Chéganos unha carta que Dionisio Pereira dirixe a amigos historiadores e colaboradores coa recuperación da memoria histórica en que solicita apoio tras a demanda de conciliación que diversos sucesores de cargos franquistas e de membros da Falaxe lle teñen presentado e que, segundo el mesmo anuncia, «se verá o día 15 de febreiro ás 11:00 h. no Xulgado de Paz de Cerdedo, por publicar no libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo, editado en 2006 por Verbo Xido, a seguinte frase:
“Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)….”
Tamén o fan por unha frase semellante publicada no meu traballo incluído nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003. Esixen que me retracte, que publique esa retractación nos mesmos medios nos que foron escritas as frases devanditas e que acepte unha indemnización polos danos e prexuízos sufridos, “en la contía que se determinará en el momento procesal oportuno”.
Como é evidente, eu nin podo nin quero retractarme, posto que esas persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha represión na que se pasearon a sete veciños, houbo malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións se taxa, etc. etc. Non podo, pois, por que non podo faltar á verdade, e porque tamén está en xogo a dignidade das vítimas. […] Non podo implicar nesa situación tan desagradable a persoas de máis de 80 anos, que confiaron en min e que xa saben o que foi a represión fascista porque aturaron con ela na súa mocidade. Algúns, ademais, son familiares directos dos asasinados.
En conclusión, está en xogo a liberdade de expresión e o mantemento per secula seculorum da impunidade dos agresores, asumida hoxe en día polos seus descendentes. A maiores, aqueles que se beneficiaron do franquismo, pretenden seguir facéndoo en retrospectiva.
Entendo, pois, que isto soborda a cuestión persoal, e debera ser tomado en conta xunto con outros “incidentes” similares que están a acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que vimos traballando na recuperación da memoria da represión franquista, e, se é posíbel, darlles unha resposta colectiva.»
Segundo parece, son varios os casos en que se sospeita unha manobra que pretende obstaculizar as actividades de historiadores e colectivos comprometidos co desvendamento dos crimes cometidos polos represores da dictadura.
Xunta o historiador á carta un texto en que se solicita se lle manifeste apoio através dos enderezos:
PS (16/02/2007): Dionisio Pereira recibe abondosos apoios nacionais e internacionais.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …