Debido á carencia de recursos da asociación Fillos de Galicia, hoxe asinouse un convenio de colaboración que permitirá integrar a comunidade Fillos.org en Blogaliza.
«A empresa Algueirada, responsable do servizo de blogs en galego Blogaliza, ven de asinar un convenio de colaboración coa asociación responsable da maior comunidade online da diáspora, Fillos.org, que conta xa con case 7 mil usuarios rexistrados. Grazas a este acordo evítase a desaparición deste proxecto histórico da Internet galega, que naceu en 1997 como ponte entre Galiza e os galegos do exterior, nomeadamente fillos e netos de emigrados. A falta de recursos económicos, agravada tras a cambio de goberno na Xunta de Galicia, e a carencia de persoal técnico capaz de xestionar unha rede social en continua expansión levaran á asociación Fillos de Galicia a facer un chamamento tras outro para acharen quen continuase co proxecto.
Aínda que estes chamamentos fracasaron e algúns medios apresuráranse a anunciar a morte do proxecto, abriuse unha derradeira oportunidade da man da consultoría tecnolóxica Algueirada: o traballo de actualización do portal Fillos.org realizado cos últimos recursos da asociación, facilitou a compatibilidade técnica con Blogaliza, o coñecido servizo ofrecido por Algueirada.
Deste xeito faise posible a supervivencia do proxecto, que agora fará parte de Blogaliza, quedando outros coñecidos proxectos de Fillos de Galicia como Atopadoiro.org fóra do acordo e baixo a xestión directa da asociación, xa cun custo moito menor. Os responsables de ambas organizacións felicítanse polo acordo e agardan poder sentar así as bases para novos proxectos a prol da cultura e a lingua galega no exterior.»
Vía Blogaliza.org.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …