[kml_flashembed movie="http://video.google.com/googleplayer.swf?docId=-6408360512883158786&hl=es" width="300" height="245"/]
[kml_flashembed movie="http://video.google.com/googleplayer.swf?docId=-2876721870825421646&hl=es" width="300" height="245"/]
[kml_flashembed movie="http://video.google.com/googleplayer.swf?docId=-3887942456897570217&hl=es" width="300" height="245"/]
Moitas foron as opinións esgrimidas durante a mañá do venres 21 de setembro no Pazo de Raxoi, sede do Consello da Cultura Galega en Compostela. Algunhas delas, anotadas nos tempos que a videocámara o permitía, foron as seguintes:
Xosé Manuel Eiré: “O labor dun crítico é emitir un xuízo sobre unha obra”.
Ramón Nicolás: Define a crítica xornalística através da súa selección do léxico (que debe chegar ao seu lector ideal), da necesidades de atender a actualidade e adaptarse ao espazo concreto que no soporte se concede para ela. Entende que debe ser, ademais de informativa, valorativa. Cita diversos espazos actuais: os suplementos Faro da cultura e Culturas, o semanario A nosa terra, o espazo semanal Luces, e outros máis esporádicos en papel; Diario cultural(radio) e Libro aberto(televisión); Cartafol de libros(Vieiros.com) e algúns blogues como As uvas da solaina, Cabaret Voltaire e O levantador de minas. Lembra a existencia do blogue O vixía no centeo, xa pechado, como un espazo en que se facía unha crítica abrasiva dos críticos literarios, e defende a necesidade dun código deontolóxico como apoio no traballo crítico.
Outro dos aspectos que non quixo esquecer é a existencia de ínfimas remuneracións para os críticos literarios, tanto se se trata dos xornais como da radio e da televisión.
Arturo Casas: Entende que “esta é unha hora crucial para a crítica literaria galega”. Presenta uns presupostos de traballo para enfrentar a crítica hoxe:
A) É preciso delimitar os espazos específicos da crítica xornalística e a crítica académica, en ocasións demasiado indiferenciados. Nesta liña, debemos evitar a “crítica vicaria”, que con frecuencia valoriza desde parámetros como “fe”, “gusto”, “nación”, “espírito”, etc. Para o profesor as diverxencias entre unha e outra consisten moitas veces na importancia das necesidades do mercado (crítica xornalística) e nas “estratexias persoais do crítico académico” (que dirixe o discurso aos seus “superiores institucionais”.
B) Convén estender o discurso crítico nos diversos ámbitos culturais.
C) Atender a performatividade do discurso crítico.
Resalta tamén a importancia de elaborar un programa de traballo, en que se reflictan os obxectivos e os medios precisos. Resulta entón de relevancia máxima a definición dun criterio que vise a promoción do traballo crítico como actividade divulgadora da literatura.
Nunha das súas últimas intervencións afirmou que “un dos problemas principais da crítica é a falta de resposta.”
Francisco Salinas: Adverte que o discurso lexitimado polos teóricos sobre o que é literatura galega depende demasiado dos parámetros habituais das áreas hispanísticas tradicionais. De facto, desta óptica dedícanse moitos traballos a obras en castelán de autores galegos.
Manuel Forcadela: Maniféstase rotundamente a favor da crítica como creación, e resalta que unha defensa da exhaustividade analítica dunha “ciencia literaria” constitúe un discurso que peca dun positivismo infantil.
María Rábade: Afirma estar a favor da crítica rigorosa de carácter técnico, se feita “tendo en conta sempre os lugares en que se escribe”, porque non hai que esquecer “que escribimos dende medios”.
Camiño Noia: Defendeu que a crítica xornalística debe ser un servizo público, sendo a crítica académica e a teórico-literaria por necesidade mais restritas no que di respecto do seu receptor. Opina tamén que nos “falta un soporte equivalente ao Babelia“, e maniféstase abertamente en favor dunha crítica con vontade pública e sen favoritismos.
M. Xesús Nogueira: Propón unha reflexión sobre as expectativas que podemos ter en crítica literaria: agardamos que a crítica sexa incisiva, branda, valorativa? É precisa a valoración? Tamén apunta a importancia que pode chegar a ter un grupo de comunicación galeguista, non dependente de posturas foráneas.
Olivia Rodríguez: Declárase en favor dunha actitude valorativa no discurso crítico. Ademais, argumenta que os creadores non son os máis indicados para realizar a crítica literaria. Relativamente aos blogues pregúntase se constitúen un espazo que permite máis liberdade aos críticos.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …