«Empurrou devagar a porta, coma se temese espertar un animal durmido. De súpeto, o primeiro que viu foi unha boina deitada no corredor. Semellaba un cogomelo que nacera alí, coa chuvia de abril, entre as lañas das táboas, baixo das que podía xurdir calquera criatura.
Néstor Gaute anicouse e observouna. Antes fora negra, mais agora semellaba da cor do viño. Estaba ensanguentada. A poucos pasos, estrados polas táboas do chan, o paraugueiro e os caixóns do moble do recibidor.
Hai alguén na casa?, berrou Néstor asustado, avisando a quen por alí andase.
Diante de Néstor fuxía o longo corredor coas portas ás beiras. Sentiu no tellado a chuvia de abril a mesturarse co bater desmandado do seu corazón. Foi daquela cando percibiu a casa coma un can acazapado que acababa de recibir unha malleira. Un can doente, desenganado das boas palabras, dos aloumiños do dono, ao que só lle quedaba regallar os dentes a quen entrase polo corredor.» (A lúa dos everglades, p. 30)
Nesta novela Xesús Manuel Marcos sorprende na súa destreza á hora de estarricar o imaxinario que lle coñecemos en Fonte de Esperante, conxunto de relatos sobre paixóns exacerbadas nun ambiente rural de resoancias míticas. Efectivamente, aqueles primeiros relatos cos que vencera no Premio Modesto Figueiredo do Pedrón de Ouro, no Carvalho Calero de Ferrol e no Manuel Murguía de Arteixo provocaban un reto emotivo en que forzas telúricas mesturadas coa deshumanización de épocas realmente difíciles deseñaban escenas de suxa traxedia, mesmo de patente tremendismo con descricións de abuso caciquil, sexo forzado e supervivencia fraca. Un mundo, en definitiva, que se podía entender con dificultade trascendendo os límites geográficos dunha serra esquecida para sempre en tempos remotos.
Mais non foi así. N’ A lúa dos Everglades (Premio Terra de Melide 2007) é precisamente ese mundo da aldea mítica o que é transportado ás grandes urbes transatlánticas mercé a un recurso de cristalina verosimillanza: a inclusión no argumento do tema da emigración. Así, ademais da aldea que impera como lugar en que os caracteres desta novela tiñan agromado, desenvólvense as vidas ficcionadas tamén nos ambientes urbanos de Bos Aires, Miami e Madrid. Con esta cartografía, a referencia aos pasados aldeáns, inevitábeis até o punto de seren tratados como un estándar eficiente, adúbase con intrigas que tinxen o relato coas cores do asasinato e ilumínase ambiguamente coas penumbras do romance policial. O resultado foi unha narración áxil, imaxinativa, emotiva e amena, é dicir, unha novela recomendábel para un amplo abano de lectores.
A. F.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …