Despois de moitas vicisitudes e dous anos de traballo, aquela creatividade que naceu nas nosas mans de axentes culturais principiantes está a dar o froito desexado. O proxecto naceu na nosa casa, sen máis fundamento que a inspiración e a confianza en que as cousas ben feitas atopan o seu momento necesariamente. Isto, claro, xunto cun coñecemento da discografía do Gran Can que o erixía no portador do talento que precisabamos para xuntar os ingredientes de arte integral, intelecto, versatilidade e un espírito que entende o popular como cerne da cultura mellor acabada. A rúa e o conservatorio de música construídos coa mesma pedra.
Dez cancións de autor/a foron seleccionadas para traballalas con Santiago Auserón no Palexco da Coruña durante a última semana de marzo. Haberá disco e xira e, se quixese falar de máis, outras hipóteses contaría que xa transcenden no tempo e no espazo os meus soños culturais máis ambiciosos.
Este martes día 11 de marzo entrará ao vivo o Santiago no programa “Aberto por reformas” de Xurxo Souto, (16:00, Radio Galega) e alí poderedes comprobar até que punto o mestre Auserón está comprometido co proxecto e maravillado coa calidade e variedade das propostas recibidas na web de A Coruña Son.
Non podo falar máis: sei demasiado e é moita a emoción. Podedes acreditar.
A. F.
Para quen non a coñeza podemos recomendar a suculenta entrevista que Santiago Auserón nos concedeu no ano pasado en Compostela. E, aínda, para quen queira escoitar unha pequena mostra do que foi aquel concerto do ciclo Sons da diversidade, este outro vídeo realizado desde primeira liña.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …