Roger Colom faime partícipe dunha proposta que se está a espallar pola blogosfera: escribir tres razóns que xustifiquen apañar as maletas e marchar desta España. Se o xogo é aceptado, continúa este propondo o tema a outros cinco blogues, de modo que as argumentacións se estendan pola rede adiante. Pola miña parte acepto o reto. Aquí van as miñas razóns:
1. O pesimismo. Non podo evitar que comece a miña crítica por esta actitude, porque para min é unha sorte de cancro espiritual que nos impide dedicar a calquera proxecto de mellora a enerxía necesaria. De feito, esta actitude é tan patente que sobre calquera que manifeste a contraria pairan inmediatamente olladas de manifesta incredulidade, e pasa a atribuírselle tamén a máis cándida e perigosa inocencia. Poderiamos chamar a isto “sistema automático de castración ideolóxica”, por exemplo.
2. O “perralleirismo” (xa non sei a quen lle oín este termo por primeira vez, desculpen). Constitúe esta a máis tradicional das nosas vangardas, artísticas e de todos os ordes. Como o sentimento principal é de fundamental pesimismo, ningún esforzo estará realmente xustificado para unha empresa que non contará cos apoios necesarios das institucións, nin dos socios, nin dos receptores ideais e, por tanto, tampouco cos do promotor, quen despois de razoar isto non está disposto a ser o único que traballa. Sabe, ademais, que cunha actitude comprometida e seria pasará por parvo, dado que o intelixente por estas terras non é o que atinxe un obxectivo dado cos medios apropiados, así, en termos absolutos, senón o que traballa menos relativamente ao esforzo investido (consecucións parciais dos obxectivos tamén permiten obter medalla). Poderiamos chamar a isto, por exemplo “adaptación dos fins á imaxe social do suxeito”.
3. A desconfianza. Consecuencia dos dous primeiros, este sentimento nace como fillo de seu pai e súa nai. Sen forzas para emprender novos proxectos, sen axuda, habituados a facer trapalladas sempre para o curto prazo, desconfiamos dos méritos propios para enfrontar un reto novo e dos méritos alleos para defender os seus. Desconfiamos do interese de propormos algo novo, de participarmos no proposto, do interese dos máis polo proxecto e, sobre todo, de se teremos o recoñecemento debido, aquel que nos sitúa no andel dos espelidos e non no dos parvos. Ao mesmo tempo, se nós mesmos só recoñecemos os méritos dos amigos, é dicir, aqueles que nos reenvían o apoio prestado con anterioridade, por que había de recoñecernos un mérito a xeneralidade dos cidadáns, que ao fin non nos coñece de nada? Desconfiamos por isto do éxito lícito e, aínda máis, da obxectividade mesma para a valorización de calquera obra. Así, acábase preguntando sempre os artistas con ton acusador que é arte e que non, aos literatos que é literatura é que non, aos poetas quen decide o que é poético… como se todo isto dependese inevitabelmente non da substancia que lle é propia a cada cousa senón do capricho inescrutábel dunha autoridade impropia. Poderiamos chamar a isto “insatisfacción permanente por meritocracia sen fundamento”, ou algo así.
Como pode verse, non inclúo referencia algunha á perda adquisitiva como razón de peso. Entendo que os ingresos, as axudas sociais e a xestión dos apoios á cultura poden aínda ser moito máis fracos e nós asombrosamente máis creativos e felices se outras actitudes individuais e sociais realmente positivas colonizasen as mentes de xeito permanente. Claro que neste caso o benestar xeral persoal e colectivo non podería máis que mellorar de día para día.
Animo a continuar aos seguintes blogues: O blog dos pelachos, Días estranhos, De mares, portos e portas, Cabaret Voltaire e As túas balas.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …