«Na súa Historia General de España, Modesto Lafuente recollía en 1850 un mapa da organización política da Península Ibérica desde 756 a 1030. A maior parte do territorio está baixo o dominio do califato de Córdoba. No norte, o historiador divide o territorio cristián en, de leste a oeste, condado de Barcelona e reinos de Navarra, Castela e León. Non obstante, os dous últimos están reunidos por unha denominación común: Jalikiah, tomada de tratados de xeografía árabes medievais. Este é un dos puntos de partida que Anselmo López Carreira e Sabela López Pato, comisarios da exposición, propoñen ao visitante de Da Terra de Lemos ao Reino de Galicia.
A obra de Lafuente foi, pola súa ampla difusión, unha peza clave na conformación da identidade nacional española, conformada nos círculos liberais de mediados do dezanove. Ao traducir o nome do termo árabe Jalikiah, o historiador español esquece a patente evolución etimolóxica do termo e prefire a arbitraria denominación de Reino de León. Velaí o cerne dunha historiografía que, desde hai máis de douscentos anos e até a actualidade, insiste na idea de que o antigo Reino de Galiza foi unha entidade política efémera e supeditada ao poder dos reis leoneses e casteláns.
Realidade distorsionada
Afirma López Carreira, no catálogo da exposición, que a consecuencia destes cambios é que “Galicia desapareceu como protagonista da escena histórica e estabeleceuse para ela un marco normativo estraño, no que por forza a súa realidade se distorsiona e xa non atopa explicación satisfactoria”. Este paradigma provoca que manifestacións artísticas como os Cancioneiros, cuxo orixe está claro por empregar a lingua galega, “semellan brotar nun contexto inaudito: lingua de cultura supralocal que se expande desde un territorio supostamente subalterno”. […]» (A Nosa Terra Diario)
A partir deste artigo recoñezo o meu interese por ler:
Da Terra de Lemos ao Reino de Galicia, de Anselmo López Carreira e Sabela López Pato. Consellaría de Innovación, 2009. Catálogo da exposición.
O reino medieval de Galicia, de Anselmo López Carreira. Ed. A Nosa Terra, 2005.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …