Óscar Iglesias: «[…] “É unha obra moito máis pequena cá que escribiu en castelán, pero máis abondosa que a doutros autores galegos aos que se lles adicou o Día das Letras”, remarca Rodríguez Fer. “Entroutros Martín Códax, Meendiño, Xohán de Cangas, Pimentel ou Blanco Torres”. “Galeguizar” ao autor de Material memoria, na medida do posible, pasaría “por unha biografía detallada con respecto a Galicia”. Tamén por unha análise do seu peso na lírica galega contemporánea. Para o poeta e crítico lugués, con máis de 30 traballos sobre Valente, “influíu máis do que se di e moito máis do que se confesa, pero por razóns ideolóxicas non se tracexaron estudos comparativos desa caste”.
Non opina exactamente igual Arcadio López Casanova, cuxa primeira poética adoita emparentarse co Valente social de A modo de esperanza, igual que ás veces espella a etapa de El fulgor na obra de Ana Romaní ou Lois Pereiro. “Na Compostela dos 60 limos os seus primeiros libros, e os de Claudio Rodríguez ou Brines, e mesmo sintonizamos con eles… Mais coido que non influíu nada, ou moi pouco, nos autores galegos, nin nos do realismo social nin na renovación, a partir de 1976. Quizais non houbo sintonía coa etapa da mal chamada poética do silencio” […]»
Non me resulta facilmente comprensíbel a suxerencia de Claudio Rodríguez Fer sobre o interese de galeguizar José Ángel Valente. Non dubido da bondade, desde logo, de apoiar intelixentemente a imaxe de galegos como Valle, Torrente ou Valente no que tiveron de paisanos nosos, mais a necesidade virtual de ligarse ao prestixio internacional de personalidades galegas pertencentes ao sistema literario español non creo que deba transcender para alén dun recoñecemento cordial.
Non debemos saldar a galeguidade dese modo. E tampouco se trata de apoiar a literatura desde parámetros ideolóxico-políticos, mais de apoiar as obras que con moito esforzo naceron e hoxe florecen vencelladas á identidade cultural galega.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …