Moitos aspectos me agradaron nesta obra de Marcos Calveiro, mais sobre todo comprobar que os mundos literarios que crea mostran en cada entrega máis definición de aromas vitais, sen caer nunha complicación psicolóxica que algúns chaman moderna e a miúdo se revela como confusa. Si, a confusión é un dos estilos da actualidade, mais para mostrala con arte hai que saber ofrecer unha transparencia no obscuro mundo, unha luz emotiva en que o complexo por un momento -ou no tempo de ler unha novela- se torne clarificado e por tanto asimilábel. O creador entón cumpre a súa función, e mediante un arduo traballo de destilación -iso é o proceso creativo- atopamos unha luz e participamos na interpretación do mundo. Daí a satisfacción lectora, na comprensión dunha proposta vital só creada para nós a xulgarmos, aínda que inventada, verdadeira.
No noso caso, desde Rinocerontes e quimeras ficáramos cativados polos mundos posíbeis de Calveiro. Agora, con esta historia europea de músicos, cantantes, fantasmas, e varias necesidades mundanas o autor fainos desfrutar de ambientes rebosantes de verosimillanza e, aínda que por veces entramos en estancias de particular barroquismo arquitectónico ou con requintadas sensacións a pedra mollada e sol ardente, non deixa de fluír a narración polas vías do necesario, fuxindo deste modo dos meandros forzados que tantas veces encontramos noutras obras pouco xustificadas.
É, ao tempo, unha novela animada e rica en descricións anímicas oportunamente traballadas. A complexidade que require unha ben construída rede vital que chega ao fondo das necesidades particulares dos personaxes, os cales representan, como corresponde a unha narrativa de acción, o fundamento dunha historia que se conta coa axilidade e frescura. Unha novela para entreter coa ambición da mellor literatura.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …