Onte iniciamos as I Xornadas Virtuais de Literatura, un proxecto ideado e polido con moita intención que foi con rotundidade apoiado por unha Asociación de Escritores en Lingua Galega decididamente lanzada ao aproveitamento eficaz dos recursos electrónicos para a divulgación da Literatura, aquela que trascende sobradamente os papeis e mesmo as letras para fundirse no inabarcábel magma da cultura, ese magma do saber que todas formas adopta, e que luz e calor fornece sen cesar como caldo nuclear do pensamento.
Como prato do día na I Xornada puidemos desfrutar dun inspirado texto teórico de Xabier P. Docampo sobre a narración oral e un rigoroso traballo crítico de Ramón Nicolás sobre a obra de Agustín Fernández Paz, outro dos grandes da nosa literatura presente e sen dúbida futura. E todo isto facilitado por unha tecnoloxía sinxela, a nosa, e unhas infraestruturas públicas, as do Centro Multimedia de Galicia (Biblioteca Pública González Garcés d’ A Coruña).
En breve, as intervencións serán editadas e ofrecidas ao público xeral no novo espazo formativo da web da AELG. E a partir de aquí, cada mércores deste mes, máis: Agustín Fernández Paz, Víctor Freixanes, Pepe Cáccamo, Mercedes Queixas, Óscar Sánchez e Pedro Silva. Todos eles presenciábeis desde o mundo enteiro ao vivo e en diferido, a falaren de Xosé María Álvarez Blázquez, de Agustín Fernández Paz, da Rede e dos blogues. Despois de novembro, o espazo ficará como plataforma de traballo que propiciará foros, troco de traballos e máis contidos sobre os temas propostos, de tal modo que poda converterse nun sitio de referencia dinámico e útil.
Celebramos tamén que teña sido dedicada esta primeira edición ao autor do Día das Letras ao carón de a un autor de tanta actividade como Agustín, superando deste modo certos debates recentes sobre a elección de homenaxeados oficiais. Frente ao debate, que ao final vén de verbo bater, a Asociación propón o diálogo, de etimoloxía máis amábel. O diálogo da faísca presente coa madeira ben enxoita e escollida do pasado, para nos aquecer agora e sempre.
Si, as novas tecnoloxías, novas sobre todo para nós, que aínda ben non limpamos as lagañas da televisión a cores e xa estamos a usar febras ópticas como se de tecnoloxía espacial se tratase, cando tantas redes xa teñen tecido polo mundo adiante. Novas tecnoloxías, si, mais sobre e ante todo contidos elaborados, contidos válidos, contidos que abran novas calzadas para a creación de cultura. Contidos e máis contidos, e os recursos que se precisen só en virtude deses contidos. E se aínda por cima poden ser elaborados, presentados e comunicados con software libre, como son neste caso, mellor aínda.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …