14 de marzo – 4 de maio 2014
Espacio Moret Art – A Coruña
“Vínculos” é a última exposición que a fotógrafa ferrolá Helena Segura Torrella presenta no Espazo Moret Art da Coruña até o 4 de maio.
Fiel ao seu universo persoal presenta imaxes pechadas en si mesmas pero que suxiren múltiples interpretacións. As súas fotografías-historia son lendas que nos envolven en atmosferas con referencias á liguaxe cinematográfica. Están construídas con minuciosidade a través dunha moi pensada iluminación e unha exhaustiva dirección dos personaxes. A escea detense nun tempo indeterminado, en decorados de estudo ou exteriores fortemente intervidos polas luces, e mantén a tensión sobre unha acción que perturba o espectador, abocado a resolvela no tempo, deducindo o que pasou e proxectándoa cara o futuro.
Inevitable buscar as súas referencias entre outras grandes fotógrafas que renuncian á pretendida autenticidade da fotografía e renegan do documentalismo na súa obra e optan por construír a imaxe, como Tracey Moffatt ou Cindy Sherman que percorren ese camiño indagando no individual, ou o traballo de Jeff Wall, aínda que este, utilizando recursos semellantes, vira o seu encadre cara a identidade máis colectiva, remexendo nas señas propias da comunidade.
Nun rincón barroco da exposición, calificativo que tamén se podería usar para adxectivar algunhas das súas fotografías, sitúa unha pequena colección de retratos fundamentados nun estudo psicolóxico do personaxe, imaxes nas que teñen peso fundamental os ollos (abertos ou pechados), a mirada, sen esquecer unha escenografía coidadosamente elexida para cada un.
16-III-2014
You might also like
More from Crítica de arte
emotiva abstracción de Sean Scully | Lito Caramés
O artista Sean Scully vén sendo hoxe un dos máximos exemplos vivos de creadores que procuran reflectir as emocións que …
Tarsila do Amaral, artista “antropófaga”, esencial | Lito Caramés
Tarsila do Amaral, artista “antropófaga”, esencial, por Lito Caramés. Tarsila do Amaral. Pintando el Brasil moderno. Museo Guggenheim