Na véspera tivemos unha lúa chea especial, a máis grande dos últimos 20 anos. Isto foi debido ao fenómeno chamado Perixeo Lunar, que consiste en que pasou máis perto da Terra a causa do progreso na súa elipse. Se fixésemos caso de certas perspectivas ocultistas isto podería favorecer o éxito de calquera proxecto público, debido ao atractivo dunha maior enerxía invadindo as nosas vidas e inoculando no día unha inevitábel positividade; segundo outras ópticas, ben máis pesimistas, pode estar a influír nesta época para o desenvolvemento de tsunamis, terremotos e outras catástrofes do gusto dos máis apocalípticos. Eu o que vos podo dicir é que na Praza de María Pita na Coruña, ese espazo onde unha brava señora ameaza cunha lanza aqueles políticos que esquecen o mandato de servir o pobo, un sol radiante viuse acompañado por un Vento Lois que arrastrou unha banda de música e 400 persoas até o Teatro Rosalía de Castro, de onde non conseguiron saír até que o atractivo da boa poesía sucumbiu ante as necesidades primarias que acostuman saciar despois do mediodía. Si, señores e señoras, o Vento Lois arrastrou xente polas rúas da Coruña, e todos ficaron satisfeitos. Desastres deste calibre eran precisos todos os días.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
O centro do mundo
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …
O Grupo Poético Hedral recitará hoxe en Arteixo
Agora que a libraría Á Lus do Candil (Arteixo) nos convida para recitarmos de novo xuntos, un grande orgullo acode …