«Un millonario decidiu visitar un sufí para obter a súa beizón. Realizou unha longa viaxe acompañado por unha rechamante comitiva e ao fin chegou á morada do sabio.
-Ó, Iluminado! -exclamou o home rico ao estar en presenza do sabio-. Mestre cuxas invocacións obteñen sempre resposta, ofrece unha oración por min!
-Que oración queres que realice? -preguntou o sufí.
-Pide -respondeu o potentado- que nunca caia nun estado inferior ao que agora posúo.
O sufí estivo de acordo e pregou por el.
Algúns anos máis tarde o sufí entrou nun miserábel caravansar e atopou un mendigo que, vestido con farrapos, o atacou en canto nel reparou.
O sufí dixo:
-Cal é exactamente a túa queixa?
-Queixa? Olla para min, pedindo esmola e infeliz…!
-A túa oración -dixo o sufí- con certeza obtivo resposta. O teu estado era de cobiza e inseguridade, e aínda te atopas fortemente atrapado nas súas garras.»
(Idries Shah, El yo dominante. Barcelona: Kairós, 1999, pp. 171-172. Mudado para galego por Alfredo Ferreiro)
More from Alfredo Ferreiro
O centro do mundo
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …
O Grupo Poético Hedral recitará hoxe en Arteixo
Agora que a libraría Á Lus do Candil (Arteixo) nos convida para recitarmos de novo xuntos, un grande orgullo acode …