«Desde hoxe e até pasado mañá pode seguirse en directo FOCUS 2011 O libro mañá: o futuro da palabra escrita. Sorprende en principio que só sexamos 15 os espectadores ás 11:20 da mañá pero claro, se non podes participar, xa non digo enviar preguntas que reciban respostas, senón gozar dunha canle de comunicación entre os interesados, o streaming non ten tanta graza e resulta máis simple agardar a que remate e recibir as opinións das testemuñas directas que recollan o que lles pareceu máis interesante ou as conclusións que lles suscitou o encontro a través de hashtags e blogues.
Moitos queixámonos de que non recibimos información suficiente dos medios, arrepiante o caso das últimas protestas gregas, queixámonos de que os medios non fan o seu traballo, queixámonos de que os conferenciantes nos foros internacionais non elaboran análises cientificistas sobre os distintos aspectos da evolución cultural, senón que simplemente xustifican ou condenan situacións en función do lobby que representan.
E só somos 16 agora os que estamos a seguir o debate na UNESCO sobre o futuro da palabra escrita? Pois o futuro está claro entón, e coincide co que eu penso, que o cambio dunha “lectura profunda” a unha lectura fragmentaria” do que tanto se fala non é tal, que o que está a pasar é que estamos a deixar de ler. Si, lemos moito máis que hai anos os que pasamos moitas horas diante dun ordenador mais, ou moito me equivoco, ou a lectura lineal, letra tras letra, está en franca decadencia, aínda que a maioría da xente non o perciba: un mercado insustentábel, novas narrativas que queren deixar de ser simples experimentos, confluencia de dispositivos, xéneros, formatos. A nova literatura son as moitas vidas, os moitos personaxes que cada individuo vai vivir dun modo cada vez máis realista. Pero alguén pensou algunha vez que a novela escrita con caracteres, era un xénero perfecto, que atopou o canon hai uns cantos séculos e que, suxeita a actualizacións temáticas e formais, era realmente un formato eterno? Que era a mellor representación inmaterial dunha historia? Non haberá ninguén tan iluso, non? Porque o que está a vir e veña, seguirá a ser novela sempre que sigamos a chamala así.
Uau! 24 espectadores ás 11:45 AM!» [Vía Tati Mancebo]
You might also like
More from Livro electrónico
Do Calepino ao Ipad en catro minutos
No día do libro non quixen deixar de ofrecer como humilde contributo a miña propia experiencia de lectura, no extenso …
“Ensinar literatura”, curso da UDC
O xoves estaremos no Reitorado da USC promovendo un diálogo sobre os recursos dixitais que a literatura xa non pode …