María Xosé Queizán, Cólera (Xerais, 2007). Memoria, resistencia antifranquista e “punto de vista masculino”: “Non podería escribirse este mesmo libro desde a posición das poucas mulleres organizadas daquela en partidos e sindicatos: as mulleres non decidían, non contaban. Este poemario de lembranza e recoñecemento aos impulsores da conciencia política galega non sería o mesmo escrito desde a conciencia feminista. Tería que chamarse Cóleras, xa que as mulleres sentían unha dupla indignación porque padecían unha dobre opresión”.
Rafa Villar, Escoración dos días (Ediciós do Castro, 2007). XIX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Poesía de formato minimalista, entre o telúrico e as lacras psicosociais que aínda nos lastran: “a nación / emerxe esgazada / das retinas da memoria”; “a patria / esnaquiza o seu propio espello / na demouca dos días”. Ao final, “nós tripulamos as sombras / do futuro” é unha visión moi lúcida do que por fin debemos abandonar. Da luz que nos falta.
Oriana Méndez, Derradeiras conversas con capitán Kraft (Galaxia, 2007). Unha especie de narración desbaratada, distribuída en versos cun criterio insondábel. Un experimento poético sen temperanza, sen equilibrio, cunha grande enerxía creativa que falta saber como debe rexerse. Agardamos nesta liña unha maturidade interesante, se o recoñecemento barato non estraga máis unha vez o talento con precoces pretensións: “Nin ela nin eu podiamos imaxinar que xa rematara todo / cando entrou aquela nena / tan verde…”
María do Cebreiro, Os hemisferios (Galaxia, 2006). Poemario último dunha poeta louvada como ningunha polo seu requintamento oratorio e os seus coñecementos de teoría literaria. Aínda que este poemario foi valorado pola introdución do diálogo e a reflexión psicolóxica, a nosa impresión foi a dun libro de limitado calado poético. Sorprendente foi isto, teño que dicir, despois de ter observado onde esta autora pode chegar no seu libro Nós, as inadaptadas (S. C. Valle-Inclán, 2002), un exemplo de amálgama fértil entre unha poderosa lingua literaria e un profundo mundo poético como poucos na poesía galega dos últimos vinte anos. Por iso nos sorprende tanto a publicación de bagatelas, como a que figura co seu nome neste número de xullo da revista Tempos Novos (Revisión de 5/10/2007: ver comentario nº 13):
“[..]
-Gústache así?
-Así como?
-Non te vexo eu moi centrada.
-Pois eu a ti véxote moi técnico.
-Prefires que paremos?
-Para, anda, para. […]”
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …