Hoxe Miguel Anxo Fernán Vello falaba do estado crítico en que se acha o libro galego. Afirmaba a situación de auténtica desesperación en que viven algunhas editoras, heroicas promotoras dos xéneros menos lucrativos e non por iso menos necesarios, ante a desidia institucional por fornecer o mundo editorial dun auténtico apoio. E citaba feitos concretos: o empréstimo dos libros escolares e a ausencia de adquisición de exemplares polas bibliotecas públicas nas datas esperadas. Desde logo, concordamos en que nunha situación delicada como a dos bens culturais galegos non se deben manipular os seus sistemas sen unha prudencia máxima, sen ter sempre moi presente que a alteración de calquera elemento pode producir erros irreparábeis. Non se debe facer unha política simplemente ”moderna”, pois o fin non é facernos correr para apañar o tren da modernidade que aínda non desapareceu no horizonte. Actualizarnos sen demora non é unha prioridade, se aínda non tivemos tempo para saber en que dirección nos convén emprender a viaxe da modernidade.
Moito atraso levamos ao lombo, é certo. E hoxe podemos presupor, felizmente, que nos libramos un pouco máis do lastro que nos impide avanzar. Vémonos con vontade, con creatividade e talvez non nos demoramos a reflectir coa profundidade necesaria. A urxencia que en nós se creou en tantos anos de frustracións nos empurra a tanto! Mais non é suficiente querer e poder, como antes pensábamos. É preciso tamén saber. E para saber hai que identificar as necesidades, valorizalas, estimar os recursos, planificar as accións correctoras, levalas a termo nos prazos previstos e revisar os resultados. Un control da cualidade da política cultural é necesaria. Non é máis que unha nova forma para un procedimento antigo: traballar “con tino”.
Por outro lado, o sistema de empréstimo de libros non aniquila a industria editorial doutros países. A demora das bibliotecas na adquisición dos volumes tampouco. Que nos sucede entón? Será que temos… ou que non temos o que afirmamos ter? Ninguén debe pretender a estas alturas sorprendernos demasiado con novos argumentos, non lles parece? Eu pregúntome por que non nos sentamos a falar do que na realidade temos, do que podemos cultivar para ter e do que se precisa para atinxir eses obxectivos. O noso destino como pobo é ofrecer ao mundo aquilo no que somos mellores que ninguén. Aquilo que nos fai ser o que somos, e que nos ten que estar a ofrecer a chave do futuro. Porque todos os pobos, como todos os individuos, teñen a chave do seu futuro no bolso da chaqueta. Mais a nosa chave, señores e señoras da política, a que abre a confortábel casa que soñamos, hai que procurala co convencemento e coa atitude precisos. As copias de chaves alleas non abrirán a nosa porta.
Vexo, teño que admitir, intencións louvábeis. Algúns logros importantes, até. Mais a verdadeira saída do foxo que nos obriga a camiñar en círculo vén da cima. Temos que erguer a cabeza e ollar para o ceu. Con grandes pretensións, con toda a ambición. Non temos máis a perder. Temos todo por diante. Porén, non é hora de malbaratar o tempo nen os recursos, e moito menos de xogar entre nós ao despiste.
Revisión 29/05/07:
“Ademais, o estudo recolle unha serie de “peculiaridades” do mercado editorial galego que o o fan “especialmente sensible” a medidas “desestabilizadoras” como o sistema de empréstito. Entre as particularidades do sistema galego destacan o “reducido” número de alumnos matriculados no sistema educativo obrigatorio que descendeu dun 6,03% respecto ao total español no curso 1999-2000 ao 5,20% en 2005-2006.
Ademais, incidiron na “baixa implantación” da lingua galega nas materias do ensino obrigatorio xa que “só” o 50% dos centros cumpren a normativa que rexe ese aspecto e subliñaron que unicamente nun de cada tres centros disponse do material didáctico “adecuado” en lingua galega.
Neste sentido, o presidente da AGE, Alfonso García Sanmartín, destacou que “a situación é máis grave” do que esperaban e reprochou aos políticos a “improvisación e a ignorancia” coa que se poñen en marcha medidas deste tipo “sen contar, moitas veces, cunha base de partida sólida”, concluíu.” (Europa Press)
More from Alfredo Ferreiro
O centro do mundo
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …
O Grupo Poético Hedral recitará hoxe en Arteixo
Agora que a libraría Á Lus do Candil (Arteixo) nos convida para recitarmos de novo xuntos, un grande orgullo acode …