Este mes de maio concorren en Barcelona moitas mostras de fotoperiodismo. En diferentes institucións e salas sucédense as instantáneas gañadoras de varios concursos. O máis destacado é o World Press Photo 2017: as fotografías da violencia e da deshumanización, que se presenta no CCCB. Coma sempre, estas exhibicións públicas van acompañadas de polémica. Eticamente convén publicar esas fotos? Alentan máis violencia?
Lito Caramés
Maio, o mes da fotografía en Barcelona
O mes de maio é o mes das flores, a plenitude primaveral, e tamén o período no que se conmemoran as Letras Galegas –este ano adicadas a Carlos Casares–. Paralelamente, as exposicións de fotografía sucédense na cidade de Barcelona, igual ca noutras moitas vilas europeas. Pero este mes xúntanse na cidade condal unhas cantas citas que permiten definir ao mes de maio como o mes da fotografía. No Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB) e mais en Foto Colectània abriuse a peculiar mostra Fenomen Foto Llibre, unha escolma de traballos sobre a concepción e elaboración práctica dos fotolibros de calquera xeografía e da súa importancia nas sociedades actuais. No Palau Robert, ese espazo multidisciplinar do que dispón Barcelona (onde ata hai pouco había unha mostra de fotografía de Manuel Outumuro: Barcelona. Retrats), vén de abrirse a exposición Disorder, os traballos finalistas do Premio Global de Fotografía e Sostibilidade Prix Pictet. O grupo financeiro suízo Pictet premia cada ano a mellor obra de fotografía sobre un tema relacionado coa sostibilidade e o medio ambiente. Hogano o tema era o desorde. O premio Pictet pide a cada participante dez instantáneas sobre o tema proposto. Agora no Palau Robert están presentes os traballos dos doce finalistas. Na Fundación Mapfre pecha as portas a mostra Peter Hujar. A la velocidad de la vida, e dentro de dúas semanas abre outra do fotógrafo Duane Michals, un dos grandes nomes da vangarda norteamericana que se dedicou a combinar a fotografía con outras disciplinas, como a poesía e mais a pintura, renovando para iso a linguaxe fotográfica.
Tamén en Caixaforum Barcelona presentouse nestes días pasados a 20ª edición de FotoPres La Caixa, que ofrece ao público o traballo de dez fotógrafos que abordan temas de actualidade como o medio ambiente, Corea, o urbanismo en Castela A Mancha, a vida dos ricos en Beirut, a familia ou o futuro da mocidade. En no palau de La Virreina Centre de la Imatge seguen incansables as mostras do que facer fotográfico. Por último, citar que neste mes e nesta vila fallarase o premio POY Latam. Este premio foi creado pola asociación de Fotógrafos Ecuatorianos no ano 2011 para premiar a mellor fotografía documental e artística de Iberoamérica; e en tan poucos anos xa se transformou no concurso máis grande e dos máis importantes de Latinoamérica.
Ozbilici. Asasinato en Turquía
A Fundación Photographic Social Vision
Dentro de todo este panorama fotográfico, diverso e excelente, que se vive agora en Barcelona vén de abrir as súas portas no Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB) os traballos premiados no concurso World Press Photo 2017, premio e exposición organizados pola Fundación Photographic Social Vision, que ten como obxectivos sensibilizar á sociedade sobre as cuestións sociais máis problemáticas, promover a transformación e a integración social e apoiar a promoción profesional de fotógrafos documentalistas. O lema da fundación, segundo explicou na presentación Silvia Omedes, directora da Photographic Social Vision España, é ver para entender.
Precisamente na presentación da World Press Photo 2017 estiveron presentes algúns dos fotógrafos españois que foron premiados nesta convocatoria de 2017: Santi Palacios, Francis Perez, Jaime Rojo, Daniel Etter e Carla Tramullas. Obter unha mención, un premio neste certame ten mérito, pois hogano participaron no concurso 80.408 imaxes, feitas por 5.034 fotógrafos de 125 países, entre eles 222 fotógrafos españois. De tanta cantidade e diversidade de fotografías a Fundación seleccionou só 143 fotografías, que agora poden verse e analizarse no CCCB ata o 5 de xuño. Segundo comentou Silvia Omedes, só o 15% das fotoperiodistas son mulleres.
Bronstein. As vitimas silenciosas dunha guerra esquecida
A fotografía premiada: a World Press Photo do Ano
Votei en contra de escoller esta fotografía. Temo que a través da difusión adicional que comporta o premio esteamos amplificando a mensaxe dos terroristas. É a foto dun asasinato, o asasino e a vítima aparecen, e isto moralmente presenta os mesmos problemas que publicar as decapitacións terroristas. (Stuart Franklin, presidente do xurado de World Press Photo 2017).
O 19 de decembro de 2016, Mevlüt Mert Altintas –axente de policía de 22 anos– asasinou o embaixador ruso en Turquía, Andrey Karlov, durante a inauguración dunha exposición de fotografía rusa en Ankara. O intre do asasinato e posterior declaración que fixo Mert Altintas foron recollidas polo fotógrafo Burhan Ozbilici. A instantánea –axilmente captada por Ozbilici– mostra en primeiro plano a Mert Altintas, de corpo enteiro, berrando, co brazo esquerdo ergueito cara o ceo e cunha pistola na man dereita. Detrás dese corpo vivo do policía queda o corpo morto, tumbado no chan, do embaixador ruso, e, ironicamente, o fondo da imaxe fórmano as paredes da sala de exposicións con tres fotografías colgadas que reflicten escenas de tranquilidade e sosego rural. A fotografía foi publicada polo The New York Times, e o xurado do premio escolleu esta instantánea entre todas as demais porque reflicte a explosión de odio presente nos nosos días, cada vez que a ves sacódete. Mert Altintas efectuou primeiro algún disparo ao aire, e logo xa directamente ao embaixador ruso, mentres berraba: Alá é grande! Alá é grande! Nós morremos en Alepo, vós morredes aquí! Matades a xente inocente en Alepo e en Siria! Aínda tivo tempo, Mert Altintas, de ferir a varias persoas cos seus oito tiros antes de que outros policías o matasen a el. Testemuñas do suceso afirmaron a medios periodísticos que o asasino sabía que non ía saír vivo da sala.
Como moitas outras veces, a publicación primeiro nos medios periodísticos e logo reincidir na publicidade da mesma a través de premios tan recoñecidos como é o World Press Photo levanta a polémica sobre a conveniencia ética de dar publicidade á violencia, á barbarie. Mostrar a crueza da morte violenta, alenta os asasinatos? Na convocatoria de 2017 tamén houbo esa polémica. O presidente do xurado do World Press Photo, o fotógrafo británico e membro da axencia Magnum, Stuart Franklin, votou en contra, como xa se recolleu unhas liñas máis arriba, argumentando que esa imaxe é comparable a outras que xa acordaron moitos diarios de non publicalas. Stuart Franklin é o autor da famosa instantánea que mostraba un estudante diante dunha fileira de tanques en Tiananmen. Por contra, Barbie Zelizer ten declarado a varios medios que esta fotografía de Ozbilici xa é ben coñecida porque foi publicada en moitos medios de comunicación e en moitos países, e se un feito é noticia para que se describa con palabras tamén o é para ser fotografado. A violencia ficticia hoxe inunda series e videoxogos, pero tamén hai violencia real, e é paternalista tratar de limitar a exposición do público a estes documentos. A polémica está servida.
Palacios. Abandonados
World Press Photo 2017: Guerras, refuxiados
Pensábamos que el niño y la niña lloraban de miedo, pero su tía nos dijo que lloraban porque su madre había muerto en Libia después de cruzar el Sahara, y en esos momentos eran conscientes por primera vez de que no volverían a verla. Con imágenes como esta me cabreo mucho, y mi trabajo consiste en compartir el enfado y pelearme con los medios para que la publiquen. Coincidió con la celebración de los Juegos Olímpicos de Río y durante esos días las miserias ajenas importaban muy poco (Santi Palacios, sobre a súa fotografía premiada Abandonados).
O primeiro premio de fotografías individuais, dentro do World Press Photo 2017, foi para unha instantánea de Paula Bronstein: As vítimas silenciadas dunha guerra esquecida. A foto reflicte a realidade de Afganistán, un estado que vén tendo conflitos bélicos seguidos desde 1979, cando a URSS invadiu ese país. Hogano non se pode dicir que haxa unha guerra declarada, pero a violencia matou 1600 persoas en 1916, por non falar dos milleiros de feridos; a meirande parte poboación civil. A fotografía de Bronstein mostra a Najiba tendo conta no hospital do seu sobriño Shabir de dous anos de idade, ferido pola explosión dunha bomba en Kabul. A estrutura triangular –equilátero a máis dicir– da composición converte a foto na imaxe da actual piedade. É unha imaxe perfectamente comparable coa Pietá Vaticano, de Miquelangelo Buonarroti, aínda que as figuras de Bronstein teñen máis forza; o dramatismo que lle dá a realidade da escena vaí máis aló da serenidade que presenta Miquelangelo. Ese primeiro premio de fotografías individuais é compartido coa instantánea de Laurent Van der Stockt, titulada Ofensiva sobre Mosul. A fotografía non mostra directamente un acto de guerra. As Forzas de Operacións Especiais Iraquís (Golden Division) rexistran as casas dos distritos de Mosul á procura de membros do Daesh, 2 de santos de 2016 (por coincidencias macabras, día dos mortos). Pero na fotografía só aparece o terror, o espanto da poboación civil: dos nenos asustados.
Santi Palacios, fotógrafo español, foi premiado (segundo premio de fotografías individuais) pola instantánea Abandonados. Na foto unha nena nixeriana de 11 anos chora xunto co seu irmán de 10 a bordo dun bote de salvamento dunha ONG, o 28 de xullo de 2016, entre Libia e Italia. A rapaza di que a súa nai morreu en Libia. Os nenos viaxaron nun bote pneumático sobrecargado de refuxiados que queren chegar a Europa. Foron rescatados con vida, despois de estar hora no bote que os contrabandistas ofrecen aos refuxiados a cambio de 700 ou milleiros de dólares. Santi Palacios é autor de moitas fotografías de refuxiados que xa foron publicadas, e tamén de instantáneas feridoras das barreiras metálicas que o goberno español pon en Melilla e en Ceuta.
No caso destas tres fotografías premiadas, como se pode apreciar claramente, o seu denominador común é mostrar vítimas inocentes da guerra, da violencia, dos fanatismos. E, por riba, esas vítimas inocentes son nenas e nenos, as persoas máis indefensas e vulnerables. Como evitar tanto sufrimento? Como resarcir a estas persoas das feridas físicas e, peor aínda, psíquicas que lles quedan gravadas a sangre e lume nos seus miolos? U-lo seu futuro?
Bachman. Tomando partido en Baton Rouge
World Press Photo 2017: Migrantes, racismo; a mesma cara, a mesma violencia
Racismo, xenofobia, violencia. En todas partes xorden estes aspectos da vida actual. Moitas veces son consecuencia, ou males colaterais –como algúns teñen a desvergonza de definir–, das guerras coloniais, das guerras inventadas polos países do Norte noutors territorios onde poidan vender as súas armas impunemente. Daniel Etter foi premiado pola instantánea A trampa libia para os migrantes. A imaxe recolle a dúas refuxiadas nixerianas que choran e se abrazan nun centro de detención para refuxiados (centro de detención para refuxiados!!!) en Surman, Libia. Os centos de mulleres que son retidas neses centros en condicións precarias, denuncias agresións sexuais e malleiras. O seu obxectivo é pasar ilegalmente a Europa. Neste apartado tan duro tamén se pode incluír a fotografía premiada de Magnus Wennman, titulada O que o Estado Islámico deixa ao seu paso. Maha, de cinco anos, e a súa familia fuxiron de Mosul. Agora Maha está tumbada nun colchón no campo de refuxiados de Debaga. Maha con voz débil di: Non soño, xa non teño medo a nada.
Respecto do racismo, a Jonathan Bachman déronlle un primeiro premio pola súa instantánea Tomando partido en Baton Rouge. Na fotografía, Leshia Evans está inmóbil, soa, ante a policía antidisturbios que se aproxima a ela, mentres ela ofrece pacificamente as mans para que a deteñan. Evans, enfermeira en Pensilvania, viaxou ata Baton Rouge para protestar pola morte de Alton Sterling, un afroamericano abatido a tiros por policías brancos. O vídeo da brutalidade policial difundiuse na rede e provocou a ira da comunidade afroamericana. A fotografía é unha metáfora de moitos aspectos da sociedade actual. A serenidade da muller fronte á agresividade policial; os dereitos individuais contra un Leviatán que os nega; a actitude pacífica e firme do individuo, consciente dos seus dereitos fronte aos cans rabiosos que pretendidamente defenden a liberdade dos cidadáns. Esta foto lembra a tomada por Stuart Franklin na praza de Tiananmen: o estudante, só, sereno, diante dos tanques do estado chinés. A reflexión e as metáforas son as mesmas.
Pérez. Caretta Caretta atrapada
World Press Photo 2017: Medio ambiente e vida cotiá, violencias contra todo
Non podía ser doutro xeito. A violencia estrutural que se aplica aos desfavorecidos, tamén afecta ao planeta. Entre as fotografías premiadas hogano no World Press Photo hai varias que denuncian a degradación do medio ambiente, xa mariño, xa terreal. Francis Pérez, fotógrafo español, recibe un primeiro premio pola instantánea Caretta Caretta atrapada. Francis Pérez, especializado en fotografía subacuática, presenta aquí o dramático caso dunha tartaruga enleada nunha rede de pesca abandonada no mar. A escena aconteceu en xuño de 2016 nas costas de Tenerife. Na presentación do World Press Photo 2017 Pérez dixo estar contento porque o xurado do premio incluíu o Medio Ambiente entre as súas preferencias temáticas –todo un xiro na sensibilidade da Fundación Photographic Social Vision e tamén porque el mesmo puido liberar esa tartaruga da rede que a podía matar. Os aparellos de pesca abandonados son responsables de moitas mortes de tartarugas mariñas.
Tamén foi premiado outro fotógrafo español pola instantánea Monarcas en la nieve. O autor é Jaime Rojo que fixo a foto en marzo do ano pasado en Michoacán, México. Neses días caeu unha nevada e matou varios millóns de bolboretas monarca, que se estaban preparando para migrar –como cada ano– a Canadá. O cambio climático provoca estas traxedias ambientais.
Tamén foi premiada unha fotografía de Ami Vitale. Esta fotógrafa de EEUU titulou o seu traballo A vida salvaxe dos pandas. O que se ve é delicioso, tenro. Dous coidadores dos osos panda da reserva de Wolong (China) escoitan as sinais procedentes do localizador dun oso panda que hai pouco que liberaron. O que pretenden con ese seguimento é comprobar que o cachorro é quen de adaptarse á vida salvaxe nese medio tan montañoso. Os dous coidadores levan traxes de pandas.
Para rematar unha instantánea que semella inocente, infantil, agradable. Trátase de A suor fabrica campeóns, do fotógrafo chinés Tiejun Wang. Outra volta os infantes no centro da polémica. Catro estudantes dunha escola de ximnasia chinesa –de que idades?– flexionan os dedos dos pés durante 30 minutos como parte do adestramento que fan polas tardes. Hai que fixarse ben para decatarse da brutalidade do exercicio aplicado a membros aínda non formados de nenas e nenos de curta idade.
Vitale. A vida salvaxe dos pandas
Fenomen Fotollibre. O Fotolibro como práctica estética
Coincidindo coa exhibición dos traballos premiados pola Fundación Photographic Social Vision, está instalada en Barcelona a exposición Fenomen Fotollibre, unha reflexión sobre o panorama actual e do pasado século dos libros de fotografías, tamén chamados fotolibros. A mostra, codirixida por 9 comisarios –case nada– pode verse no CCCB e mais na sede de Foto Colectània ambas de Barcelona.
Fenomen Fotollibre trata de facer un percorrido pola historia do libro de fotografías, tamén en varias áreas xeográficas. Tal é o caso da cultura xaponesa. Xapón pódese dicir que é o país dos fotolibros. Unha das seccións desta exposición está dedicada integramente a brindar a oportunidade de ver fisicamente as principais características dos fotolibros que se elaboran con todo primor e virtuosismo técnico no país nipón. Segundo os comisarios, o fotolibro comezou nos anos 20 do século XX cando se comezaron a imprimir fotografías xunto con textos. O atractivo do fotolibro foi visto de contado polos poderes totalitarios, que usaron a fotografía como arma de propaganda. O primeiro dos apartados de Fenomen Fotollibre é precisamente o que se adica a libros de propaganda e protesta. O peronismo, a URSS, o chavismo, os fascismos dos anos 30, todos eses reximes usaron os fotolibros como parte importante do autobombo, da súa publicidade.
O libro é o lugar natural da fotografía, dixo Gerry Badger, fotógrafo e un dos comisarios da mostra. Un fotolibro ñe un relato en imaxes. Pasar as súas páxinas é como ver pasar un filme ou ler unha novela. O fotolibro foi un dos grandes inventos do século XX na historia da arte, xunto co cine, afirmou Horacio Fernández, fotógrafo e outro dos comisarios.
Moitos autores atoparon no formato do fotolibro unha ferramenta adecuada para enseñar os seus traballos en fotografía, e tamén un espazo apropiado para a creatividade e mais a experimentación. En Fenomen Fotollibre pódense contemplar libros de artistas ben coñecidos: Rotchenko, Cartier-Bresson, Conrad, Rimbaud, Breton, Borges, Cocteau, Levi-Strauss, Joyce, Ródchenko, William Klein ou Robert Frank. E remata coa presentación dos traballos de artistas actuais como Laia Abril ou Vivian Sassen, que aportan a súa persoal visión da fotografía inserida no libro.
Lito Caramés
Wang. A suor fabrica compeóns
EXPOSICIÓN: World Press Photo 2017
ata o 5 de xuño de 2017
EXPOSICIÓN: Fenomen Fotollibre
CCCB
ata o 27 de agosto de 2017
You might also like
More from Crítica de arte
«O meu corpo é a miña arte viva»
Hincapié. Vitrina, 1989 A frase anterior foi escrita pola artista María Teresa Hincapié, que aproveitou a súa formación teatral para facer …
25 anos do Museo Guggenheim Bilbao: arte e vida
25 anos do Museo Guggenheim Bilbao: arte e vida. O Museo Guggenheim Bilbao este ano chega ao seu aniversario número …