No número do 19 de xullo de 1957 do xornal La Noche, de Santiago de Compostela, secuestrado pola censura franquista a raíz dun artigo, «21 años de Falange sin José Antonio», asinado polo xefe local da Falanxe de Compostela, cuxo nome non lembramos e, ademais, non paga a pena lembrar, diciamos, nese número apareceu, na última páxina, o relato que se entrega a continuación. Por única sinatura leva as siglas M. F. (Méndez Ferrín?). Eis un misterio que deben dilucidar os nosos investigadores literarios, se é que temos. En todo caso, nós aconsellamos o nome de Francisco Rodríguez. Ou que o Consello da Cultura lle dea unha bolsa desas a Xesús Alonso Montero para que traballe sobre o tema. En caso de renunciar este último, pódese escoller calquera nome entre os membros do Consello de Redacción d’A trabe de Ouro. Pola nosa parte, só queda entregar o texto, ao que só se corrixen as evidentes grallas.
XGG
O VLADIMIRO (1)
A voz do Vladimiro resoou a través do micrófone do teléfone, como unha corneta que rinchase.
–León, Leonciño. Baixa. Baixa.
León obedeceu. Todos obedecían a Vladimiro. Era solprendente. Tiña os ollos grises, aceirados; ollos de animal de baixoterra, opacos, fixos. Era imposíbel deixar de cumprir os seus desexos. El non mandaba. Simplemente desexaba. Como responsábel do persoal daqueles grandes almacés, era dunha dureza de granito do Porriño. Cando paseaba entre as fileiras dos produtos arringleirados cunha perfeición que os empregados chamaban soviética, por mor da propaganda inoculada polo imperialismo ianqui nos filmes producidos en Hollywood, as dependentas de base e os cadros intermedios púñanse atentos ás súas máis pequenas ordes. Cando paseaba polos corredores cheos de clientes, a quen preguntaba como ía todo, se estaban contentes do trato, da compra, do prezo, a súa calva lanzaba brillos que cegaban a aqueles que alcanzaba.
León, Leoinciño, como adoitaba chamalo Vladimiro, era un home duns 50 anos. Pelo branco, ensarillado, babicha de bode e lentes de científico. Aparentemente fraco, a dureza dos seus músculos denunciaba unha vida entregue aos máis duros traballos. Vladimiro e León eran amigos, e os empregados dos almacés só sabían deles que viñeran dun país que debía ser frío, pois ás veces, cando ía frío en Vigo, os vían pasear en mangas de camisa, ou nos bares da rúa do Principe a tomar grandes vasos cheos dun líquido branco. Cando estaban un pouco peneques, lanzaban os vasos valeiros por enriba dos seus ombreiros.
–Senta, Leonciño, díxolle en voz baixa. Acaba de chegar Pepe e quere traballo.
León non demandou que clase de traballo. Pero voltou a testa, inquirindo, como a testa dunha víbora.
–De contable. ¿Que che parece?
León non contestou. Lembraba os vellos tempos en que todos os rapaces de M. tolearían de pracer se Vladimiro os chamase para lles pedir unha opinión. El mesmo sentía agora pracer, como se mordera unha grande mazá que lle enchera a boca. Tamén lembrou que Pepe atracara varios bancos.
Pero non sabía que responder e sabía que chegado o intre había que responder. Díxolle:
–Non. Eu non llo daría.
Permaneceron en silencio.
Fora ía néboa lixeira, como un cristal algo suxo. Facía frío pero non para eles. Levaban roupa de menos e non notaban a friaxe, cando un de Vigo daría dente contra dente.
–Non sei que facer, Leonciño.
El non respondeu. Non dixo nada no tempo en que a manecilla grande do reloxo dou un xiro de 360 graus e a pequena de 30.
Vladimiro ergueuse e abriu a fenestra. Da rúa chegaba un fedor alcatreante, como se alí se concentrase toda a merda de Vigo.
Ergueuse vento e veu máis frío, pero non os molestaba, molestábaos máis o ruido dos coches e das xentes que pasaban, axitados como grilos que berrasen. León fixóuse no seu amigo. O Vladimiro sempre tranquilizaba coa cara branca e fina que tiña e os xeitos seguros. A ponto estivo León de berrar: o Vladimiro baixara a cabeza e todo denotaba nel inseguridade. León ficou perplexo, cos ollos moi abertos. Vladimiro ollouno fixamente, fixamente, non fixo máis nada que isto. León recuperou a calma no acto.
Sacou dous pitos dun paquete con signos cirílicos que comprara a un mariñeiro no Berbés. Mentres alcendía o seu convidou ao amigo, que negou cun movimento de testa. León estivo por segunda vez a ponto de berrar… Pero mordeu o labre inferior e seguíu a fumar, notando que un delgado sangue lle escoaba polo queixo. Vladimiro con acenos demandoulle o pitelo, alcendeuno e aspirouno profundamente ao tempo que se erguía da cadeira onde estaba sentado. A León parecéulle que estaba lonxe del, enriba dunha cañería de formigón armado. Parecéulle alto e lonxe. Berroulle, como adoitaba berrar, como unha corneta:
–¡Eu non llo daría! ¡Así de fácil! Pensa nalgo mellor, senón terei que darllo.
As últimas palabras removeron a León na súa cadeira e puxéronlle carne de galiña. Tatexou:
–Non… Non…
Vladimiro repetiu:
–Terei que darllo.
Veu desaparecer os seus ollos opacos e poderosos, déralle as costas. León púxose a pensar baixo o resplandor escasísimo que entraba pola fenestra.
Voltou bater co fedor na cara como unha suxa mao.
Atopou a solución.
Fóiselle o medo inexplicablemente.
–Vladimiro, Vladimiro.
Marchara silenciosamente do cuarto aquel, do seu despacho de xefe de persoal. Estaba no cuarto contiguo, dictando ás secretarias.
León non entendeu ben o que dictaba o seu amigo. Logo logrou descifrar o nome de Pepe, o seu, o do Bugarín, pero non acabou de distinguir as palabras.
Vladimiro rematou de dictar e dixo ás secretarias que pasasen a máquina as súas palabras e que enviasen copias a Nadia, a responsable de roupa interior femenina, e a Inés, a xefa de perfumería; e que arquivasen o que dictara nos AZ correspondentes logo de enviar unha copia ao consello de administración. Encamiñou cara o seu despacho. Topou con León e sorriu lenemente. Voltaron entrar no despacho do xefe de persoal.
Falaron de vellos tempos. Lembraron o seu país, León, indeciso como sempre, non se atrevía a lle preguntar que decidira. Por fin…
–¿Que farás?
–O de sempre. Non te preocupes, teño dúas tácticas e aínda que pareza que damos dous pasos atrás, damos un cara adiante.
León mirou pola fenestra. Era día grande. Non había néboa. Abril presentábase maxestoso.
NOTA
(1) Publicado por vez primeira n’O Pote núm. 10, Boletín do Grupo Anónimo do Barcelona, outubro 1997.
You might also like
More from Narrativa
Doce Setembro | Morgado MBalate
Morgado Mbalate Doce Setembro Nasci do amor entre o senhor Henrique e a dona Palmira, numa madrugada de 6 de Setembro de …
Cidade Cinza, de Sara F. Costa | Uma entrevista de Nuno Santos
Sobre Cidade de Cinza de Sara F. Costa | Uma entrevista de Nuno Santos