Non acostumo a ler ensaio medioambiental, mais neste caso teño que agradecer a recepción deste esclarecedor traballo (xa recomendado por nós) sobre os porqués da natureza que temos na Galiza nestes momentos. Miña familia é toda de labregos se ascendo a dúas xeracións, e nunca tan claramente ninguén me tiña explicado como Xurxo Pérez Pintos que papel tradicional tiña o monte no sistema agrogandeiro galego e que grandes transformacións se deron nos últimos cen anos para que este rico país agrícola coxeaxe no ámbito vexetal, e paralelamente a pobreza, os abusos e a emigración fixesen do coxo un eivado auténtico. Quen lea este libro atopará nítidos argumentos para situar medioambientalmente no seu xusto lugar a concentración parcelaria, o roubo dos montes comunais e, por que non, aplicando a mesma fórmula, a estratexia dos gobernos de dereita no trato dos asentamentos do negocio eólico. Claves, razóns históricas e consecuencias loxicamente deducidas son os valores dunha obra breve que dispara ao miolo dun dos máis desatendidos recursos económicos do país. Aquí teñen algúns excertos:
«No século XIX desenvólvese o capitalismo no estado español. A organización política deste sistema supuxo un forte ataque á agricultura tradicional. A produción agrogandeira era unha actividade realizada en pequenas explotacións, orientadas ao autoconsumo, que vendían pouco e compraban pouco, que tiñan que satisfacer detraccións feudais pagadas principalmente en especies. O “soporte do sistema”, o monte, era propiedade das comunidades campesiñas … Aproveitando a indefinición legal dos montes, e utilizando o (sangrento) poder coercitivo, o franquismo proclamou, en 1946, unha lei que lles permitía aos Concellos (alcaldes e concelleiros eran, daquela, títeres do rexime franquista) rexistrar como da súa propiedade todos os montes da súa demarcación, sen probas documentais, só coa certificación do secretario do Concello. O latrocinio estaba feito … Un ano con outro, córtase en Galiza arredor da metade da madeira que se comercializa no estado español … Ao ser despoxado dos montes comunais, o campesiñado viu destrozada a base do sistema agrogandeiro máis estendido o que orixinou unha onda de emigración, derrubándose un estilo agrícola que dependía de, e coidaba, o monte … Repoboación forestal, desecación de humedais, encoramento de ríos, concentración parcelaria, foron actuacións do franquismo con forte repercusión medioambiental … O franquismo, coa súa duración, co seu poder represivo gañado nunha sangrenta postguerra, e coas súas extremas necesidades, nacidas do illamento ao que foi sometido un rexime con homoloxías cos fascistas, levou todo até o extremo. E ao non ser liquidado, como merecía, senón prolongar usos e persoas, ten feito presentes as consecuencias da súa existencia até o século XXI … Foi arredor de 1985 cando a macrofauna galega chegou ao mínimo … Do ubicuo bosque primordial non fican máis que uns miserábeis cerellos. Tendo en conta que esta é terra de bosque, non é exaxerado dicir que o risco máis definitorio da paisaxe vexetal galega actual é a ausencia de bosque, risco que comparte co resto da Europa occidental. Galiza é unha potencia forestal, pero non hai nela bosque natural.»
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …