Despois de escoitar Memorias dunha geisha de Arthur Golden (e digo ben porque a desfrutei en formato audio-libro nas idas e vindas do traballo) un pasa a preguntarse moitas cousas. Por exemplo, como unha novela desta sensibilidade pode pasar ao cine e ser comparada, por exemplo, con Brokeback Mountain, e dígoo desde logo do punto de vista daquilo que parece que algúns desprezan tanto: o argumento. A segunda, o relato de dúas vidas que non souberon medrar segundo a súa natureza lles reclamaba, facendo moito dano irresponsabelmente á xente que os amaba, nunha sociedade que reprime o que de natural hai no mundo. Mais ao final, unha historia de carácter progre e terapéutico para unha sociedade contraditoria respecto das liberdades. A segunda, unha novela que comeza a falar do valor que as cousas teñen cando nos falta a Casa, aquilo que trema de nós e nos afirma no que somos. Lembro aquí o relato da miña aboa cando me contaba que pertenceu á casa máis pobre do lugar, en terras de Trasdeza, e que seus pais acondicionaron unha xesteira para faceren a casa familiar. De como traballaban sen pausa para teren caldo cada día e de cantos anos tardou en descubrir que a xente daba lustre aos zapatos con crema e non con cuspe, como lle aseguraba súa nai.
Unha novela que conta como o sentido do xusto non esmorece no interior dalgúns corazóns, por moito que a maldade os acose, como o talento artístico xorde e florece a pouca oportunidade que se lle dea. Como a vida é dura, e como sempre pode selo moito máis. E falando do estilo da novela, como unha linguaxe narrativa, por moi poética que se mostre, como esta que está inzada de paralelismos e símiles de asombrosa sensibilidade, pode ser o perfecto trampolín para que un argumento maxistralmente edificado mostre toda a súa grandeza.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …