Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz, é en primeira instancia unha homenaxe literaria ao cinema. Isto é fácil de argumentar para calquera que teña reparado nas continuas citas de guións cinematográficos sementadas oportunamente por toda a novela, no apéndice final que referencia con ficha completa as obras homenaxeadas e noutras estratexias narrativas máis sutís. Entre elas o paralelismo establecido entre o paso dunha xeración á categoría de clase pasiva do mesmo modo que son “xubilados” os salóns de cinema da cidade ante as necesidades especulativas dunha nova época empresarial.
No entanto, un sentido profundo subxace no paralelismo entre literatura e cinema. Son ambas artes que se apoian na narración, esa disposición dos contidos na liña temporal dos acontecementos, e na poesía, ese outro paradigma en que o tempo se pára e o espazo se amplía até o infinito, deixando florecer a descrición atemporal e o sentimento; son ambas artes do argumento, do ritmo, das emocións que provocan en nós o rexeitamento e a catarse, a burla sacrílega e o panexírico máis sentido.
Mais aínda unha liña máis profunda une a literatura e o cinema, e é aquela que vencella as artes todas nunha característica que, coñecida ou non, reivindicada ou non, aceptada ou oculta expresa o sentido último da arte: a procura da verdade a través da beleza. E non estou a falar dunha beleza convencional, un estándar que nos produce saliva na boca até que temos que tragar e non podemos evitar dicir “Que lindo!”; estou a falar de algo aínda máis profundo, algo que non se pode explicar cientificamente, algo que non se pode describir con rigor positivista, algo puro, anterior a calquera racionalidade.
Trátase probabelmente dunha percepción da harmonía universal que se manifesta a partir de pequenas secuencias do noso humano mundo, como o sentido do último aloumiño entre amantes que se despiden, dun sacrificio non pedido, dun recoñecemento xusto que por fin un día chega e inunda o corazón. Son esas pequenas secuencias da vida dos insignificantes humanos que, cando maxistralmente recriadas polos artistas, aparecen cargadas de significado profundo, e nos revelan, a partir de pequenos tranches de vie, os mecanismos polos que o universo funciona e o combustíbel que na realidade fai a roda xirar.
«Si, o cine non era a vida, xaora que non. Mais dalgún xeito, aquelas historias e aqueles fantasmas de luz axudaban a entendela e enchían de esperanza o corazón.» [Agustín Fernández Paz, Fantasmas de luz, Edicións Xerais, 2011]
Nota: A edición conta cunhas extraordinarias ilustracións de Miguel Anxo Prado.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …