A Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG, despois de que non se chegase a acordo sobre a redacción dun novo Estatuto para Galiza, e considerando a implicación do tecido social, de asociacións e colectivos entre os que se encontraba a AELG, entende que non pode renunciar a seguir reivindicando un estatuto de nación para Galiza e a que as achegas realizadas pola AELG deben ser consideradas.
A AELG valora moi positivamente que durante este período de tempo a elaboración dun novo Estatuto para Galiza centrara o debate político, pois para as escritoras e os escritores galegos este debate e a elaboración dun Estatuto de Nación son a cerna sobre a que se consolidará a nosa identidade galega, aspecto fulcral da nosa pervivencia como pobo. Por iso, desde a AELG, apelamos ás forzas políticas galegas a pór o estatuto como centro da vida política, e que nel participe o conxunto da sociedade galega.
A AELG, responsábel do legado outorgado polo traballo inxente das escritoras e os escritores que nos precederon na construción da nosa cultura nacional, demanda un novo estatuto para Galiza que garanta o avance no autogoberno, que recolla a definición da nosa identidade como nación, que reflicta que temos o dereito e o deber de coñecer o noso idioma, que reforce as nosas competencias e que estabeleza un financiamento que nos sitúe como o que somos, unha nación produtiva.
Como escritoras e como escritores, como persoas comprometidas coa cultura de noso e, por tanto, implicados na construción da nosa identidade, sentímonos obrigados a reiterar a necesidade dun novo Estatuto para Galiza. Desde o Rexurdimento, os intelectuais galegos estiveron inmersos na digna tarefa de recuperar a nosa historia, o noso patrimonio, o noso territorio, a nosa economía, a nosa ciencia, a nosa literatura, a nosa cultura, en fin, a nosa nación. Debémoslle a todos eles e elas, aos Precursores e aos membros de Nós, a Ánxel Casal e a Castelao, a Murguía e a Cuevillas, a Manuel Antonio e a Valenzuela, e a tantas outras e outros que entregaron a súa vida nesta causa, a construción da nación que soñaron.
Por todo isto, emprazamos as forzas políticas a que modifiquen as súas posturas e sitúen o Estatuto no primeiro plano e non se frustre unha vez máis o destino de Galiza, e entre todos construamos un novo Estatuto de Nación para Galiza.
O Consello Directivo da Aelg, na Coruña, a 28 de febreiro de 2006.
More from Alfredo Ferreiro
O centro do mundo
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …
O Grupo Poético Hedral recitará hoxe en Arteixo
Agora que a libraría Á Lus do Candil (Arteixo) nos convida para recitarmos de novo xuntos, un grande orgullo acode …