Lonxe de ser pesimista, só quero que reflexionemos sobre a necesidade de realizar estudos dende unha perspectiva de xénero, dentro da crítica literaria galega na Galiza.
Non considero que sexa ofensivo para nós, para as mulleres, coido que é desalentador. Somos as ignoradas, as silenciadas, as maltratadas, as invisibles. A omisión das mulleres en toda a cultura, provoca unha grande perda e un empobrecemento notable para todos, o que nos deixa con menos recursos para comprender o presente e afrontar os retos. Isto representa, sen dúbida, un fracaso social colectivo que tamén é alimentado a partir da educación. Carecemos de referentes femininos, modelos de identificación social e/ou individual aos que seguir. O recoñecemento dos nosos méritos, para o desenvolvemento da sociedade, son desvalorizados. Somos relegadas a cidadáns de segunda clase. Unha desigualdade implícita que se transmite de forma moi eficiente a través da educación, a través desta falta de recoñecemento, axudando a establecer e perpetuar a desigualdade de xénero, materializada, por exemplo, na diferenza salarial, na violencia machista ou no teito de vidro (a verdadeira dificultade para as mulleres para ocupar posicións de poder).
Toda a sociedade está a contribuír na transmisión de normas discriminatorias, cheas de prexuízos, que impiden acadar a igualdade de oportunidades. Por iso, esta, até hoxe, minoría consciente, estamos a traballar a través de moitos campos, temas, con diferentes ferramentas de intervención, que nos posibiliten a inclusión sistemática de mulleres en espazos vetados para elas, e ir camiñando con pasos firmes cara a igualdade.
Cada tímido proceso que realicemos dende unha perspectiva de xénero, suma, posibilitando perspectivas multiposicionais simultáneas que evidencien a inoperatividade dos procesos de monolitización do (anti)pensamento redutor patriarcal. Por tanto, de novo alentar a toda a sociedade para dar pasos cara adiante e na mesma dirección como os que hoxe estamos dando aquí.
Depois desta pequena introdución, centro o discurso. O tema que me corresponde apenas presentar é Literatura galega: identidade, alteridade e exilio. Visión de xénero na crítica literaria galega.
Para poder desenvolver esta pequena e humilde disertación, púxenme en contacto cos máis coñecidos e recoñecidos críticos e críticas literarias deste país, para tirar unha visión máis profesional e plural sobre o tema (1). Coas súas respostas a un pequeno inquérito e as miñas propias conclusións, espero poder dar un pouco de luz sobre este tema.
Comezo reflexionando sobre isto: que é a crítica literaria?
Consiste nun exercicio de análise e valoración razoada dunha obra literaria, nun medio de comunicación actual. Cabe distinguila da historia da literatura, que realiza unha crítica e valoración moi a posteriori e, frecuentemente, de forma máis documentada e ecléctica.
Existen dous grandes xéneros de crítica literaria: a que propón como proxecto o rigor metodolóxico e científico e aqueloutra que establece a propia subxectividade ou o seu carácter polémico ou informativo.
Na enquisa realizada, parto da base de que existe un sistema literario galego, cunha compoñente importante na crítica literaria.
Segundo esta premisa recollo a opinión, daqueles que tiveron a ben responder á miña demanda, sobre que opinión lles merece a crítica galega, entendida como tal, a feita en galego sobre libros escritos nesta lingua.
Concordan, na súa maioría, en que a crítica profesional e científica como tal, non se exerce de maneira efectiva no noso país, na “súa función selectiva e dialéctica”, en palabras de Ana Salgado, para que sexa un terreo que propicie verdadeiramente a discusión, quizais, e nin sempre, fóra do ámbito estritamente académico. Inciden en que non se leva a cabo unha crítica negativa en case ningún caso, só pequenas apoloxías dos libros criticados e/ou haxiografías dos propios e propias escritores e escritoras. Diferencian, moi acertadamente, entre crítica académica e a situada nas marxes.
En canto á visibilidade dentro do entorno dos mass media e publicacións especializadas, en canto a calidade, repercusión na sociedade, etc, comentan que resulta difícil medir o impacto real da crítica galega, xa que está moi dirixida a un público concreto, mais a invisibilización e invisibilidade da literatura leva asociada a invisibilización e invisibilidade, aínda maiores, do discurso crítico arredor dela. Existen poucos espazos para a crítica e estes son maioritariamente hexemónicos e patriacais. Así, finalmente, os lectores podemos rematar por confundir a calidade coa cantidade de laudatios que reciba un escritor e como apuntaba Mario Regueira, se cadra, só nos está a manifestar cal é a súa rede social.
Tamén existe unha literatura de xénero feita por mulleres que manifestan abertamente un compromiso feminista reflectido nas súas obras. Pregunto ás críticas e aos críticos: Como consideran o comportamento da crítica fronte a este tipo de obras e autoras? Como está a ser o tratamento destas obras? Existe un diferente tratamento destas obras segundo a crítica sexa realizada por mulleres ou homes?
As respostas apuntan cara a que “o patriarcado non pesa máis nin menos que no resto dos planos sociais, a cultura, non é algo que realmente nos faga libres da discriminación coa que as mulleres e os nosos discursos vivimos todos os días”, como afirma nese senso Ana Salgado.
Eli Ríos apunta: “se a obra mantén intactos os canons patriarcais e non resalta demasiado o “feminismo” os críticos deciden publicitala para demostrar que as mulleres temos cabida tamén na literatura galega, non acontecería o mesmo se fose abertamente feminista”.
Para rematar insisto en se existe unha distinta visibilización da crítica feita por mulleres e aqueloutra feita por homes, ou un tratamento diferente feito polos lectores. E se consideran que se trasladan os preconceptos da sociedade ás distintas interpretacións das obras realizadas por homes e mulleres.
Concordamos en que existe, desde o momento en que a meirande parte da pouca prensa que crea espazos para a literatura, os elixidos para facer crítica son homes. Os medios, ademais, están dirixidos por homes, e reflicten a mentalidade machista dominante na sociedade, cando non a promoven. Por tanto, existe unha tendencia a interpretar de forma distinta o valor do traballo feito por un home e o feito por unha muller.
Ramón Nicolás súmase ao destacar que a aparición da plataforma de crítica literaria A Sega é a manifestación máis clara, pertinente e iluminadora desa diferenza e afirma: “penso que cumpriría unha maior presenza de críticas neste país que abordasen o que se publica con criterio e honestidade, e o criterio, cando menos, sempre debería ser plural, aberto, argumentado e sen estridencias. O exemplo da páxina A Sega paréceme moi interesante, por exemplo”.
Como conclusión, resumo as ideas xerais arredor da crítica literaria galega realizada por mulleres fronte á feita por homes:
– Confróntase a existencia da crítica moi ligada ao entorno e ás filias e fobias dos críticos e críticas xunto coas súas relacións persoais.
– Faise referencia á escasa presenza dunha crítica académica fronte á apuntada como “crítica de novidades” moito máis lixeira, en canto a contido, e cun ton marcadamente publicitario e, polo tanto, laudatorio.
– Por outra parte semella que aumentan os espazos críticos na rede fronte a unha realidade que pecha xornais e suplementos específicos.
– Salientar que falamos de literatura nun país e nunha realidade lingüística concretas. Por unha parte un país onde apenas se le e onde o idioma está absolutamente minorizado. Neste contexto, a repercusión tanto da mensaxe literaria como da crítica é moi reducida.
– En canto ao xénero existe unha reprodución na arte das dinámicas sociais existentes, non é especificamente abordada dado o posible descoñecemento da temática feminista ou o desinterese e rexeitamento que esta xera.
– Na crítica non se pode falar dunha mala acollida das obras que tratan as cuestións de xénero, e si, se cadra, dun “machismo brando” sempre situado dentro do contexto da sociedade patricarcal que relega á muller a ocupar espazos menos visibles.
– Por outra banda, salientar a aparición de crítica específica trala presenza de A Sega, que vén cubrir un baleiro no que se refire ao tratamento da literatura de xénero.
– Malia que se teñen dado pasos para mellorar, por medio da literatura, a visibilidade dun discurso feminista, a lousa do patriarcado continúa a frear eses mínimos avances. Dentro incluso das mentes máis manifestamente progresistas, fica aínda un pouso de machismo que se manifesta normalizado na actitude mostrada habitualmente tanto por homes como por mulleres. Somos tamén todos e todas nós a primeira barreira que debemos superar no camiño para acadar unha sociedade máis libre e igualitaria.
Bibliografía:
Queixas Zas, Mercedes (1999): Breve historia da literatura galega. Promocións culturais galegas: Vigo.
Tarrío Varela, Anxo (1994) Literatura galega, Aportacións a unha historia crítica. Xerais: Vigo.
VV. AA. (2003): Lingua e literatura II. Rodeira: A Coruña.
NOTA
(1) Das e dos 34 críticos literarias/os galegas/os coas/os que me puxen en contacto, os e as informantes que tiveron a ben responder á miña enquisa foron: Montse Dopico, Xosé Manuel Eyré, Ramón Nicolás, Mario Regueira, Eli Ríos, Ana Salgado e Susana Sánchez Arins.
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …