Este proxecto supón unha tentativa de institucionalizar as actividades que desde hai xa tantos anos os lusistas levan a termo na Galiza. Os reintegracionistas, quere dicir, os galeguistas lusógrafos. Trátase de crear unha plataforma sólida desde a que dialogar cos países de lingua oficial portuguesa, a cal supón unha estratexia para internacionalizar o noso acervo cultural, que progresivamente se vai vendo abandonado ou castelanizado. Supón, en termos de patrimonio cultural, unha “posta en valor” da cultura galega perante o mundo losófono que implica porosidade, permeabilidade e irmandade explícitas. No entanto, como a nosa cultura xa é defendida através de institucións que usan o galego na súa forma institucional actual, e mesmo desde esta se chega a divulgar en Portugal e no resto do mundo, haberá quen pense que esta iniciativa resta enerxías á comunidade para valorizarse, fomentando a secesión creativa, e até a ideolóxica. Porén, as actividades dunha virtual Academia Galega da Língua Portuguesa en nada deberían restar o esforzo realizado pola actual Real Academia Galega, se nos posicionamos nunha perspectiva estritamente cultural. Ben podía significar, aínda, un valor acrescentado.
No entanto, o problema aparece cando situamos por riba dunha estratexia cultural unha particular necesidade política. Neste sentido, e alén do nacionalismo castelanófilo, hai amplos sectores do nacionalismo galego que precisan dunha diferenciación expresa entre galego e portugués para soster seu propio concepto de nación galega indisolúbel na portuguesa. Así, mentres o castelán avanza o portugués é rexeitado de varios pontos de vista, e a lingua galega non recibe, moribunda, a necesaria transfusión de urxencia que precisa.
A política alicérzase nun plano mais continxente que a cultura, a cal remite para realidades perennes da personalidade do pobo ademais de para mixturas que a fan máis rica e evoluída, non máis impura. O concepto de pureza cultural nace de entender a cultura como un ser embalsamado que non se relaciona con outros. E ese relacionamento non implica que non posúa unha personalidade propia que sempre tenta aprimorarse. Como dicía Agostinho da Silva no post precedente: “o político precisa de aprender certas coisas: que a sua base de trabalho é a cultura e não ao contrário. É aprendendo cultura e inserindo-se na cultura que ele pode fazer uma política decente.”
Se me permiten parafrasear Pessoa e Castelao a un tempo, direi que a miña patria é a lingua galega, en todas as modalidades en que sexa capaz de florecer.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …