– Palavra Comum: Que é para ti a economia?
– Adrián Dios: O elemento determinante para a organización e funcionamento dunha Sociedade. Fannos crer que a economía son gráficas e % de débeda ou déficit, pero o certo é que toda a base material dunha sociedade está, en última instancia, determinada pola economía.
Por iso é tan importante coñecela e estudala. Como me dicía unha profesora: “hai que saber economía para que non nos enganen os economistas”. Sen coñecementos económicos é moi díficil tentar transformar a realidade, e máis nun contexto de absoluta mercantilización e doutrina neoliberal que o chucha absolutamente todo.
– Palavra Comum: Que aspectos dela reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos na sociedade?
– Adrián Dios: Hai un verdadeiro déficit de coñecementos económicos. Pero non xa na Sociedade, senón nas propias facultades de Economía. A interpretación da Economía como unha ciencia pura, como a medicina ou a matemática, é un erro analítico de proporcións descomunais. Así, o único válido é a matematización até o extremo de modelos económicos que non poden existir no mundo real.
Dicíame un compañeiro do movemento estudantil que tivera esta conversa cun profesor:
“-Imaginaos un mundo con dos países que producen una mercancía cada uno.
-Pero profesor, non existe un mundo así.
-Sí, ¿y eso que importa?”
Isto é o que acontece tamén na política económica actual. Impónsenos cumprir un déficit (a UE ao Estado, pero tamén o Estado a Galiza) porque o di un modelo matemático teoricamente aceptable pero que historicamente sempre levou ao desastre socioeconómico aos países onde se aplicou. Iso é un despropósito.
Dende logo, sería moi interesante que existise maior formación económica no ensino. Pero imos ao revés, en lugar dunha cultura económica crítica existe un proceso de lobotomización da rapazada coa historia esta da cultura do emprendemento… ”Se o intentas moi duro, podes chegar onde queiras, non importa o que pase ao teu redor”, dinche sempre. Por moi emprendedor que sexa, se Bill Gates tivese nacido en Somalia, non creo eu que fundase Microsoft. Hai que reafirmar que somos seres sociais, ou a economía neoliberal rematará por matarnos como Sociedade.
– Palavra Comum: Que características próprias achas tem a economia galega?
– Adrián Dios: A economía galega é unha economía moderna dunha periferia europea que está a sufrir en maior medida a crise económica mundial. Non pensemos que temos uns enormes elementos diferenciais con outras economías do noso entorno. As nosas características fundamentais mudaron en relación ao pasado. Por exemplo, xa non temos un enorme continxente de forza de traballo ligado ao campo.
Somos unha economía fortemente terciarizada, e isto, no noso caso, quere dicir cun elevado grao de precarización en sectores que xeran escaso valor engadido e sen unha base industrial e tecnolóxica potente. A escasa vitalidade empresarial, uns moi baixos salarios (un galego cobra de media 200€ menos que un español) ou un mercado de traballo moi débil que forza á emigración, son características da nosa situación económica.
Obviamente, carecer de institucións propias reforza esta tendencia. Un exemplo: o goberno central salvou Bankia ao considerala sistémica, pero vendeu Novagaliciabanco a prezo de saldo. Nun país con autogoberno esa situación sería impensable. A consecuencia diso é menor capacidade financeira para desenvolver proxectos económicos ambiciosos no noso país, e rematarmos por expulsar o noso aforro para financiar outros territorios. Un sensentido.
– Palavra Comum: Que modelo(s) económico(s) consideras mais interessantes para serem aplicados hoje?
– Adrián Dios: Dende logo, se algo amosou o 2008 é que o neoliberalismo fracasou como modelo económico. A partir de aí, penso que está todo por pensar. Aqueles que procedemos do marxismo pero analizamos con criterio crítico a experiencia socialista, estamos nestes momentos, por desgraza, orfos de referencias prácticas ás que acollernos. Hai que ter en conta o contexto económico actual, nun proceso de globalización económica que limita a acción política concreta se non é a escala global.
Aínda tendo en conta esta situación, é evidente que o control do Estado é fundamental para dar un xiro ás políticas económicas actuais. O fundamental é ser quen de rachar cos cadeados da débeda que impiden políticas diferentes. Despois da derrota de Syriza nese sentido o horizonte semella complicado, pero esta é unha condición necesaria para mudar de rumbo na actualidade. A partir de aí, hoxe en día unha práctica política socialdemócrata (da de verdade, non a dos herdeiros da terceira vía de Blair en Europa botados ao social-liberalismo como o PSOE) pode ser un bo punto de partida para profundizar en transformacións económicas e sociais.
Esta posición (que algúns dirán de pouco ambiciosa ou de revisionista) parte da premisa de que, na actualidade, a actuación política sobre a economía só pode realizarse tendo en conta a correlación de forzas actual, e se ben a lexitimidade do sistema está posta en dúbida na actualidade, o poder do capital financeiro e as súas hordas mediáticas continúa a ser brutal.
– Palavra Comum: Como é a tua visão do mundo… Onde estamos e para onde deveríamos ir…?
– Adrián Dios: Pois estamos en Europa, na actualidade un continente enfermo que afoga os seus Estados do sur, promove e apoia guerras no exterior, permite que morran bebés nas súas costas e lanza gases lacrimóxenos a persoas refuxiadas polas guerras que creamos e que foxen das bombas que nós vendemos.
Cara onde deberiamos ir… Pois para algo totalmente diferente, pero nese mundo diferente quen responderá a esa pregunta será a xente, que terá máis canles de participación real que as actuais.
– Palavra Comum: Qual é a tua perspectiva sobre o TTIP?
– Adrián Dios: Verdadeiramente negativa. Hai un tempo escribín un par de artigos sobre o tema (que podedes ver aquí e aquí), onde falo dalgunhas cuestións que implicará para a xente. Basicamente, é un acordo con dúas misións: ampliar o poder do gran capital a nivel internacional fomentando a desregulación, liberalización de servizos públicos e redución de estándares de calidade e, por outra banda, reforzar o poder en termos xeopolíticos dos Estados Unidos e a UE ante unha nova orde internacional multipolar, con especial incidencia no illamento de China. Por iso non só falamos do TTIP, senón tamén do CETA, o TPP ou o TiSA. Trátase dunha ofensiva global para acadar eses dous obxectivos.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver? Fala-nos, também, de Strelka.gal…
– Adrián Dios: Pois o primeiro e fundamental é rematar a tese (en relación á evolución de Unión Fenosa e o impacto de sector eléctrico na economía galega, no Departamento de Historia e Institucións Económicas da USC, titorizado por Xoán Carmona). A partir de aí, pois sempre van saíndo cousiñas non necesariamente ligadas á Universidade nin á política que quero desenvolver, en particular como adestrador de baloncesto no ADB Fontiñas, un clube de barrio no que xa levamos 10 anos traballando.
Evidentemente, como proxecto tamén está contribuír a que Feijoo non volva ser presidente da Xunta. A partir desa idea nace Strelka.gal, un videoblog que comparto con Iago Lestegás e co que precisamente queremos crear un espazo de pensamento crítico dende Galiza e para Galiza, que contribúa a axitar conciencias para mudar a situación actual.