Continúa este sábado Jesús Flores no “Culturas” de La Voz de Galicia demostrando que nada lle impide escribir artigos mesturando as opinións do vulgo, é dicir, recollendo sen criterio algún palabras de moitos blogueiros e comentaristas e xuntándoas nun texto de novo confuso en que o título pouco ten a ver co que alí se plantea. Sen ir máis lonxe comeza o artigo con catro liñas reproducidas literalmente dun post deste blogue, entre vírgulas, mais sen citar procedencia. Será que o Manual de estilo de La Voz de Galicia permite citar literalmente opinións sen referenciar o seu autor? Dubídoo, mais a miña non é a opinión dun xornalista profesional. Será que o seu traballo non terá nada a ver co código deontolóxico proposto polo Colexio profesional de xornalistas de Galicia? A saber, relativamente aos dous primeiros criterios:
«1. Observar sempre unha clara distinción entre feitos e opinións ou interpretacións, evitando toda confusión ou distorsión deliberada de ámbalas dúas, así como a difusión de suposicións e rumores.
2. Difundir únicamente informacións fundamentadas, evitando en calquera caso afirmacións ou datos imprecisos e sen base dabondo, que poidan lesionar ou menospreza-la dignidade das persoas e provocar un dano ou descrédito inxustificados a institucións e entidades públicas e privadas, así como a utilización de expresións ou cualificativos inxuriosos.»
En fin, que non comprendo como é que fala de envexa no título para logo citarme nas primeiras liñas do texto. Inaudito tamén que diga que as críticas principais referidas nos blogues “están dirixidas á sinceridade coa que tanto Moure como Ameixeiras expresaban a súa opinión sobre o presente e o futuro do galego.” Onde viu no blogomillo que fose criticada a sinceridade de ninguén? Desde logo o que aquí sobra é sinceridade, en moitos casos. Mais todo o mundo asume o dereito a opinar nos blogues en que libremente se abre esa posibilidade.
En verdade, parece que a información presentada como un totum revolutum é aceptada nese suplemento, talvez porque nos asuntos culturais galegos todo o que se publica é ben recibido debido ao déficit que aínda eiva a cultura galega. Eu non opino o mesmo, e creo que somos cada día máis os que traballamos, na necesaria modestia das nosas posibilidades, para atinxir a maior altura das nosas letras.
Por outro lado, e para que non se diga que me oculto no anonimato, direi que o nome que se veste de levantador de minas é Alfredo Ferreiro, membro da AELG desde 1998.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …