“Nesta historia de fins de século, Henrique Amaros, pedante profesor de universidade que vive abafado pola súa impotencia para escribir, chegará a tolear co mito de Don Xoán procurando a inspiración perdida nas namoradas todas. Mentres un personaxe maléfico dacabalo entre o pasado e o presente e entre cidades imaxinadas e reais, vai enchendo de pesadelos góticos os amoríos co conquistador” (Texto de capa).
A partir deste argumento Laura Caveiro presenta en As naos afondando (1º Premio de novela Rubia Barcia; Liceo Rubia Barcia, Ferrol, 2000) un relato singular en que, a pesar da relativamente reducida lonxitude textual, consegue amalgamar unha gran cantidade de referencias mitolóxicas, patolóxicas (psicanálise), literarias e mercantís. Deste modo, partindo do mito de Don Xoán, o que con facilidade se vencella á promiscuidade disfarzada de sentimentalismo que sucumbe subitamente perante o sexo explícito, con grande habilidade se revela por veces con tonos de suicidio e se funde, sen falta de ironía implícita, co mundo da docencia (ou indecencia) universitaria e o mercado literario: a crítica literaria, os mundo editorial, os premios literarios e, até, o proceso de escrita tanto no cadro da experiencia individual canto no das referencias ao canon literario universal.
Así, o mito de Don Xoán permite unha reflexión multiperspectivada sobre unha patoloxía que implica unha desharmonía dos afectos propia dunha personaxe que vive dentro da literatura unha vida que na realidade é incapaz de gobernar.
No relativo ao estilo, presenta tamén un sabor de lixeira fondue, deixando no padal o aroma dunha fina densidade poética sobre a que se superpoñen pedazos consistentes do estilo directo dos encontros cotiáns.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …