Os protagonistas deste conto son: un parque, a choiva, o vento; media ducia de follas caídas dun vello olmo e unha rapaza acatarrada que tose moito. A rapaza leva no colo un fular gris. Parece calcetado con néboa. Nos pés, unhas raídas botas vermellas, e as mans enterradas nos petos dun gastado chaquetón a cadros.
Nun intento de entrar en calor, a moza tenta seguir o baile das follas caídas do olmo. E xira, xira, de redor delas, demente. Entregadas, moza e follas, aos desaxustados e caprichosos vaivéns do vento.
Leva moitas horas sen comer, a rapaza. Tose moito e ten algo de febre. Suspira cansa, pois non está para moitos esforzos. Cos dedos furga nerviosa nos petos do chaquetón… Non atopa máis que buratos no forro. “Se cando menos fosen buratos de queixo gruyere, aportaríanme aromas… Que xa é algo“. -Pensa, famélica.
Unha decisión errada levouna á desvalida situación na que a atopamos nestes momentos: deambulando sen rumbo polo parque, baixo a choiva e o vento outonal, sen máis compaña que a das seis follas danzantes, que se desprenderon á forza do olmo, empurradas polo temporal.
Hai uns meses chegou dun pequeno pobo á gran cidade, disposta a triunfar, grazas ás mentiras dun falso empresario. A idea de perder a virxindade co tipo aquel fíxoa recuar e recapacitar. Non, ela non era ningunha pendanga. Que crédula foi! O tren no que saíu do pobo, halehop!, crendo que a conduciría á gloria, decatábase agora, corría moito menos que os seus soños, nos que se vía triunfando en todos os escenarios dos grandes teatros do planeta, rodeada de moitos admiradores. Incluso tería unha lixeira tendinite, de tanto asinar autógrafos… E sería portada de todas as revistas e xornais.
Nada foi como ela o soñou: mentiras, loitas, sordidez… Unha constante.
Un refacho de aire frío bateulle na cara… E avivou nela o recordo do pobo… Estaba moi apesarada… Deixárase levar pola ambición… Fora todo tan precipitado! Cando marchou co falso empresario, plantara sen dubidar ao seu prometido. Os escenarios do mundo agardaban por ela!
Arrepentíase, si. Pero… Onde buscar os cartos, para volver ao pobo, de onde nunca debeu saír? Entón reparou (aínda o levaba no dedo) no brillante do anel de compromiso que o seu ex, moi xeneroso, lle regalara… O billete de volta estaba alí.
O rudo e rico noivo, que tanto a quería e tanto se opuxera a súa viaxe cara á fama, en canto a vise, había de perdoala. Dábao por certo.
Nubes de branco algodón seguían a marcha do tren. A moza víase xa nos brazos del…
Soñaba e tusía… Tusía e soñaba…
“Será espléndido o meu traxe nupcial, con velo longo de tule… Suxeito ao peiteado un moño informal por unha grilanda de preciosos diamantes de fantasía…” Ninguén agardaba por ela na estación. Baixo o paraugas, no solitario andén, creu escoitar o repenique dunha campá de voda….
Era a que daba saída ao tren, que, suando fume, foi perdéndose na distancia, arrastrando un rosario de escuros vagóns.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …