Hoxe saíu, con ar de festa e unha boa “man de pintura”, o Faro da cultura, suplemento que cada semana ofrece o xornal Faro de Vigo. Un lindo fariño que cada xoves ten a decencia de promover unha normalidade cultural en galego, e de manifestar implicitamente o desexo, Xosé Ramón Pena á frente, dunha divulgación día a día mellor lograda da creatividade dos nosos tempos.
Moitos vultos da cultura actual tiveron oportunidade de opinar sobre este suplemento e os problemas deste tipo de publicacións nun polido artigo de Natalia Álvarez (non todas son, felizmente, críticas negativas ao traballo xornalístico neste blogue). Entre eles, Moisés Barcia tocou a pedra da crítica literaria, que el atopa inhibida coas opinións pexorativas e á que reclama máis audacia: “Sería bo que se vise aos críticos non como inimigos, senón como todo o contrario, xa que ocultando defectos non se lle fai ningún favor ao sistema, aos libros e mais aos lectores”.
Por outra parte, o blogocompañeiro Jaureguizar calcou as tintas sobre unha insuficiente atención aos produtos culturais galegos: “Habería que dar un segundo paso, que sería transmitir de xeito máis atractivo toda a potencia cultural que ten o país”. Palabras estas cargadas de positividade, que non podo senón adherir.
Como “creador do blogue de crítica literaria O levantador de minas” tamén foi entrevistado quen isto escribe, e que non deixou de recomendar que incluísen a cor no deseño da publicación, facto que neste número foi unha realidade. Supoño que era unha necesidade evidente adiada desde non se sabe cando.
Entre outras, unha cualidade positiva que tiven oportunidade de defender, como xa avancei acima, foi o uso exclusivo do galego neste suplemento, “coherencia que non todos son capaces de manter”. E isto lévame agora ás últimas consideracións antes de que a cama me regale o soporífero abrazo: se de todos os membros da comunidade galega calculamos os que son lectores habituais, e deles os que o son de libro galego, e de cada un destes restamos a parte que posúen de lectores en castelán, e se no que fica temos que localizar a nómina total de escritores, críticos literarios, xornalistas, deseñadores editoriais, blogueiros etc. en galego… desde logo somos ben creativos!
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
O centro do mundo
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …
O Grupo Poético Hedral recitará hoxe en Arteixo
Agora que a libraría Á Lus do Candil (Arteixo) nos convida para recitarmos de novo xuntos, un grande orgullo acode …