Pierrot e eu damos passo às palavras da madrinha de Lua Auel, Marina Oural, que vos contará qual é a sua experiência com a menina. Crêmos muito interessante esta informaçom no que poda apuxar e ajudar para ensinar e aprender, que a isso tamos até o fim dos nossos dias.
Lua na incubadora. Aí fíxenme –para min- a primeira pregunta, como agora un corpo sente o movemento fóra do líquido? A brusquedade coa que saiu, como lle afecta nos seus movementos? E agora como facer que siga o corpo o seu ritmo natural? Pasaron días e meses, operacións e desconcerto, dor e máis preguntas. Os pais podían sostela nos seus corpos e eu observar. Cando chegou a posibilidade de contacto a intuición era a única opción para min, non son mai nin criei a ningún nen@. Neste caso, as dificultades engadidas do seu proceso de nacemento, fixeron que o Amor, a miña paixón e visión da danza e dos corpos, os obradoiros recibidos de contact improvisation así como a práctica de moitas sesións de consciencia corporal, aflorasen para darllas a Lua, ao seu entorno e aplicalas en min mesma (se iso fose posible).
Lua no colo. Imaxinei o colo como espazo de intercambio libre de formas e cheio de camiños: durmir, relaxar, bailar, tacto, contacto, firmeza e amplitude de movemento. Facerse redonda a nena era fundamental, pois así tamén nos vai dicindo e dando azos a escola Fendelkrais que Lua recibe en intensivos periódicos. O colo serviume para observar como, desde a respiración, podemos conectarnos co centro do outro. Se eu consigo entrar na miña é cando a nena tamén pode comunicarse comigo e viceversa. Todo é moi sutil e a improvisación é parte fundamental de calquera estratexia pensada. Así que durmir a Lua foi toda unha aprendizaxe que consistía en movementos oscilantes coma as campás, de arriba para abaixo, ata sentir que pouco a pouco ia entrando nunha calma que adormece á pícara, mentres trato de agarrarme á respiración máis sutil.
Un dos retos no colo é lograr que tea cómoda e que a posición sexa útil para a súa cadeira. Fortalecer esta parte, así como a columna vertebral e a posición da cabeza, parecíame fundamental para posicionar as maos, pés e pernas. Así pasarlle unha mao pola columna vertebral, parándome en cada óso, facerlle masaxes na cabeza ou mover suavemente a súa cadeira de diante para atrás eran exercicios que aproveitaba mentras taba no colo. Así como darlle moitisimos bicos e falarlle moito como se de un adulto se tratar. Para min o colo é, basicamente, unha conversa pracenteira por parte de ambas e para iso, hai que estar cómodas.
Lua e o baile. Desde o colo vén tamén o baile. Lua percibe os movementos corporais dun xeito especial ou iso me parece a min. Polo que, ben ao ritmo da música ou ben en improvisación, movo a nena segundo eu me sinta ben co meu corpo. Tamén podemos danzar ela no chao (ou nunha superficie) e eu coas maos movendo o seu corpo, levando o ritmo e tentando que ela sexa feliz. Cando se conecta á música, é pura beleza ver como goza tamén de moverse.
Escoitar o corpo de Lua. Observación, respiración e silencio poderían ser os ingredientes dos que me sirvo para ver como a nena busca o seu propio movemento, desde aí e, na firmeza ao tempo que delicadeza, trato de seguir as liñas do seu corpo proporcionando apoios ata que a nena colle unha posición de relaxación e respiración na calma. Permanecemos nunha posición ata que reclama variedade. Cando chegamos á unha coas nosas caras frente a frente practico con ela a palabra, improvisando sons ou as vogais, emitindo cada unha delas devagar e tratando de observar a súa resposta, que se produce principalmente no O e no U mediante emisión de sons, movemento de boca e atención visual discreta.
A individualidade de Lua. Pareceume importante esto desde o comezo, que Lua poida permanecer sen contacto corporal e relaxada, pois intuo que así afonda no ‘sentirse a ela mesma’ e tamén na experimentación co entorno dun xeito individual ao tempo que protexida. O medo é para min a emoción a vencer.
A rolar Luíña. Tentando lembrar o meu corpo rolando na danza contact practiquei movementos con Lua no chao ou superficie plana (colchoneta ou mesa con superficie branda). Posicionando á nena de forma lateral, co brazo extendido e a perna contraria dobrada, de tal forma que puideramos de xeito suave traballar o ‘dar a volta’. Durante minutos a nena podía permanecer soa nesa posición para finalmente intercambiar un lado e outro. Aumentando e diminuíndo o ritmo segundo ela o aceptase. Outra das opcións que tamos compartindo os pais e eu é o intercambio corporal en movemento cos dous corpos en horizontal e/ou vertical, mergullarse neste exercicio é para min un obxectivo, pois nesa danza improvisada saen posibilidades de movementos non imaxinados e favorece a alegría e a creación de vínculos afectivos entre os practicantes.
A Lua no xogo e nos movementos imaxinarios. Indagar na posición corporal e experimentar movementos co fin de xerar alegría é outro dos eixos do que gosto de facerlle. Sentada nunha das miñas pernas xogamos a ir en burro mentras a agarro dos brazos con eles estendidos ou dobrados pero coa intención de ir ‘ao redondo’ coas súas costas. Nesa posición practicamos tamén a lateralidade deixando que a nena estenda o corpo ao máximo que queira e poida xogar a ser ‘máis grande’, para logo recoller o corpo e ir ‘ao máis pequeno’. Este ir e vir gosto de practicalo comigo porque favorece a percepción do meu corpo, crendo así que a Lua lle pode proporcionar o mesmo na súa consciencia corporal. Tamén aproveito para facer unha brincadeira da que gosta muito: tocar as súas maos en pequena percusión coas miñas, así asoma o seu sorriso e ademais experimenta o feito de alongar os brazos e abrir as maos. Normalmente acompaño un ritmo improvisado de voz ou canto sen aparente sentido pero do que goza, e iso, para min, é o importante.
Marina Oural Villapol.