Hoxe teño a honra de que a Revista das Letras, o suplemento do Galicia Hoxe, se dedique integramente ao libro que proximamente me publicará Edicións Positivas. Constitúe un conxunto heteroxéneo de textos poéticos inéditos e novas versións de todos os que fun publicando de modo disperso desde 1994 a 2010. Son novas versións porque mudaron os modos gráficos, versos pasaron a prosa, metáforas foron pulidas, algunhas palabras caeron por redundantes e outras permaneceron simplemente porque unha escrita “automática” debe ser respectada. Aquí encontraredes encomendas específicas, poemas nacidos con cesárea e outros provenientes de partos terríbeis, froitos da sede do deserto e dos licores da noite coruñesa dos 90.
Para alén das cuestións estritamente literarias, por estaren escritos os poemas nunha normativa institucional ou oficialmente “non galega”, o destino que o sistema literario galego lles tería reservado sen dúbida sería o de permaneceren para sempre no “gueto do lusismo”, tal como ten acontecido noutras publicacións que con tanto esforzo botamos a andar outrora. Porén, no pretendo acusar ninguén de non ter atendido debidamente a miña obra, moito polo contrario comprendo os esforzos de moitos por tentar normalizar a cultura galega pola vía institucional máis rápida, así como sempre recoñecerei o inadiábel labor dos lusistas galegos por restituír a lingua na dignidade e no ámbito cultural que por dereito lle pertence.
No medio desta complexidade, non facilmente sintetizábel en varias horas de discurso teórico ininterrompido, un poeta decide que o seu traballo ha de ser apresentado aos lectores. Hai que tomar decisións, e ningunha delas satisfai completamente, mais a primeira vontade é a de entregar os poemas á sociedade de que parten, e que os haberá de valorizar. Así é como o explico na advertencia que acompaña o libro:
«Este libro contén textos inéditos e novas versións de poemas publicados desde mediados dos noventa até hoxe en edicións non venais e periódicas, no país e fóra del. Foron todos escritos nunha lingua que moitos denominan portugués, algúns galego, outros galegoportugués e con certeza varios identificarán como produto caprichoso de teimas absurdas. Eu, que outrora pensei ser ortodoxo na heterodoxia dos políticos da grafía, ao final resultei heterodoxo nunha ortodoxia difícil de asumir. Nada satisfai completamente, e no entanto en todo existe un camiño para a perfección. Niso confío.
A verdade é que na miña propia orixe se descobre a indeterminación que os amigos con paciencia toleran: nacín o 20 de marzo de 1969 aproximadamente ás 22:00 horas, polo que vin á luz neste mundo ninguén sabe se como tardía flor de inverno ou como albaroque da primavera. Esta que, como adiantei, pode entenderse como inclinación para a incerteza, non é máis que a firme vontade de aproveitar o que de bon ten o mundo, inclusive nos termos que a miúdo resultan opostos. É mellor a luz do sol ou o sosego da sombra? É mellor a calor do lume ou a fresca auga da fonte? Lembro agora Al-Mutasim de Almería, rei que nos tempos das grandes fazañas dos andaluces conquistadores e poetas non destacou nin como estratego nin como creador. Mesmo se di que en ocasións saía co exército para defender unha praza do reino e polo camiño detíñase e recuaba, decidíndose subitamente a practicar outra estratexia. Teño para min que debeu ser un home cativado pola bondade da terra e a maxia do mar, pola utilidade do saber e a necesidade da guerra, e que en todo observaba, nada maniqueo, lícitos camiños para atinxir a harmonía. Rei do porto máis relevante do Mediterráneo occidental, de día debía ficar embriagado polo sol reflectido no mar e de noite adormecido na contemplación do luar sobre as oliveiras.
Sendo, por tanto, esta fusión de contradicións asumida por min, e decidido a pagar os tributos a que as eleccións, nunca plenamente satisfactorias, obrigan, optei por facilitar a lectura adaptando a ortografía dos textos á norma maioritariamente asumida na actualidade. Isto fago pola comunicación poética, a primeira que me interesa establecer.»
As ilustracións, de grande densidade poética, teño que agradecerllas de novo a Alberto Esperante López.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …