Por cortesía de Martin Pawley temos coñecemento da seguinte noticia:
«O IBBY (Organización Internacional para o Libro Infantil e Xuvenil) vai incorporar dous libros publicados por KALANDRAKA na súa Lista de Honra. Na modalidade de autor foi seleccionada a obra de Manuel Janeiro, “Pucho, o habitador dos tellados”, e na categoría de tradución o título incluido é “29 historias disparatadas”, traducida ao galego e ao castelán por Susana Fernández de Gabriel e Franck Meyer.
Estes títulos vanse expoñer no vindeiro Congreso do IBBY, que se celebrará en Copenhague en setembro de 2008. A Organización tamén os dará a coñecer durante a Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia, na súa edición de 2009.
KALANDRAKA destaca a importancia de que dous galegos, o escritor Manuel Janeiro e a tradutora Susana Fernández, acaden esta distinción polo seu traballo. No caso de “Pucho, o habitador dos tellados”, esta novela foi galardoada recentemente co Terceiro Premio Nacional de Edición 2007 na categoría infantil-xuvenil polo Ministerio de Cultura. En canto a “29 historias disparatadas”, é o terceiro título dunha triloxía de libros de relatos da autora alemana Úrsula Wölfel, da que forman parte “27 historias para tomar a sopa” e “28 historias para rir”, traducidos igualmente por Susana Fernández e Franck Meyer.
A Lista de Honra do IBBY parte da proposta dun xurado seleccionador, formado por representantes das catro seccións que integran a Organización Española para o Libro Infantil (Oepli), que consta da
Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), o Consello Xeral do Libro Infantil e Xuvenil, o Consell Català del Llibre per a Infants i Joves, e Galtzagorri Elkartea, correspondentes aos apartados en lingua galega, castelá, catalana e vasca, respectivamente.
A Lista de Honra do IBBY é unha selección bianual da producción literaria máis destacada de cada país, que recolle a obra de autores, ilustradores e tradutores de renome. É un dos catálogos máis recoñecidos e extendidos do mundo. Os libros que inclúe teñen a consideración de seren o mellor da literatura infantil e xuvenil en todo o mundo, polo que son material de referencia para os programas educativos e literarios que desenvolven escolas, bibliotecas, institucións culturais e relacionadas coa animación á lectura.
Ademais de exhibirse nos congresos do IBBY e nas principais feiras internacionais do sector, estas
coleccións quedan expostas de forma permanente na Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich, no Instituto Suízo dos Medios Infantís e Xuvenís, no Centro de Investigación Bibiana de Bratislava, na sección do IBBY de Tokyo e na Biblioteca da Universidade Noroeste de Evanston, en Illinois (EEUU).
Dende a súa fundación en Suíza en 1953, o IBBY vén traballando -a través dos 60 países integrados na organización- na promoción do libro e da lectura en todo o mundo, especialmente nos países menos favorecidos, procurando que a literatura infantil e xuvenil actúe tamén como un medio para favorecer o entendemento entre países, ademais de impulsar a investigación académica neste ámbito.»
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …