– Palavra Comum: Que representa para ti a poesia?
– Andrea Nunes Brions: Para min a poesía supón unha forma de crecer e partillar, de entrar no ollo das outras, de verse unha mesma danificada nun verso ou espallada nunha metáfora, de me inventar e de rachar co establecido. É unha forma tamén de denuncia, de remover.
É iso que nos axuda a continuar camiñando, esa dose necesaria na vida para non afundir, para sentirme nas outras e sorprenderme. A poesía é “unha arma cargada de futuro” como dicía Celaya, mais é tamén como expresou despois AJO, “unha arma cargada de imperfecto, de pasado imperfecto”.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação poética -e artística, em geral-?
– Andrea Nunes Brions: Nunca souben moi ben contestar a este tipo de preguntas, no meu caso, non entendo un proceso de creación poética específico. Cando chega, é marabilloso, si, e é sobre todo estar cunha mesma.
Mais os procesos son ás veces forzados (no meu caso tento que non sexa así) ou inesperados (prego para que cheguen, mais ás veces a vida non dá para que pase).
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou poderia ser- a relação entre a literatura e outras artes (audiovisual, artes plásticas, fotografia, cinema, etc.)?
– Andrea Nunes Brions: Unha relación moi próxima, sen dúbida. Acho que as diferentes artes están sempre mesturadas/contaxiadas unhas das outras, coas diferentes linguaxes. Así atopamos filmes moi poéticos, poemas estáticos como esculturas, fotografías que nos danzan nos ollos, e videos que son auténticos poemas.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes (num sentido amplo)? E quais deles achas merecem ser mais conhecidos?
– Andrea Nunes Brions: Os meus referentes, como acho os de todas as persoas, veñen impostos por unha cultura eurocéntrica e patriarcal. Alén diso, desde hai tempo, tentei poñer ollo sobre todo en textos feitos por autoras, e así compensar ese baleiro histórico. Confeso que son os textos delas, das autoras, os que gostan máis da miña simpatía e, ademais, teño especial interese polo que se fai “na casa”.
– Palavra Comum: Que camiños (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para a poesia e as distintas manifestações artísticas, em especial no contato com a sociedade e o público?
– Andrea Nunes Brions: Calquera camiño elexido pola autora/ autor que sexa do seu agrado. Os soportes audiovisuais, a rede, o fanzine, os diferentes soportes físicos (libros, camisolas, paredes…)
Eu ultimamente gosto da comunicación directa: o recitado, o susurrado, o gravado…
– Palavra Comum: Que perspetiva tens sobre o estado actual da criatividade cultural, e que conexões -reais ou potenciais- encontras com outros espaços culturais (Lusofonia, etc.)?
– Andrea Nunes Brions: Temos unha enchente de persoas a facer cousas interesantes e únicas no país, persoas moi creativas e moi implicadas nas diversas formas de creación. Propostas diferentes, coraxosas, transgresoras. A situación, porén, como en todos os eidos, é inxusta. Como no caso das mulleres escritoras, que precisan (mos) de espazos de visibilización e de recoñecemento e autoridade que nunca se lles dá ás súas creacións, ao igual pasa coa escolla ortográfica. Con respecto á lusofonía, agora comezan a agromar propostas moi potentes desde Galiza, mais continúa habendo unha marxinalidade excluinte, e precisamos dunha “irmandade” real, para poder aportar e achegarnos as creacións que a nosa lingua posúe.
– Palavra Comum: Como é a tua experiência em China? Que destacarias, em sentido amplo?
– Andrea Nunes Brions: A miña experiencia na China dá ben para unha outra entrevista 😉 Eu vivín (vivo) dúas Chinas ben distintas e segundo pense nunha ou noutra, podería falar dun ou doutro xeito.
Destaco a aprendizaxe persoal e a nivel profesional.
– Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que cousas dela achas existem e se podem aproveitar já?
– Andrea Nunes Brions: A miña Galiza imaxinaria sería un país libre, onde a equidade fose real, onde non se consentirían as desigualdades, onde a xente falase o seu idioma e tivésemos xornais na nosa lingua, cancións pop, revistas… A xente comería os produtos de tempada que se cultivarían alí mesmo, e evidentemente, non habería eucaliptos, nin machismo, nin Ence, nin Igrexas nin….
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Andrea Nunes Brions: O meu proxecto principal agora mesmo é deixar de ser emigrante. Continuar crecendo e aprendendo das persoas que me fan ser e seguir creando (tanto na escrita como no audiovisual coas Candongas do Quirombo), mais por suposto continuar a facelo non desde eses ritmos produtivistas e capitalistas impostos, senón desde as pulsións, desde as ganas de partillar, cando o corpo mo pida.
– Palavra Comum: Que opinas de iniciativas como Palavra Comum, e que botas em falta nela?
– Andrea Nunes Brions: Acho que é un espazo necesario, plural e interesante, onde conviven as artes e a reflexión, onde todas temos cabida, e iso nos tempos que corren é toda unha transgresión en si mesma.
Todas As Mulleres que fun, por As Candongas do Quirombo.