Queremos ir ao Céu, mas não queremos ir por onde se vai para o Céu.
(Padre António Vieira)
Creo que o criterio que primou na decisión última do xuri non foi técnico-editorial nin técnicoxurídico (ver o alegado na carta de Eduardo e no blogue Fragmentos da Galaxia), só o facto de que a obra, dun modo relevante, podía entenderse como claramente exposta ao público antes de enviada ao premio. E isto dá lugar a certas vulgares e contundentes consideracións:
1. O peso consuetudinario. Cantos premios foron outorgados a libros cuxos poemas, ao menos en parte, xa foran publicados en diversas revistas, ou mesmo recitados até a extenuación polo país dos mil ríos e outros tantos poetas? Cantos premios nestas mesmas circunstancias foron apañados polos autores que fan parte dos xuris dos premios actuais? Neste sentido, a valoración de Miguel Anxo Fernán Vello resulta moi consecuente: existe unha perspectiva desde a que isto foi posíbel.
3. A dignidade do xuri. En Vieiros afírmase que: «No texto da impugnación, Xavier Lama denunciaba que “o texto do poemario premiado titulado ‘Construccións’ está nun blog de Internet desde o ano 2006”. O xurado, na súa acta, salienta que “unha grande parte da devandita obra estivo publicitada en formato de edición electrónica e recibiu numerosas visitas e lecturas públicas coa agravante de figurar expresamente vencellada ó nome real do seu autor, durante un longo periodo temporal, feito que o propio autor recoñeceu en declaracións públicas”.» Do referenciado dedúcese que:
a) Xavier Lama tivo acceso ao poemario de Estévez para comprobar que os textos eran en certo modo coincidentes cos subidos á Rede, no tempo que transcorre entre a deliberación do xuri e a entrega do premio, agora xa improcedente, ao autor de Construcións. Isto dá a entender que o xuri entregou documentación interna ao autor premiado co accésit para a realización da impugnación;
b) O feito de que os poemas de Estévez estivesen dalgún xeito a disposición pública en nada afectou para a decisión dos xurados.
2. A oportunidade. Se os poemas eran coñecidos nalgunha ou moitas versións e asinados previamente, se foron publicados na web nalgunha das súas versións non pode negarse. Ora, é polo medio do camiño da entrega do premio que deciden desfacer a madeixa? Canto tempo hai que aspectos como estes se cuestionan? Que estan a facer os responsábeis da organización dos premios para evitar a ambigüedade dos regulamentos? Estimo que existen demasiados regulamentos pouco claros porque a práctica até agora fixo prever que os litixios eran improvábeis, acostumados como están os galegos a tomar o que lles dan, sempre contentos ao final porque nada merecen.
3. A desconfianza. Chegan tarde sempre demais as nosas institucións para demostrar que podemos confiar nelas, e tarde chegando promoven a desconfianza tanto nunhas solucións posíbeis canto noutras. Leron as opinións que merecen para a maioría dos internautas do blogomillo a limpeza dos premios literarios galegos? E isto mesmo xa quere espallarse ao blogues, que algúns consideran a facer parte de capeliñas intereseiras: “Não será afinal uma questão de simples simpatias e afinidades de idade, blogueiras não blogueiras? Claro que o nosso sistema tem gabinetes, mas também lobbys muito activos, cada vez mais estruturados, à volta de blogs e as suas comunidades…e este facto era o que queria aqui colocar” (Vieiros). Amigos, isto acontece e non é novo, mais debería ser mudada esta opinión xeneralizada pois sen dúbida é un mal que non permite progresarmos. Como pode facerse? Sen dúbida con procedementos transparentes e rigorosos.
Nota: recomendamos ler as opinións a este respecto en Cabaret Voltaire, Ovnis e Isoglossas, Lándoa, casatlantica, Made in Galiza, ferradura en tránsito, proxecto-q, Fragmentos da Galaxia, Galicia Confidencial, Alfaias, A Canción do Náufrago II, O Porto dos Escravos…
Revisión 26/09/08: recomendo a leitura do comunicado de Xavier Lama no Cabaret Voltaire, así como o novo “arrastro” de María no Castlántica.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …