña electoral, en teoría non o identifica exactamente con aquel sector de clase media deprimido pola crise económica, que finalmente lle outorgou o seu voto.
Sen experiencia política, Trump baseará o seu estilo na “política como espectáculo” fortemente mediatizada, versión berlusconiana, nuns EUA fortemente polarizados e con síntomas de pesimismo sobre o seu futuro. Por tanto, a súa condición de outsider político e defensor das “desprotexidas” clases medias brancas deprimidas pola crise, outorgáronlle todo tipo de expectativas e o moi probable apoio dos indecisos, indignados polo marcado elitismo político, intelectual e incluso económico de Clinton e ante a desconexión cidadá co establishment de Washington.
Réquiem da socialdemocracia
Este escenario coloca en serios dilemas unha socialdemocracia laborista aínda presente nas filas do Partido Demócrata e que, en perspectiva global, evidencia o declive socialdemócrata tanto en EUA como en Europa. Clinton perdeu nestas eleccións un total de 6,5 millóns de votantes con respecto aos alcanzados por Obama na súa disputada reelección de 2012.
Todo isto gravita no erosionado momento político das esquerdas. Viuse co declive do laborismo británico ante o Brexit, na derrota do esquerdista Bernie Sanders ante Clinton polo nomeamento da candidatura presidencial no Partido Demócrata, co progresivo declive ideolóxico do PSOE español e igualmente coa neutralización á baixa do socialismo francés e da socialdemocracia alemá de cara aos comicios xerais previstos en Francia e Alemaña pautados para 2017.
Nestes próximos escenarios electorais poden rexistrar novos triunfos para eventuais aliados do estilo Trump, como son os casos da extrema dereita da Fronte Nacional de Marine Le Pen e do populismo de dereitas de Alternativa por Alemaña (AfD), confirmando así como a esquerda socialdemócrata e de corte laborista é outra das vítimas colaterais do triunfo de Trump. Indubidablemente, o “efecto Trump” está provocando un terremoto político a nivel global de consecuencias imprevistas, que poden resultar incluso contraproducentes.
Roberto Mansilla Blanco é analista do IGADI.
NOTAS
(1) O termo WASP exclúe a católicos, xudeus, negros, hispanos, asiáticos e aborixes amerindios. En declive ante o avance da multiculturalidade propia da inmigración, o mesmo traduce fortes vínculos de carácter elitesco inserido nas altas esferas do poder a través de especies de estamentos como o Big Three e a Ivy League, con preponderancia naquelas elites graduadas en universidades de prestixio como Harvard, Yale e Princeton, sumamente selectivas e economicamente inalcanzables para a maior parte da sociedade estadounidense. Progresivamente en declive a partir da presidencia de Franklin D. Roosevelt (1933-1945), o factor WASP veuse parcialmente eclipsado coa chegada á presidencia dun católico de orixe irlandesa como John F. Kennedy (1959-1963) e especialmente cun presidente afro-americano como Barack Obama.
(2) O termo foi acuñado en 1908 polo escritor británico de orixe xudía Israel Zangwill, fervente defensor do sionismo. No caso estadounidense, tende a utilizarse este termo de forma positiva para explicar os factores de integración e de asimilación das comunidades inmigrantes principalmente asentadas no país desde finais do século XIX, así como de cara aos “pobos orixinarios” aborixes (sioux, apalaches, etc) e das comunidades afroamericanas beneficiadas pola abolición da escravitude decretada polo presidente Abraham Lincoln en 1863.
You might also like
More from Política
50 anos do 25 de abril | Enrique Sáez
50 anos do 25 de abril | Enrique Sáez lembra aquele tempo, «quando alguns jovens esperavam o fim de um …
O Sáhara Occidental
Derradeiro territorio non autónomo en África despois da fin do apartheid en Namibia e a independencia de Eritrea, o Sáhara …