«O debate que xirou arredor da normativa ortográfica arruinou esforzos, envelenou soños, e fixo descender a reflexión intelectual en Galicia a uns niveis alarmantes. No fondo, esta palpitante cuestión resolveuse como unha simple loita polo poder académico, e polos orzamentos dos que, ó parecer, ten dereito a dispor o galeguismo profesional. Unha lingua é demasiado importante para deixala en mans dos lingüistas, aínda ben máis unha lingua literaria. Pero, a forza de sermos xustos, tamén o é para deixala en mans dos literatos que ignoran os seus matices. Un dos paradigmas dos grandes creadores da prosa galega moderna, refírome á busca de modelos nos prosistas portugueses, deixou de ter vixencia. E, aínda menos mal, que un procura a ilusión de chegar a escribir un día unha prosa aceptable frecuentando eses escritores portugueses que, como Raul Brandão, percibe que están moi achegados a nós. De feito é o grande prosista do grupo da Renascença, o amigo insustituíble do Teixeira de Pascoães, o máis “galego” dos clásicos modernos lusitanos. […] Desconfiemos dos escritores que queren arranxar o mundo sen arranxar a sintaxe. Desconfiemos das grandes causas postas ó servizo de cobizas persoais e dun pésimo estilo […]»
Ramiro Fonte, Raul Brandão, A Nosa Terra, nº 1231, p. 25.
Esta coluna de Fonte é realmente lúcida. Se ben o debate lingüístico ocupou moito do esforzo intelectual dos vultos da cultura, estimo que foi inevitábel. No que á literatura toca, evidentemente porque non houbo en galego obras de altura incontestábel, exportábel e á vez “intrinsecamente galaicas” que evitasen falar de “cuestións menores” como a ortografía. A lingua literaria que tais obras ofrecerían sería tan abafantemente rica que ela soa soportaría a existencia do sistema literario e fundamentaría unha lingua galega respectábel a todos os niveis. A lingua non estaría nas mans dos lingüístas senón diante, nin nas mans dos literatos mediocres, que non alcanzarían a tocala. Así non habería tanto exame forense sobre a lingua, pois o seu pretixio como ferramenta sería evidente. Porque a lingua é ante todo unha ferramenta.
Por outro lado, a idea de procurar modelos literarios nos escritores portugueses non é irrisoria. Non tanto polo que poida interpretarse como imitación barata senón pola posibilidade de atopar neles solucións literarias (estilos, personaxes populares, visión do rústico, etc) que contribúan —por proximidade real— á creación de ambientes e estilos literarios que poidamos chamar nosos, e que non parezan como tantas veces a adaptación galega máis plana do que temos lido, producido ou traducido, en español.
Máis unha vez construír cultura é o repto principal, e a reflexión sobre o que se fixo ou o que deixou de se facer debe ocupar un lugar secundario. Porén, temos que asumir que cada un faga até onde as súas mans e o seu corazón lle permitan.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …