K. Muhole. Somnyama-IV-Oslo-2015
As mitoloxías están inzadas de seres míticos que case sempre presentan a dualidade de ter a capacidade de facer o ben, pero tamén de esparexer o mal. As personaxes femininas desas cosmogonías tamén participan desas dualidades. Unha deusa “civilizadora” tamén pode ser “destrutora”? Que motivos levaron á meirande parte das culturas, na explicación máxica do mundo, a apostar polos dualismos?
❧
Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.
Limitándonos a la imaginada pugna entre dioses creadores y deidades maléficas presente en múltiples mitologías dualísticas, es imprescindible mencionar la lucha entre Osiris y Set, o entre Ra (la luz) y Set (la oscuridad) en Egipto; el enfrentamiento entre Marduk y Tifón, Tor y Loti, Indra y Urita, Ormuz y Arimán, presentes en las cosmovisiones de los griegos, escandinavos, hindúes y persas, respectivamente.(Félix Báez-Jorge. Paradojas de las divinidades, 1994).
En xeral, trátese da cultura que se trate, e mírese calquera mitoloxía do dereito ou pola volta, as divindades habitualmente teñen en común (todas elas) ese carácter dualista. Dualismo; o xeito de condensar na mesma deusa, no mesmo deus, a forza maligna e tamén as súas capacidades de facer o ben. As mitoloxías foron inventadas polos humanos. Son maneiras de explicar o inexplicable, de saber que as cosmogonías (e teogonías) van dar máis sentido ás vidas dos seres vivos. Trátase, á fin, de poder entender como é que está “o mal” neste mundo; a súa orixe e motivacións? Desde Mesopotamia ata calquera outro recuncho deste planeta os humanos precisan entender -pola vía do entendemento ou pola máis crúa mitoloxía- a presenza constante da maldade (e o seu consentimento por parte deses seres aos que se lles atribúen todos os poderes. Acaso foi outra cousa o que fixo Hannah Arendt cando fala da Banalidade do Mal?
Cómpre lembrar que o 1 de novembro de 1755 (día de Todos os Santos) a terra tremeu baixo o chan de Lisboa. Terremoto, tsunami e incendio provocaron entre 60 e 100.000 persoas mortas. Mortos de mediados do século XVIII. Aquilo provocou tal conmoción entre os pensadores europeos que a Ilustración (e os seus eruditos) estiveron valorando moito se retirar á Natureza a súa condición de beneficiosa. A Natureza tamén ten as dúas faces: a benefactora e a maligna.
O mesmo acontece coas divindades e outras personaxes femininas que as diversas culturas e civilización foron inventando e conformando nas súas míticas explicacións do mundo.
Nestes meses de comezos de 2024 en Caixaforum Barcelona pódese ver e mesmo estudar o comportamento (diríase universal) das deusas e outras forzas. Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences vén sendo un amplo elenco de representacións estéticas elaboradas a partires dos mitos que iluminan o nacemento e vida das divindades femininas. As deusas, demos, bruxas e máis seres espirituais teñen identidade de xénero e, así mesmo, axudan a comprender as percepcións que do universo feminino hai por todo o mundo. A mostra Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences é unha creación do British Museum en colaboración con outras entidades, entre elas a Fundació LaCaixa, pola que agora en Barcelona están presentes 166 pezas dos fondos do British (o museo con fondos máis grandes), e que abranguen representacións de entidades femininas que van desde a prehistoria ata creacións de artistas contemporáneas. Esta exposición -unha das pioneiras en presentar o poder do fenómeno feminino, da feminidade- xa se puido ver en London, pasando logo polo continente australiano e mais por Madrid. En Venerades i Temudes é doado contemplar figuras (esculturas mormente) de deusas como Isthar ou Sekhmet a carón de pezas (ou performances) máis ou menos actuais de artistas como Marina Abramovic, Kiki Smith ou Niki de Saint Phalle. Por certo, xa no ano 1966, a artista Saint Phalle elaborou unha xigantesca escultura que titulou Hon (en lingua sueca “Ela”) que non é outra cousa co corpo dunha muller tumbado boca arriba (coas as policromías propias da artista) e que ofrece a visitantes a súa vulva e vaxina para que entren dentro do seu corpo, onde se programaron exposicións. Cave máis poder feminino?
Ao longo das salas e de tanta obra vanse vendo as diferentes maneiras de presentar esteticamente a diversas deusas e potencias femininas, forzas que son veneradas polos seus poderes, xa como aportadoras da abundancia e riqueza na terra, xa como posibles destrutoras deses mesmos bens que xeran. Na meirande parte de culturas e civilizacións hai unha identificación do feito feminino coa terra, coa Natureza. As mulleres son fértiles, como a terra que dá sustento ás comunidades.
En Venerades i Temudes sobresaen, polas súas dimensións e expresividade algunhas imaxes da deusa hindú Kali. Esta deusa moi forte é un claro exemplo desas dualidades das que se ten falado. Kali tanto pode ser a valentía como a destrución. Esta deusa moitas veces represéntase como unha guerreira vengativa, que emprega o seu poder para derrotar inimigos, derrotar o caos. Nesta ampla exposición da que se refiren características (Venerades i Temudes) é presentada con moitos brazos, coa boca aberta e a lingua fóra moi vermella (como símbolo dos inimigos que manducou), pisando a figura do seu home, o poderoso deus Shiva, e cun longo colar que representan cabezas de inimigos vencidos e devorados. Pero, pero Kali tamén é para a xente do hinduísmo a Nai Suprema, compasiva e que procura illar as forzas negativas e malignas para que non fagan mal aos seus seguidores.
Outra das divindades femininas presentadas é Oshun. Oshun é unha das orixas ou divindades da cultura yoruba, propia da África Occidental. Desde alí, pola salvaxe e inxente trata de escravos pasou a América onde ten agora moito ascendente en territorios como o Caribe ou o Brasil. Oshun é o orixa das augas doces. En Cuba identifícase coa virxe do Cobre, a patroa desa illa. De ser a deusa das augas doces (fontes, manantiais, etc.) pasa a ser a da abundancia, a da fertilidade. Moitas mulleres que queren ter fillos acoden a ela, á deusa dos vestidos amarelos e dourados. Por contra, tamén pode ser a forza do contrario, da infertilidade e calquera das súas manifestacións. Cando no ano 2016 o MACBA programou a magnífica mostra de Miralda MADE IN USA, o artista decidiu -con moi bo criterio- instalar na Capella dels Àngels altares dedicados a moitas das orixas. Aquilo era un verdadeiro festival de santería, ou de relixiosidade yoruba, ou desincretismo. En cada altar a imaxe do orixa acompañada das súas cores, os seus atributos, as súas viandas que lle son atribuídas. Toda unha exhibición de forzas sobrenaturais.
Se, dentro de Venerades i Temudes, se volven os ollares cara Grecia Antiga e as súas vastas mitoloxías, é posible atoparse con moitas personaxes femininas, e tamén duais, como representantes do ben facer e mais da destrución. A ninfa Circe, de sobras coñecida polo seu rol no poema homérico Odisea (esa marabilla literaria), é unha boa representante dese yin e yang mediterráneos. Circe transforma a todos os compañeiros de Odiseo(os que lle quedan da guerra de Troia) en porcos para así tratar de convencer a Ulises de que quede a vivir con ela e renuncie a volver a Ítaca. É unha figura que non para en usar calquera dos seus poderes para que se cumpran os seus desexos. Mais, ao final deixa marchar a Odiseo e aos seus compañeiros, e mesmo lles dá consellos do que han de facer para achegarse a Ítaca, a pequena patria.
Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Mulleres asociadas á Terra, á Natureza.
El cuerpo desnudo de la mujer ha sido representado con frecuencia en el arte como símbolo de fuentes y manantiales, de la fertilidad, en suma, como el de “La Fuente” de Jean Dominique Ingres, que representa una ninfa desnuda en pie frente a una abertura rocosa, sosteniendo un jarra de la que fluye el agua. (María Belmonte. El Murmullo del Agua, 2024).
O anterior anaco de texto do interesante libro de María Belmonte fai referencia directa a unha das constantes que as múltiples mitoloxías presentan: deusas e demais personaxes fabulosos femininos case sempre se asocian coa auga, e de aí coa fecundidade, coa natureza. Recoméndase ler este atractivo tratado sobre fontes, xardíns e divindades acuáticas. Ben moi ao caso do que se pode ver agora en Caixaforum: Venerades i Temudes. O mesmo título da exposición está facer toda unha declaración de dualidades: querenza e medo.
Unha das personaxes presentes en Venerades i Temudes é Lilith, esa mítica muller que aparece na Biblia como a primeira muller de Adán. Segundo se refire, Lilith foi creada de barro como o home, en igualdade; mais cando soubo que a ela lle correspondía o rol secundario, o de pañeira do home, negouse e marchou facer a súa vida. É considerada, por tanto, como a “muller liberada”, loitadora, un ser positivo para as mulleres. Pero. Sempre hai un pero, Lilith tamén é presentada como unha devoradora de nenos. A cara e a cruz; a eterna loita. En Venerades i Temudes hai varias representacións plásticas desta muller rebelde. Nunha de Weston Keen mesmo é presentada como unha matrona -co halo de divindade-, (modernista, simbolista) pero aos seus pés están as caveiras de persoas sacrificadas. Tamén se ofrece unha visión inquietante desta posible primeira muller, libre, loitadora. Kiki Smith, a fantástica artista ofrece unha escultura de Lilith, nunha posición inusual e perturbadora: semella camiñar a catro patas -espida, como derrotada-, e de súbito revira a cabeza cara a banda esquerda e crava os seus ollos de vidro azul na face dos espectadores. O efecto é violento, intimidador.
Xa se sabe que as teogonías e cosmogonías da práctica totalidade das culturas son machistas, son froito do pensamento dos patriarcados. Hai un exemplo rotundo do devandito -tamén na Biblia, esa mitoloxía xudía-: a muller de Lot. Ao saír de Sodoma ninguén pode mirar atrás, é o mandado divino. E a muller de Lot é a única que o fai, e alí queda, feita unha estatua de sal. Esta muller é tan vítima do patriarcado que nin nome ten; é “a muller de Lot”. Para darlle a volta ao conto, a poeta, premio Nobel, W. Szymborska, escribiu un fantástico poema sobre o caso desta muller: A muller de Lot. Velaquí algúns dos seus versos: Contan que mirei para tras por curiosidade. / Pero, máis aló da curiosidade, puiden ter outros motivos. / Mirei para tras doída pola miña escudela de prata. / Por descoido, ao atarme unha sandalia. / Para deixar de ver a caluga xusticeira / do meu home, Lot. / Pola súbita convicción de que se morría / el nin se detería. / Por desobediencia propia de mansos…
Noutras xeografías as dualidades están presentes. Pele é a deusa hawaiana do lume, dos volcáns, do lóstrego, da destrución. En Hawai, xa que logo, é unha das principais divindades. Pero, tamén é a deusa da danza, e tamén se considera que, logo da destrución que provoca un volcán, favorece que nesa nova terra volvan medrar colleitas. A loita dos contrarios. Esta loita dos contrarios é a constancia da vida. Esa confrontación é a que está na raizame da vida, da tensión precisa entre as dúas forzas primarias e primordiais dos seres vivos: Eros e Tánatos.
Na mostra Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences está presente un elenco enorme de deusas e personaxes femininos que ilustran calquera mitoloxía de calquera continente, illa ou cultura. É esta unha das definicións desta antoloxía de ritos e imaxes; demasiadas referencias, sen afondar en peculiaridades ou semellanzas duns lugares e outros. Dá a impresión de que o British sacou dos seus fondos esas 166 pezas, aínda que describan reiteradamente un fenómeno, e sen analizar menos casos e máis detidamente.
Quedan por citar tantas e tantas forzas que se recomenda ver a exposición e tirar conclusións propias. Poderíanse comentar cousas sobre Isthar, sobre Isis, Atenea ou Medusa. Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences vén sendo unha proposta interesante -poida que necesaria-, pero excesivamente descritiva.
❧
EXPOSICIÓN: Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum Barcelona, ata o 16 de xuño de 2024
You might also like
More from Artes
Irving Penn, a fotografía sen ornamentos | Lito Caramés
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo …
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha