Cando falamos do sistema literario en rigor debemos contemplar os factores das manifestacións socio-semióticas ou culturais: o produtor, as institucións (axentes de control), o repertorio (regras e materiais culturais), o mercado (que permite a transmisión), o produto e o consumidor. Neste sentido, e aplicado á reflexión sobre o mellor modo de valorar aqueles produtos literarios que idealmente poidan elevar a literatura galega até o maior recoñecemento internacional, deberiamos apoiarnos no concepto de repertorio. Así, recoñecemos que existe na actualidade un sistema literario galego en que conviven ao menos cinco repertorios:
1. Repertorio español en castelán.
2. Repertorio universal en castelán.
3. Repertorio galego.
4. Repertorio universal en galego.
5. Repertorio lusófono.
O primeiro e o segundo atópanse en posición preponderante, e o terceiro e o cuarto constitúen alternativas que loitan por chegar a ocupar o lugar principal dentro do sistema literario galego. Reparen no que isto implicaría: en galego leríanse os principais autores estranxeiros ao tempo que os autores de máis fama serían un bo grupo de galegos de grande recoñecemento, e o mercado estaría ocupado na Galiza nesta demanda abafante. A maiores, a alta competencia en castelán dos consumidores do país favorecería as vendas do libro en castelán, mais en franca desvantaxe.
Desde logo, o interesante da reflexión é intentar imaxinar que precisa a literatura galega para continuar mellorando a súa consideración, e aínda dun xeito definitivo. Algúns pensarán que o verniz “indixenista” do repertorio pode ser fundamental, mais isto non acostuma ser suficiente. A cuestión estriba en que o repertorio galego, é dicir, as obras que constitúen a carne da literatura erguida, propoñan opcións que doutro modo estarían excluídas. En termos de moderno sistema de xestión, que implique e lle sexa inherente, polo que teña de galega, un valor acrecentado concreto, recoñecíbel, rendíbel para a o individuo e por tanto para a sociedade. Só entón a aceptación deste repertorio sería inminente.
Ao mesmo tempo, os valores apreciábeis como positivos e catalizadores dunha nova tomada de conciencia nos membros da sociedade… en que se apoiarían realmente? Ninguén pense nun falso idealismo, como apoio devoto e xeral nin nos poderes de manipulación intereseira dun grupo de individuos con poder institucional, público ou privado. E tampouco na simple creación dun estado, pois existen casos, como o de Bélxica, en que o sistema literario fai parte do holandés, por unha parte, e do francófono, por outra.
Evidentemente, estes procesos dependen do modo en que son xestionados os factores antes aludidos do sistema cultural: dos intereses das institucións e do mercado, desde logo, que tamén dirixen as expectativas dos consumidores, mais especialmente dos produtos, como viñamos dicindo. E aquí defendemos de novo, como o Ramiro Fonte do post anterior, que dispomos dun repertorio á beira, o lusófono, facilmente integrábel no sistema literario galego, perspectiva desde sempre defendida polo lusismo aínda que como algo secundario a respecto dos criterios lingüísticos. Un repertorio que podemos facer complementario do noso con grandes beneficios: fornecendo unha lingua literaria aproveitábel, por exemplo, polo que ten de galaica, e compensatoria polo que a lectura perpetua en castelán ten de alienante.
A literatura galega debe atopar o seu filón, a febra caudal que nos atravesa emotivamente e que pode alimentar a fame que tantos sentimos culturalmente, e isto en literatura pasa tanto polo imaxinario canto polo estilo literario. Outros antes que nós fixeron que até aquí chegásemos, mais o presente non é suficiente. Non temos que citar a Manuel Antonio de novo para expresar o desexo actual de tantos. A modernidade que este século precisa virá marcada pola tecnoloxía, a da comunicación e a do márqueting, a do control da aldea tamén local, e a forza centrífuga que nos move irremediabelmente debe ser desviada ao centro do noso desexo máis positivo, para que nos alimente da enerxía necesaria.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …