«A monumental e excesiva, grandiosa e irregular obra camiliana vale por toda unha literatura. ¡Que afortunada a portuguesa por poder contar con varios autores que, coa súa obra individual, enchen as obras de moitos! Hai anos que tiven esta intuición. A prosa de Camilo debe ser de lectura obrigatoria para calquera aprendiz de prosista en galego. ¡Grandes tempos aqueles cando os narradores lían! […]
Creo entender que Ramón Otero Pedrayo sabía que a renovación da prosa literaria galega se encontraba na lectura de autores portugueses que, como Camilo Castelo Branco, crean un mundo estilístico e delimitan un espazo narrativo moi familiar a nós. Teño a oportunidade de comprobalo cando estas semanas gozo coa lectura das novelas do Miño. Paréceme que estou lendo a certo Valle Inclán, a certo Otero e, como non, ó xenuino Camilo. […] Pero para comprendermos a influencia de Castelo Branco na obra dos vellos mestres da prosa literaria galega non hai máis que debullar unha mostra significativa de títulos entre os varios centos publicados polo autor: O cego de Landim, A morgada de Romariz, O olho de vidro, O lobisomem… ¿A que che soan estes títulos, amable lector, non afectado polo mal da hipocrisía? ¿A que che soan, mercenario teórico?» (Ramiro Fonte, in “Camiliana”, ANT, nº 1243, 2006)
Quen se asombra xa de que os que se anuncien como narradores non lean? É o sinal dos tempos, en que o que se esforza é apresentado como o que máis perde o tempo de todos, o menos eficaz. Hai poucos días un dos nosos poetas máis recoñecidos me relataba o caso dun (ou dunha) poeta que tiña recoñecido aos medios a súa falta de interese pola lectura de poesía. Outros casos, tamén asombrosos para min, hai en que narradores din non percibir o sentido da poesía. Será que a sensibilidade literaria está neste caso hiperespecializada por xéneros? Non podo crer que nos nosos procesos mentais a taxonomía dos xéneros literarios sexa anterior á sensibilidade artística. Prefiro pensar que non se explicaron ben, ou que eu percibín mal as súas afirmacións. Ou será que o talento non se valora pola ausencia de criterio dos poderes que dirixen o sistema literario, favorecendo a ocultación dos verdadeiros valores? De calquera modo, penso que as grandes obras neste país teñen espazo para florecer no xardín comunal para desfrute de todos. E algunha, felizmente, até chega ás miñas mans.
Canto á importancia da tradición literaria portuguesa como apoio fundamental alén da nosa propia producción (renacemento, neoclasicismo, vangardismo), lembro que hai uns anos Claudio Rodríguez Fer falaba de tres perspectivas creadoras diferentes entre os escritores galegos: a) os que se ven fundamentalmente alimentados pola literatura en castelán; b) os que, coñecendo a primeira, se apoian na literatura portuguesa para enriquecerse cunha tradición literaria que consideran máis asumíbel; c) os que, sen seguir aquela nin esta tendencia, optan (para el máis acertadamente) por aproximarse ás literaturas célticas co fin de favorecer unha óptica creativa independente a respecto das dúas literaturas veciñas. Xa daquela me preguntei se propuña ler en gaélico as sagas célticas e se entendía que esa experiencia enriquecería a lingua literaria dun autor galego; ou se propuña lelas en castelán, ou en portugués. Ou talvez unha “boa tradución” ao galego desde o castelán ou desde o francés. Desde logo, a pouco que se entenda haberá de recoñecerse que a poesía e a narrativa non só son o desenvolvemento de contidos, o seu valor emocional e a súa disposición na liña discursiva. É fundamental o fornecemento dunha lingua literaria de calidade, propia desde logo, que debe ser alimentada nos mellores tetos dunha rica tradición. Na música das palabras e dos enunciados, nas cores dos conceptos, nas emocións que vehiculan os fonemas, aí toca neste texto Ramiro Fonte, aí.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …