Nestes días (ou mellor, meses ou anos) o debate sobre o bilingüísmo reconquista periodicamente o espazo dalgúns xornais. E o noso veciño (de bairro e de ideas) Xavier Alcalá é neste caso convertido en baluarte dun galeguismo básico, sensato, que non debería incomodar ninguén nunha sociedade democrática, máxime co que xa levamos andado politicamente desde que as unllas do autoritarismo nos permiten expresarnos sen mácula.
Todos defendemos xa conceptos como “sistema democrático” ou “tolerancia”, mais o propio sistema (e ben que sexa así) permite que cada quen os interprete ao seu xeito. A organización chamada Galicia bilingüe, por exemplo, entende que o bilingüísmo da Galiza é un ben antigo que, caracterizado por contribuír á harmonía da sociedade galega, debe ser conservado. Desta perspectiva, novas normas como as que recentemente se aproban para a introdución cuantitativa do galego no ensino poñen en perigo a liberdade dos cidadáns, amparada por un Estatuto que trata galego e castelán en termos de oficialidade. É esta unha postura completamente democrática? Non o creo, só defende o inmovilismo, defende unha distribución de usos lingüísticos que non quere ver alterada, é dicir, reacciona contra un movemento regaleguizador que desfruta agora dun poder político sorprendente.
Aquí é onde surxe unha reflexión sobre a actitude das xentes de Galicia bilingüe: son persoas que defenden a democracia, son persoas tolerantes as que aceptan as que son diferentes só cando estas non se cruzan no seu camiño? Supoño que moitos brancos racistas aceptarían deixar de selo se os poderes públicos lles asegurasen por lei que xamais terían un negro na súa presenza. Porén, as sociedades que interesan aos sensatos non poden ser trazadas con tiraliñas, nin ser deseñado o espazo social como un taboleiro de xadrez. Sociedade significa convivencia. Por iso digo que un verdadeiro demócrata non ten medo a que a sociedade mude cara a formas que nunca puido imaxinar. A sociedade somos todos mesturados no balbordo do día a día, e as direccións que se toman por acordo da maioría deben ser respectadas, aínda que non sexan os resultados preferidos dun cidadán.
Non, Galiza non é bilingüe, porque os países non falan. Como moito algúns dos seus habitantes poderán ter un dominio de dúas linguas comparábel ao dominio das dúas mans que temos os que non somos mancos. Hai persoas ambidestras, mais a maioría usamos con ben máis pericia unha que outra. E no uso das linguas, como no das extremidades, usamos máis polo común aquela que nos ofrece máis precisión, así no mental como no manual.
Por outra parte, non ten sentido promover o bilingüísmo por unha suposta “decencia” democrática, do mesmo modo que non defendemos a bisexualidade como necesaria plasmación da igualdade dos sexos. Os usos lingüísticos dependen da utilidade das linguas recoñecida polo cidadán, tanto no día a día canto á hora do voto. E postos a dicilo todo, este país tamén é dos mudos.
A. F.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …