O día 20 do pasado mes, no Auditorio de Galicia e xusto na mañá da actuación de Santiago Auserón, asistimos a esta iniciativa da Dirección Xeral de Cultura e Deporte. Alí foron presentado os resultados do informe “As necesidades e demandas formativas dos profesionais da acción cultural pública en Galicia”, encomendado pola propia Consellaría a un grupo de investigadores das tres universidades galegas. Alí fóramos convocados técnicos e xestores culturais de todo o país, coa idea de reflectir sobre o asunto, debater sobre as súas conclusións e valorar un avance de programa de acción institucional para enfrentar unha necesidade básica dun sector profesional que precisa consolidarse: a formación. Nesta liña, foi anunciado un programa formativo ambicioso (seminarios, simposios, obradoiros, visitas específicas a proxectos en curso, foros para a comunicación cultural e o contacto con creadores, uso de equipamentos culturais, etc) e descentralizado (variados serán os focos de emisión da formación) que nos concederá ferramentas para afastarnos dunha indesexada “cultura de fume”, alicerzando a acción cultural en bases sólidas. Paralelamente, comeza xa a ser estudado un plan de titulacións que debería estar finalizado no prazo dun ano.
A Consellaría afirmaba así a súa vontade de iniciar un debate sobre a posíbel proposta formativa aproximando tamén á mesa de discusión o técnico cultural, unha vez que xa ten fluída comunicación coa Universidade, o Consello da Cultura Galega e outras entidades.
A formación, desde logo, é algo imprescindíbel en todas as profesións. E o facto de que até agora non fose a acción cultural considerada como real profesión é sen dúbida un dos motivos de que non fósemos capaces aínda de pór en valor aquilo que só os galegos como tais son quen de producir, alimentar e ofrecer aos insaciábeis humanistas do planeta. Porque a humanidade é unha cola de pavón con millares de ollos a observar o mundo do seu particular punto de vista.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …