Ao ver esta foto a memoria lévave como se dunha alfombra voadora se tratatase ao final dos anos oitenta, cando eu tiña xa moi clara a miña estraña paixón pola literatura e viña de recibir aulas de Xavier Seoane e Xosé Luís Axeitos no Bacharelato da antiga Universidade Laboral Crucero Baleares, nas aforas da Coruña.
Coñecín tamén algúns outros como Miguel Mato e talvez máis algún nun recital que a (miña) Asociación Xuvenil “Mil e pico” de Carral organizara na época en que o colectivo se desprazaba para esparexer a súa arte. Pouco máis tarde, xa situado na Filoloxía Hispánica do Colexio Universitario da Coruña, aínda pertencente á USC, fun retado para o meu primeiro recital na Coruña. Aceptei, non sen antes ter un encontro inesquecíbel con Pilar Pallarés na súa casa, en que lin os meus primeiros poemas e decidín cais deles irían ao recital coa solidez que entón considerei mínima. Logo algúns deles saíron na revista Luzes de Galiza, e a partir de aí comecei a considerarme un poeta. De Xavier Seoane gardo, por exemplo, os seus primeiros libros dedicados. Débolles, por tanto, a varios dos integrantes deste colectivo, un certo apadriñamento que sempre lembrarei con ternura.
Na época seguinte sentinme debedor da auténtica vangarda poética, o cal me levou ao surrealismo, ao anarquismo e ao “lusismo postlusista” (así o bautizamos no momento), facto que me fixo concentrarme nas esencias poéticas e ideolóxicas de tal modo que comecei a ver a xeración anterior como xente que na realidade ficara artisticamente a medio camiño.
Moito tempo xa pasou, mesmo épocas de inmersión absoluta en “Matrix”, e agora, orgulloso de todos os meus compromisos anteriores porque nacidos dun corazón sincero até onde eu fun capaz, foco as tarefas de hoxe tentando procurar o esencial e desfrutando dos esforzos e logros daqueles que tamén cultivaron o seu talento coa mellor intención para si e a sociedade. Outros considerarán que fiquei a medio camiño, deslumbrado polos reflexos en que a miña ignorancia me ancorou.
A Asociación cultural Alexandre Bóveda da Coruña promete un recital poético os segundos martes de cada mes para celebrar os 25 anos do grupo De Amor e Desamor. Serán os martes ás 20:30, na intimidade do pequeno local da asociación. Miguel Mato adianta que tratarán de pechar o ciclo «cunha gran gala e se temos apoio levaremos estes recitais a outras cidades galegas». Tamén preparan un novo libro con textos destes autores e ilustrado con obras do grupo Atlántica.
Eu desde logo acudirei con gusto ao eventos. O niño que eles construíron serviu, anos máis tarde, para albergar o ovo do que a miña pluma naceu.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …