Eggleston. Untitled (The Outlanlads), 1971
Cómpre ter un talento especial para que un artista, un creador pare os seus ollos, deteña as súas sensibilidades en captar as imaxes máis cotiás, aquelas que -por iso, de uso diario- perden interese absoluto para a maioría dos mortais. O fotógrafo William Eggleston é desa estirpe escollida que atopa na banalidade a atracción necesaria para elaborar unha e mais outra series retratando cotidianidades. Haberá algún valor oculto nas de acotío? O pintor Antonio López é outro dos escollidos? E Saul Leiter?
❧
William Eggleston. El Misterio de lo cotidiano. “Before color”. Antonio López
The child needs a helping hand / Or he’ll grow to be an angry young man some day / Take a look at you and me / Are we too blind to see / Do we simply turn our heads / And look the other way / Well, the world turns / And a hungry little boy with a runny nose / Plays in the street as the cold wind blows / In the ghetto (Mac Davis, In the Ghuetto, 1956, popularizada por Elvis Presley).
O KBr Barcelona Photo Center, esa monumento que a Fundación Mapfre dedica á fotografía, vén de inaugurar (outra volta) unha exposición única e espectacular sobre un dos fotógrafos norteamericanos máis arriscados e sobranceiros. De Eggleston dise que foi o inventor da fotografía artística en cor. Naqueles anos 50 que -como antes e despois- se consideraba a fotografía en colores como unha ferramenta só de emprego comercial, e practicamente refuxiada na publicidade, William Eggleston comeza a retratar espazos domésticos e de inmediata proximidade coa plenitude das cores.
Antes diso, xusto é dicilo, Eggleston pasou anos facendo o que tocaba, retratar en B/N, a foto estética e artística. Moitas desas fotografías en escala de grises foron logo recollidas nun álbum ao que lle puxeron o evidente nome de Before color. As máis de 80 imaxes que agora recolle a mostra William Eggleston. El Misterio de lo cotidiano en KBr pódense dividir en dous grandes apartados: a fotografía en B/N e logo as series que foi elaborando xa nas cores tan persoais e saturadas.
Pero xa o artista -na mocidade e nos campos de grises- ía polos vieiros da cotiandade, polo que algún crítico lle dixo respecto dunha mostra nos EEUU: son fotografías perfectamente banais. No KBr é doado ver unha imaxe dun forno eléctrico, doméstico; a porta aberta e case toda a imaxe está ocupada polas tripas do forno: negro, limpo. Que atrae a atención do creador do interior doméstico, do forno aberto? E un lavabo branco? Calquera persoa lávase varias veces ao día no lavabo da súa casa (ou do motel no que se aloxa), pero que ten de especial? Esa mesma pregunta habería que facerlla tamén a Antonio López que ten un dos máis impresionantes debuxos a lapis co tema do lavabo do seu estudo e mais o espello que está por riba. Antonio López (que é capaz de debuxar e/ou pintar toda a súa casa, todo o seu estudo) tamén vén sendo do club dos elixidos coa sensibilidade para coa banalidade? López tamén adiviña a solemnidade das cousas miudas e cotiás? Uns anos atrás Guillermo Solana, daquela director artístico do Museo Thyssen-Bornemissa, manifestou que a pintura La Cena (de Antonio López) tiene un aire casi eucarístico, sacramental. Están comiendo cosas muy normales, muy corrientes, con una vajilla muy corriente. La cena de una familia de los años 60, de una España en desarrollo pero, que tiene la solemnidad de un sacramento. Por certo, vén de abrirse ao público unha magnífica exposición de Antonio López no andar principal de La Pedrera: unha ocasión excepcional para revisitar debuxos, pinturas e mais esculturas do artista de Tomelloso.
Outra das orixinalidades (ou non) de Eggleston, ao retratar escenas cotiás e rutineiras en B/N, é que moitas das tomas que fai coa cámara lembran as pinturas de Edward Hopper, como logo se verá tamén nos apartados de cor. William Eggleston (Memphis, 1939) naceu e viviu case toda a súa vida nesa cidade do sur dos EEUU, por iso moitas das persoas que aparecen nas intranscendentes imaxes de Before color son persoas negras, afroamericanas. O anaco de letra da cantiga In the Ghuetto, popularizada a partires de 1960 por Elvis Presley (outro artista moi enraizado nesa cidade de Tennessy), conta orixinariamente a historia dun neno que nace e vive no ghuetto de Chicago e onde morrerá polo impacto dunha bala.
William Eggleston. El Misterio de lo cotidiano. Hopper
Unha crenza común vincula estes fotógrafos con Edward Hopper. Todos eles gardan fidelidade á realidade visible. Todos cren que hai un significado agachado nas cousas cotiás. Por iso, como místicos do trivial, crearon imaxes, un co pincel, os outros coa cámara que están na liña que separa o mundo exterior do mundo interior. (Crítica en “Der Spiegel” a unha exposición de Hopper e Eggleston e outros fotógrafos norteamericanos, 1992).
A exposición á que se fai referencia no parágrafo anterior celebrouse no Folkwang Museum de Essen e pretendía, precisamente, presentar -como froito das mesmas sensibilidades e teimas artísticas- as creacións de Hopper, o gran retratista das soidades dos cuartos de motel, e as “banalidades” que capturaban fotógrafos como Eggleston nas mesmas xeografías e realidades sociais. De certo hai imaxes, xa en B/N xa en cores, que remiten a pinturas do autor de Nighthawks.
A comezos dos anos 50, contra todo prognóstico, William Eggleston decide ir probando a retratar as realidades máis próximas (o que xa facía en B/N) con cores; e con finalidades artísticas, non comerciais. Velaí a novidade! Daquela as técnicas para o emprego das cores sobre papel fotográfico eran aínda bastantes rudimentarias, e o autor da serie Los Alamos aposta pola coñecida como “transferencia de cores”. Esa técnica consiste en ir imprimindo sobre o papel unha cor e logo outra, e outra, de xeito artesanal. Consiste nun método moi similar ao que daquela empregaba tanto a serigrafía nas imaxes destinadas á publicidade. Por iso as imaxes de Eggleston teñen unha cores fortes, saturadas de cor, brillantes, e por iso, tamén, lembran tanto os traballos que -por exemplo- facía Andy Warhol nas súas serigrafías. Eggleston é contemporáneo da Pop Art. Pódese afirmar que é un fotógrafo Pop Art? As similitudes estéticas son moitas.
De Eggleston tense dito que, para retratar esa realidade cotiá, para deterse a tomar esas imaxes perfectamente banais, deviña un flanêur, un paseante vagabundo que se detén antes calquera escena e dispara. Por tanto ao fotógrafo de The Outlands (a súa serie máis sobranceira) os motivos que provocan os seus disparos aparecen, móstranse diante del, levados polo azar, compinchados con sorprendentes coordenadas de espazo e tempo. Eggleston vaise sorprendendo da maxia de todo o que é inmediato, da solemnidade dun sacramento que se lle revela ante unha hamburguesa, nun surtidor de combustobles.
A sorte (outra volta o azar?) catapulta a Eggleston a cumes da fotografía artística en cores. Iso comeza a ser certo cando, no ano 1976, o MOMA de New York convídao a expoñer individualmente nas súas salas nada menos que setenta e cinco fotografías en cores: Photographs by William Eggleston. Un sinxelo título para todo un escándalo. Era a primeira vez que un fotógrafo expuña imaxes en cores nas paredes dun museo. Nunca antes se fixera semellante cousa. Esa mostra mudoulle a vida, e tamén o fixo sobre a consideración da fotografía en cores con finalidades artísticas. Por riba os seus retratos non captaban feitos, realidades destacadas; non. Eggleston pendurou no MOMA aquelas imaxes que o azar lle presentaba e que el capturaba rapidamente, seguindo os predicados do “instante definitivo” de Cartier-Bresson. Eggleston ten dito que el dispara sobre obxectos e persoas e que marcha: só hai unha fotografía nun intre concreto, e xa comeza a pensar na seguinte.
As propiedades das fotografías de Eggleston pódense apreciar nas imaxes que agora colgan en amplo número nas paredes do KBr da Fundación Mapfre (William Eggleston. El Misterio de lo cotidiano) e, xa que logo, nas que acompañan este texto. Como é habitual a Fundación Mapfre publicou un magnífico catálogo onde se pode apreciar a calidade das cores e mais do B/N que o fotógrafo foi tomando nas súas realidades máis próximas. Tende dito, tamén, que Eggleston é un fotógrafo do sur, das realidades dos estados do sur dos EEUU. Paisaxes onde domina o sol, onde as cores son potentes e as atmosferas tenden a ofrecerse con melancolía cálida. Algúns críticos son quen de establecer certas relacións con artistas do sur. Sen ir máis lonxe coas lumínicas novelas de William Faulkner.
William Eggleston. El Misterio de lo cotidiano. Outros pioneiros da fotografía en cores
As salas do KBr Barcelona Photo Center están agora inzadas polas imaxes que os organizadores lograron traer das diversas series que Eggleston foi elaborando ao longo da súa vida, recollidas na mostra William Eggleston. El Misterio de lo cotidiano. Nas diversas salas van aparecendo imaxes “perfectamente banais”, si, pero inquietantes. Ao ir vendo unha e logo outra e outra máis a quen observa invádenlle preguntas: por que lle interesa unha fonte pública que non funciona? A imaxe está no KBr, trátase dunha fotografía dun recipiente branco, xa luxado, ao que non chega auga, nin ten tubos para recoller nada. A carón, sobre a parede amorfa e verdosa, a alongada sombra que proxecta un sol de tarde. A sombra ocupa máis espazo co propio elemento de mobiliario urbano. Será a negra sombra a que reclama a atención dos visitantes?
As masas impoñentes de varios automóbiles dos anos 50 aparcados ás portas dos cuartos de calquera motel, tomados desde o piso de riba e de noite… que lle provocan ao fotógrafo? É unha imaxe que veu e seguirá vendo moitas, moitas veces… A fiestra e a mesa nun avión en pleno voo; pola fiestra o ceo azul e algunhas nubes, sobre a mesa un cóctel (con martini?) de exquisita cor vermella e o seu reflexo sobre o branco da mesa, mentres unha man feminina introduce unha palla no líquido. Que acontece? Por que é especial?
Noutras áreas da creación téñense visto e proposto unhas cores similares, e mesmo a banalidade como xeito de guiar a creatividade. No filme París, Texas, Wim Wenders aposta por estéticas similares. En moitas das escenas do suxestivo filme amosan paredes, automóbiles e obxectos de cores moi fortes, case agresivos. Esas cores que mesmo son capaces de resultar opresivos, tendo en conta o que se quere narrar. Acaso se trata de postais de cores rechamantes, convocadoras de turistas?
En 2017 William Eggleston, o fotógrafo, editou un dobre LP co título de Musik. Son grabacións feitas polo propio artista nas que bota man (como non!) das bases compositivas e melódicas da música de Jazz.
No ano 2018, a Fundación Fotocolectania programou unha mostra ampla e fenomenal do fotógrafo Saul Leiter: In search of beauty. Alí puidéronse ver retratos de rúas, de persoas de New York anónimas, feitos xa nos anos 50, aínda que o fotógrafo non as tiña mostrado ata bastantes anos despois. En 2006, cando Leiter tiña 83 anos, o seu amigo Martin Harrison logra que publique un libro coas imaxes andara facendo por New York nos anos 40 e 50, en color. Harrison é fotógrafo, pero tamén é comisario de exposicións de fotografía e de pintura. O libro de Leiter, Early Color, foi todo un descubrimento para entendidos, museos e público. Case ninguén sabía deses traballos temperáns do fotógrafo. Desde ese instante todo foron chamados ao fotógrafo nugallán do East Village neoiorquino. O éxito que non tivera, nin perseguira, en todas as décadas de traballo, chegoulle de golpe. As súas fotografías están agora nos mellores museos. Neste vídeo é doado contemplar as imaxes que se publicaron en Early Color. Leiter tamén foi un dos pioneiros en comezar a traballar a fotografía artística en color.
Outro caso. Xa nos anos 40 o fotógrafo suízo Werner Bischof decidiu tomar imaxes en cores, imaxes estéticas, artísticas. Bischof ata entón traballara en B/N, para revistas e mais para outros medios como a publicidade. Pero cunha cámara que lle regalaran decidiu comezar a retratar persoas e obxectos coa novidosa técnica da cor. Esas imaxes teñen en común coas de Eggleston e mais as de Leiter que as súas cores son moi saturadas de cor; de certo as técnicas das imaxes en cores tan temperá non permitían outras cousas. Bischof acabou ingresando na Axencia Magnum, a carón de Robert Kapa e outros fotoperiodistas e reporteiros que percorrían as xeografías dos continentes. Morre no Andes peruanos aos 38 anos, o mesmo ano (1954) que o seu compañeiro Robert Kapa ao pisar unha mina en Corea. Bischof é -xa que logo- un verdadeiro adiantado no emprego das cores para as fotografías artísticas?
EXPOSICIÓN: William Eggleston. El Misterio de lo cotidiano. KBr Barcelona Photo Center, Fundación Mapfre, ata o 28 de xaneiro de 2024
You might also like
More from Artes
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento