Fica deitada na praia sobre unha cama de area. O mar está a bramar as súas costas cun estrondo escandaloso. Ela pensa que escacharon a un tempo as lúas dun inmenso escaparate, e que os seus anacos lle van caer enriba, choiva de cristais rotos. O vento bícalle atrevido os ombros nus. Quéimanlle a pel… Aínda que nunca o tivo, o seu sopro quente lémbralle as caricias dun amante…
Á mañá, por motivos que agora non veñen ao caso, fugouse da casa, coa intención de non volver, e está a vivir un momento de irracional confusión. Abstracto, moi abstracto. Tanto, que de súpeto, a súa anticuada zapatilla azul de praia se lle pon a falar con voz de baixo pedíndolle unha cita…
Oes, ti! -Diríalle calquera que tivese o xuízo san, e se metese nos seus pensamentos-. Déixate xa desas ideas raras, e non desloques a túa realidade, tentando facer dela un guión só apto para unha historia surrealista! Es simplemente unha rapaciña, á que lle suceden cousas do máis normal, entéirate! Unha rapariga máis, para que o entendas! Nin es fea, nin es guapa, nin alta, nin baixa, nin gorda nin fraca. Nin sequera es loira natural! Es só unha de tantas nenas comúns, das moitas que circulan polo planeta, aburrindo a todo o mundo contándolle as súas pequenas frustacións. Es desas nenas caprichosas, que fan un drama por teren que levar o biquini e as chinelas de hai dúas ou tres tempadas. Unha rebelde sen causa torrándose ao sol! E digo máis: non penses que vives un momento único nin especial, nin que escoitas a voz viril da túa zapatilla azul. O que aínda sentes, o que verdadeiramente che doe, son eses azoutes que che deu a túa vella nas cachas, a consecuencia da agarrada que tivestes.
De súpeto, o mozo do anuncio de coca-cola, tan guapo el, descólgase coma Supermán do enorme cartel publicitario, e vén deitarse ao teu carón, nada menos… Sentes que te bica nos beizos e que che zoupa no cu, coa túa vella zapatilla azul. Vaia xogo, o que te traes, rapaza, co guaperas do cartel, e con esa zapatilla parleira! O rapaz mírate e sorrí, sorrí, ensinando moito os dentes… É o seu, un sorriso moi dentífrico, moi de lobo civilizado. Nunha palabra. Irresistible! Cunha man, está a ofrecerche a botella de refrescante coca-cola do anuncio, que queres, queres e non podes coller. Non, non a podes coller… Sénteste a piques de morrer coa sede… Só queres beber, beber… Coa outra man, o Supermán do cartel, asañado, está a golpearte unha e outra vez, unha e outra vez coa sola da túa zapatilla azul. E ti aí, esmaiolada na área, empapada en suor, sen poder respirar… Vaia calor! O mozo da coca-cola, á desesperada, envólvete nun abrazo do máis mecánico, preméndoche o peito unha e outra vez, unha e outra vez…Logo bícate, bícate, insuflándote vida con esa bocaza dun vermello acrílico. Ou! Os seus beizos! Son tan atractivos! Hai que ver canto entusiamo… O ben que bican, o ben que bican…
De súpeto, o rapaz deixa o xogo, mírate apenado, afastase de ti, e volve ocupar ese espazo baleiro que deixou no cartel. En lugar da botella de coca-cola, leva na man a túa famosa zapatilla azul de praia, mostrándolla aos bañistas coma un triste trofeo de verán.
– Pobre nena! –dille un curioso a outro, fitando á inconsciente rapaciña, atento ás manipulacións do socorrista, que tenta reanimala cun boca a boca desesperado- Parece que se lle derreteron os miolos, pois botou o día enteiro durmindo ao sol.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …