Xavier Lama: “Hai uns meses comunícanme que fun finalista do González Garcés despois dun disputado debate, que remata con 3 votos a 2 a favor de Estévez, quen me merece todo o respecto.” […]
Segundo se recoñece aquí, alguén comunica a Lama que perdeu por pouco a votación: esta información, que debe pertencer á Acta do Xuri 2008, é pública? Temos todos os cidadáns acceso a ela? Ou os finalistas? Creo que estes datos non deben trascender do ámbito da documentación interna dos premios, e que o rigor nestes casos é fundamental para o prestixio dos galardóns. Porén, non pensen que estes lercheos non son parte do procedemento acostumado en tantos e tantos outros casos. Nalgúns, e falo con tanto coñecemento de causa como poucas ganas de dar datos, fíltranse informacións deste teor sen que ninguén aparentemente sinta vergoña propia nin allea. Somos así, parece ser, polo noso “caraute racial”, como dirían os galegos de hai cen anos? Para min o positivo deste asunto, inxustizas varias á parte, é que nos cuestionemos con seriedade se os modos de proceder que até aquí usamos son válidos para a época presente. Talvez moitos desexamos: a) Que as normas acordadas sexan explícitas e aplicadas a todos por igual mediante modos transparentes e absolutamente rigorosos; b) Que as opinións contrarias sexan abertamente defendidas en coloquios que promoven a mellora dos procedementos; c) Que tanto o poder de arbitraxe canto as decisións finais dos tribunais non se tomen de xeito personalista; d) etc…
Continúa Xavier Lama: “O máis abraiante é o espectáculo alimentado nalgunha web, sen dúbida por un grupiño de colegas que manexan varias claves en Internet e fan insinuacións dunha repugnante baixeza moral. Desde posibles sopros do xurado ata que eu tamén tiña poemas que non eran inéditos no meu libro, o catálogo resulta alucinante. A insidia, a falsidade e a calumnia campan ás súas anchas. Pero se isto só é un premio literario, non a invasión de Iraq… Un amigo meu defíneo como unha “estratexia de linchamento”. Outro recomendábame que non escribira nada, que deixara pasar todo isto, porque a Internet, despois de todo, pode converterse no territorio perfecto para a impunidade. Hai outras opinións, pola contra, con nome e apelidos que respecto absolutamente. […]”
Aquí, o señor Lama, a quen non coñezo e por quen declaro o meu respeito, despois de sentirse doído por tantas dúbidas razoábeis como as que teñen surxido nas valoracións publicadas no blogomillo, insinúa que tramas intereseiras e redes amicais alimentan as opinións dos blogues que este asunto veñen tratando, e mesmo teme polo seu linchamento no mundo dixital. Vaia, ao final, cando os argumentos frouxean, teñen que saír a colación as de todos coñecida “insidia, falsidade e calumnia” do blogomillo! Certa xente, cando se sente doída, perde o norte e non ve máis que enemigos á volta, por moito que algúns nos esforcemos por argumentar coa máxima coherencia e respeito que somos capaces de aplicar. A inseguranza, en verdade, é a mácula que traizoa a integridade das persoas.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …