O número de agosto da Protexta, o terceiro deste suplemento da revista Tempos Novos, demorouse un bocadiño este verán e no interim abandonou a coordinación Xavier Cid. Mudanzas a causa das tentativas non atoparen consolidación nas primeiras fórmulas dos proxectos, probabelmente porque moitos deles implican a moita xente con compromisos ás veces vagos. Non é de estrañar que isto aconteza entre a xente creativa, porque contra unha actitude pesimista moi común de non acreditar nas propias forzas ou desconfiar dos intereses alleos (tantas veces considerados ilícitos), outros aplicamos aos poucos recursos a máxima ambición no que a calidade di respecto. Na realidade non coñezo os motivos destas mudanzas no suplemento, mais en todo o caso entendo que no noso contexto cultural unha iniciativa como a Protexta é louvábel por todos os que amamos os libros en xeral e a literatura galega en particular. Que quede clara a miña postura: ser louvábel como proxecto non significa que llo debamos a un ente abstracto e inmaterial, senón que debemos recoñecerlle o mérito a todos aqueles que desde o inicio o alimentaron co seu esforzo como tamén aos que agora continúan a acreditar nel. Os meus parabéns a todos e todas os que contribuíron a que fose unha realidade.
No número de agosto non deixou de presentar o suplemento substanciosos materiais: unha entrevista moi suculenta (tanto nos contidos como nas actitudes) de Cid a Teresa Moure, outra de Iago Martínez a Cristina Peri Rossi, críticas de narrativa (todas as idades e varias linguas), de ensaio, de obras sobre arte, tecnoloxía e non demasiadas sobre poesía: a de Teresa Seara (“Bonecas de porcelana”) sobre o libro Ortigas de Xiana Arias e a miña (“Un anxo delincuente”) sobre un libro (Antecedentes criminais) que recolle unha antoloxía persoal do portugués Amadeu Baptista.
Poucas publicacións vexo con esta ambición: poñer na rúa 40 páxinas de crítica de libros dunha perspectiva o máis variada posíbel. Oxalá se consoliden propostas deste tipo, que tanto precisamos para que a nosa cultura poda dicirlle á sociedade que aínda está vixente e ten moita leira por labrar.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …