Onte acudimos ao recital de poesía que tivo lugar no Centro On de Caixa Galicia n’ A Coruña (Cantón Pequeno, 9-11). Con Lía Santiso como mestra de cerimonias, a primeira intervención estivo a cargo de Enma Pedreira, quen nos propuxo o faro como símbolo do isolamento do ser e logo trouxo para a mesa un grande abano de revisitacións de personaxes coñecidas: Penélope, Carapuchiña Vermella, O Principiño e Alicia “a marabillada”. Tamén aproveitou a ocasión para declarar que a “denuncia social” é para ela unha motivación de peso no seu traballo creativo.
A continuación foi o turno de Estíbaliz Espinosa, quen prescindiu da mesa e apañou a vertical para actuar co telemando na man. Ofreceunos en primeiro lugar unha composición visual de imaxes e poemas, que recitou para todos. Despois puidemos visualizar e oír o podcast Alcohorama, co que gañou o ano pasado o Iº Concurso de Podcasts Poético-Artísticos do Concello de Tarragona (2006).
Para cerrar o acto, Eduardo Estévez apañou a cadeira e sentou en frente do público nunha actitude de proximidade que a moitos agradou. Leu poemas dos seus libros publicados, incluídos algúns do seu coñecido poemario Lúa gris, así como algúns textos de proxectos en curso. Reflectiu sobre o concepto de memoria e sobre aquelas experiencias máis significativas da infancia.
O acto decorreu nun ambiente agradábel e case íntimo, pola comodidade e o pequeno aforo que ofrece a sala disposta para estes eventos. Ao principio e ao final, a benvida e o recordatorio de próximas actividades do Centro por parte do persoal da casa foi en sólido castelán, deixando o delicado evento cultural que presenciamos como facendo unha leve marca na até ese momento virxe area da praia dos grandes negocios. Polo que parece, no Centro On de Caixa Galicia o galego semella estar, por defecto, OFF.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …