Josep Carner, Carles Riba, Guereau de Liost, Salvador Espriu, Josep V. Foix, Joan Oliver (Pere Quart), Joan Vinyoli, Bertomeu Roselló-Pòrcel, Màrius Torres, Marià Villangómez, Vincent Andrès Estellés, Gabriel Ferrater, Andreu Vidal, son algúns dos grandes nomes da poesía catalá do século XX. A estes nomes poderiamos engadirlle os de Andreu Vidal Maria Mercé Marçal, Clementina Arderiu, Montserrat Abelló, Joan Salvat-Papasseit, Blai Bonet, Marià Manent, Agustí Bartra, Jordi Sarsanedas, Josep Mª Llompart, Bartomeu Fiol, Maria Antònia Salvat, Miquel Bauçà, Joan Ferraté, Josep Palau i Fabre, Joan Brossa, Francesc Garriga e algúns máis que tamén deron horas de gloria a esa poesía o pasado século; sen esquecermos nomes dalgúns outros poetas que, por sorte, aínda viven e pasan case todos dos 70 anos: Pere Gimferrer, Narcís Comadira, Feliu Formosa, Antoni Marí, Francesc Parcerisas, etc; non esquezo, aínda que non sexan poetas do meu agrado, os best-seller Miquel Martí Pol e Joan Margarit (este felizmente vivo). Como dixen noutro sitio, pódese afirmar que a poesía catalá viviu o pasado século XX unha verdadeira idade de ouro.
A finais dos anos 1980, semellaba que esta poesía entraba nun período de crise, mais antes de chegar o final do século as cousas comezaron a cambiar. Non é que teñan aparecido poetas que alcanzasen a altura dos grandes nomes do pasado, e mesmo, acho, dalgúns dos poetas que hoxe contan con 70 anos ou máis, pero os froitos que se colectan a partir do ano 2000 pensamos, aínda non recolleron todas as promesas das flores por falta, simplemente, de «sazón», mais levan camiño.
Mais a poesía catalá, como a poesía de calquera país europeo, en xeral, sufre unha crise de lectores. Só de lectores. Nos anos que van de 1950 ao 1990 existiron tres grandes coleccións de poesía: L’Escorpí, de Edicions 62, L’Òssa Menor, de primeira independente, fundada polo poeta galego-catalán Josep Pedreira (nacido en Barcelona de país galegos, poeta en catalán, tamén escribiu varios poemas no noso idioma), logo en mans da Editorial Aymà e hoxe publicada pola Editorial Proa –hoxe en mans do Grupo Planeta– e a colección de poesía de Llibres del Mall; había outras, importantes (como, por exemplo, La Balenguera, da mallorquina Editorial Moll; Quaderns de poesia, da Editorial Polígrafa; a colección «vangardista» Cristalls, que só publicou16 libros; ou a colección de poesía da valenciana 3i4, que lanzaba ao gran público (sic) o poeta Vicent Andrès Estellés, e algunhas que morrían despois de publicar tres ou catro libros, como a colección Ausias March, etc.), pero estas tres eran as que marcaban as «tendencias» e o «ritmo» da poesía catalá naqueles anos. A colección de poesía L’escorpí xa non se publica (o que non quere dicir que Edicions 62 non manteña unha colección de poesía; colección á que hai que engadir a que publican conxuntamente Edicions 62 e Editorial Empúries (ambas do mesmo grupo: Planeta). Edicions del Mall desapareceu; L’Òssa Menor continúa a publicarse baixo a éxida, como dixemos, da Editorial Proa. Este grupo –é dicir, o Grup 62/Planeta– tamén ten outras coleccións importantes de poesía en editoriais como Columna, por exemplo. A pesar da importancia das coleccións que sobrevivían a finais dos 1990 (Edicions del Mall desapareceu a finais dos 1980, exactamente en 1987), malia as dúas mencionadas coleccións, as novas de Columna e a de Empúries, e as novas de Quaderns Crema, a valenciana 3i4 e outras, a verdade é que ningunha delas chegaba a marcar as tendencias como fixeran no pasado L’escorpí, L’Òssa Menor e Llibres del Mall. Así as cousas, nos primeiros anos do novo século a poesía catalá comezou a bulir, sen que por iso aparecesen poetas que, digamos, sobresaísen por riba dos outros. A pesar das liortas entre varios grupos poéticos. É a finais da primeira década deste século cando, digamos, a cousa se dispara: empezan a aparecer novas coleccións en diversas editoriais: a xa clásica –en certa medida, era unha colección underground –Café Central, ás que hai que engadir a Editorial Andorra, El Gall, Labreu, Curbet, Meteora, Pagès, Perifèrica, Fonoll, Témenos, Edicions de 1984, Viena, Adia Edicions, etc. A variedade da poesía catalá dispárase como se disparan as coleccións de poesía. Outro dato a ter en conta é que a poesía catalá, en catalán, descentralízase: xa non é Barcelona o «centro» todopoderoso –aínda que continúe a ser o máis grande–: a maioría das novas coleccións de poesía que apareceron nos últimos anos son publicadas por editoriais que teñen a súa sede fóra da capital de Cataluña: unhas nas Illas Balears, outras no País Valenciano, a maioría en territorio catalán. Hoxe é imposíbel non só estar ao día da poesía catalá, senón mesmo apreixar a súa variedade: a única tendencia clara, tendencia que marca a case todas as literaturas occidentais, é a incorporación maioritaria da muller.
Esta incorporación da muller fica reflectida na antoloxía realizada por Vicenç Altaio e Josep Mª Sala-Valldaura, Mig segle de poesia catalana. Del Maig del 68 al 2018, Barcelona, Editorial Proa, 2018), continuación (ou suite, que diría un genettiano) da que realizaran os mesmos autores en 1980, Les darreres tendències de la poesia catalana (Editorial Laia). Como a anterior escolma a presente é a dun poema por poeta e escólmanse 232 (os autores sofren un lapso e dan a cifra de 231 poetas, op. cit., p. 27). A escolma quere ser unha panorámica case totalizadora da actual poesía catalá. Como ser totalizador en calquera campo é imposíbel, digamos que faltan algún/has poetas, e importantes, como Eva Baltasar ou Rodríguez Bernabeu, pero isto é o de menos.
A periodización que entregan Altaió/Valldaura é a seguinte: A Xeración dos setenta, nacido/as entre 1940 e 1959, ambos inclusive); a Xeración da caída do muro de Berlín (poetas nacido/as entre 1950 e 1975, aínda que se inclúa algún nacido antes, mais dise por que); e a Xeración do Terceiro Milenio (nacido/as entre 1976 e 1997). Como dixen noutro lugar (cf. Biosbardia), nin vou facer unha recensión nin discutir os criterios de periodización dos autores, senón entregar un dato determinado: o da presenza das mulleres na poesía catalá dos últimos cincuenta anos.
Segundo datos tirados desta antoloxía, a presenza da muller na poesía catalá nestes últimos cincuenta anos sería a seguinte: no apartado Xeración dos 70 escólmanse un total de 80 poetas, dos que 13 son mulleres, o que dá unha porcentaxe dun 16,25%. Na Xeración da caída do Muro de Berlín son 88 os poetas e 17 as poetas, do que resulta unha porcentaxe do 19,31%. Da xeración do Terceiro Milenio son trinta as poetas escolmadas ante un total de 64 poetas, o que dá unha porcentaxe dun 46,89%. Digamos que Altaió/Sala-Valldaura deixaron no tinteiro abondo mulleres, polo que coido que nestes momentos (a devandita antoloxía apareceu o pasado mes de maio) a cifra de mulleres poetas sería igual á de homes ou lenemente superior, e en progresión aritmética.
Esta presenza en aumento das mulleres na poesía catala actual vén confirmada polo importante traballo de Lluís Calvo: «Audaces i talentoses: la jove poesia a l’inici del segle XXI», que coloca os adxectivo en xénero feminino. O traballo de Calvo, o máis importante escrito até agora para entrarmos na selva que é a actual poesía catalá, foi publicado no volume La poesia catalana avui. 2000-2015, Juneda, Editorial Fonoll, 2016, pp. 47-148, que recolle a súa intervención no 2º Encontre d’escriptors catalans a les Garrigues. No mesmo volume hai tres traballos máis que nos introducen »na nova poesía en catalán: «La Ilíada. Panorama poético a les Illes Balears (2002-2015)», de Jaume C. Pons Alorda (pp. 149-175); «Ciutat, la del meu cor, la .que jo estimo. Panorama de la poesia del Ponent en els primers quinze anys del nou mileni (200-2015)», de Xavier Macià e Àngels Marzo (pp. 177-201); i «Génere, ideologia i poètica: subjectivitats distòpiques i subversives (2000-2015)», de Marta Font Espriu (pp. 203-224).
Hoxe nós entregamos un poema de 21 poetas catalás pertencentes ao que Altaió/Valldaura denominan Xeración do Terceiro Milenio. Algunhas das poetas escolmadas/traducidas por nós non aparecen na devandita escolma; outras que si aparecen non foron escolmadas/traducidas por nós: ante a riqueza da poesía escrita en catalán por mulleres pertencentes a esta xeración (da que escolmamos só poetas nacidas a partir de 1980, este ano incluído), penso que podería facer outra entrega co mesmo título que a presente, na que faltan nomes tan interesantes como os de Sandra Blanc, Àngels Moreno, Sònia Moya, Núria Armengol, Estel Solé, Misael Alern, Miriam Cano, Glòria Coll, etc. E se se engaden as mulleres incluídas nas outras xeracións,… No entanto, digamos que esta é unha escolma «informativa», máis nada.
*
MARIA ANTÒNIA MASSANET (1980)
Vin no momento
en que o ventre firme
xa non deixa entrever ningunha marca
atravésache a pel
sucada de anos
amasada de feitos
fermentada de experiencias.
Como me deches a luz
neste lugar
pregúntome.
Apacentáchesme
para despois deixarme
no mundo.
Pero despois de catarche
como queres que ache pracer
en calquera outro manxar.
Ávida de luz
como queres que non te reproche
o lanzarme á escuridade
obrigada a ser outra, repudiada de ti?
(de batec.)
*
ANNA BALLBONA (1980)
Crónica
A herba do xardín devora
materialmente a casa,
co alugueiro dentro,
di un conto de
Miquel Àngel Riera.
Na Colonia Castells
as magnolias semellan
querer comer as casas,
supéranas, de moito,
en altura, di a crónica.
Aquí non se trata
de mecanismos surrealistas
senón de planos urbanísticos,
ou outras cousas mesturadas.
«Aínda non sabemos
cando teremos que
marchar.»
«Un momento despois
a casa caíalle enriba
minguando de volume,
como unha pelota
que se deshincha.»
Voraces magnolias caen a terra
con casas baixas dos anos vinte,
resignadas a un final inelutábel.
A infamia da fame dobrégaas
(de La mare que et renyava era un robot.)
*
Foto: Três Desgraças de Amor, por Alfredo J. Ferreiro Salgueiro (2018).
You might also like
More from Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
XIIº Encontro de Escritores de Língua Portuguesa
Entre os dias 5 e 8 de setembro tive a honra de representar a Galiza em Cabo Verde no XIIº …
Seis poemas de Bendinho Freitas
Bendinho Freitas Foi em Maio deste ano, no âmbito das 13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento celebrados …