La Voz de Galicia (disculpen se poden a pésima versión galega que ofrece este xornal): “Un xaponés de 16 anos sorprende ao mundo editorial cunha novela sobre acoso escolar (Firma: Tomás García Yebra | Lugar: madrid)
Ten 16 anos. Chámase Isamu Fukui. Vive en EE. UU. Os grandullones do instituto Stuyvesant de Nova York fixéronlle a vida imposible e xurou vingarse. «é máis intelixente escribir un libro que coller unha metralleta», argumenta. Cando comentou a súa intención de relatar as súas vivencias, os grandullones ríronse del e déronlle algún que outro mamporro. Os seus pais, antes de que escribise War Boys lle regañaban porque non estudaba. Agora, coa aparición do seu libro en España e a súa próxima publicación en EE. UU., Alemaña e Italia, ponlle ojitos. Xa non é un vago. é un xenio.«Nunca fun un estudante modélico», confesou Fukui. «Para min os estudos son unha parcela máis da vida, pero non a principal», argumenta. Ler, o que se di ler, só leu a Tolkien, pero non O señor dos aneis, senón un volume de notas. «Neses comentarios aprendín como se constrúe unha novela», confesa. As súas fontes de inspiración foron as súas vivencias. Para relatar as escenas de acción botou man dos videoxogos. War Boys desenvólvese nunha cidade imaxinaria que se identifica con Nova York. O protagonista é Zyid, o líder da banda, que nunha pasaxe di: «Todos os días condúcennos como gañado ás aulas para obedecer e finxir respecto. Pero esta noite os war boys cambiarán o programa. Esta noite, amigos meus, mostrámoslles o seu gran fracaso, o fracaso de someter á nosa xeración».”
Esta noticia suscita un feixe de preguntas: Un rapaz de 16 anos sen lecturas pode suplir con talento (?) toda a pericia (!) que se precisa para escribir unha novela? Ter imaxinación é suficiente para escribir unha novela? É suficiente a sabedoría que fornecen os traumas da vida cotidiana para atopar contidos eficaces para un texto artístico? É suficiente ter “algo que contar” para construír unha obra literaria?
A cuestión de se hai unha idade mínima para facer literatura ten unha resposta fácil: nin máxima. Rimbaud aos 18 xa tiña escrito aquilo que pretendía dicir en poesía, así que puido dedicarse a partir dese momento a unha profesión de risco como o contrabando: a inmortalidade estaba asegurada. Ora, percibo a existencia de escritores sen lecturas (?!) como un tema que comeza a ser recorrente. Segundo parece a experiencia cotidiana de calquera individuo minimamente traumado, se contada directamente polo protagonista, non precisa de ningún coñecemento da tradición ou antitradición literarias. O que teñan escrito outros non interesa, os mestres non existen, as obras anteriores non inflúen a quen ninguén recoñece de facto como predecesor.
Mais… repasemos a noticia cando di: “Para relatar as escenas de acción botou man dos videoxogos”. Agora comprendo onde o rapaz aprendeu a estruturar un relato, para alén dun único libriño de Tolkien, por explícito que sexa; onde coñeceu modelos sobre o desenvolvemento das narracións de aventuras; como interiorizou a descrición psicolóxica das personaxes en contextos bélicos; como puido, en definitiva, familiarizarse co “abecé” da narrativa. Como aproveitou toda a “literatura” que tiña aprendido até o punto de sorprender os editores, sexa isto o que for.
É evidente que moitos dos mellores especialistas en Teoría literaria están a traballar onde realmente se gaña diñeiro: a industria do audiovisual. Ese espazo de comunicación artística en que o experimentalismo “fluflú” e de valor autoalimentado non dá un céntimo porque non se apoia en nada semellante ao que os vellos teóricos chamarían universais emotivos ou algo semellante. Que barata vai a vangarda nestes tempos en que a tradición é ignorada!
PS: O autor presentou a novela este 8 de xuño ás 13:00 horas nas FNAC de Barcelona e Madrid ao mesmo tempo, mediante o don da ubicuidade que posibilita unha videoconferencia desde Nova Iorque.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …