En 1997 saíu no número 17 da revista Ólisbos un artigo titulado Manuel Antonio e a “suprema lei da estética”, da miña autoría, baixo o nome errado de Manuel Ferreiro Salgueiro. O pequeno traballo respondía ao interese por reivindicar a evidente ideoloxía anarquista de Manuel Antonio, tantas veces referida como un verniz rebelde do autor a tempo que asolagada polas referencias a un seu nacionalismo. Na altura, e desde o ámbito de traballo do Ateneu Libertario Ricardo Mella da Coruña, tentamos por de relevo até que punto o anarquismo foi para este autor o seu motor ideolóxico principal, e de que modo puido influír no seu sentimento nacionalista, ampliándoo dun xeito verdadeiramente orixinal.
Manuel Antonio e “suprema lei da estética”
Relativamente ás persoas que se preocupan do seu destino, pódense clasificar en dous tipos principais: aquelas que reflicten sobre o que queren ser e aquelas que se preguntan o que son. As primeiras pretenden decidir. As segundas desexan descubrirse. A atitude primeira é de goberno da vida. A segunda de coñecemento, e conducente á propia construción. Entre os últimos, Manuel Antonio.
Cando Manuel Antonio comeza a manifestar o seu compromiso político a ideoloxía anarquista podía respirarse na Galiza como esas bacterias flutuantes do ar de todos os días. As asembleas da Confederación Rexional Galaica podían representar decenas de millares de afiliados. As publicacións periódicas nacían como cogumelos e enmudecían ou morrían como bolboretas, encanto se decidían greves coa cabeza e o corazón que a fame cobraba no estómago e as forzas represivas estatais no corpo, na liberdade e na vida dos sindicalistas e as súas familias. Ser operario e querer sumarse á loita pola dignidade da vida significaba, entre outras cousas, estar sindicalizado na C.N.T., na U.G.T. ou en asociacións agrarias.
Canto á burguesía, esa clase que tendo aceso a estudos medios e superiores pode viaxar e dedicarse ás tertulias de café, existe unha preocupada apenas pola perpetuación da “orde social” e outra, con certa tradición mais en mudanza ideolóxica, preocupada pola defensa organizada da identidade cultural galega. Os segundos son os nacionalistas, que partindo da diferenciación cultural do país non deixarán de anunciar, nos primeiros tempos, unha necesaria autonomía política aparentemente só interesada nunha confederación ibérica de pobos libres, mais nos anos seguintes claramente a favor tan só dun Estado democrático que garantise a consecución dunha autonomía nacional galega. Seu fin último era unha Galiza libertada de goberno foráneo.
Para os anarquistas as prioridades da loita estaban situadas no día a día, nas decisións asemblearias por necesidade apresadas e referidas sempre ao teito e ao pan dos traballadores. Neste sentido, o fin era a revolución social, vinculada á repartición da riqueza e á autoxestión.
Entre estes dous tipos sociopolíticos, que opoño de forma operativa, existía, como é fácil supor, unha grande variedade de subtipos que propiciaron en ocasións certa permeabilidade de ideais e portanto a intercolaboración desde os respectivos proxectos: á par de anarquistas rexos existían anarcosindicalistas moderados, á par de nacionalistas conservadores tamén existía unha burguesía nacionalista progresista…
Aínda que os quiñentos afiliados das Irmandades da fala e os vintecinco mil da Confederación Rexional Galaica da C.N.T. en 1922 non sexan representativos de todas as posicións ideolóxicas do país, resulta fundamental coñecermos estes referentes para radicarmos a ideoloxía política de Manuel Antonio. Neste sentido, na única afirmación do poeta que se conserva referida na súa correspondencia a unha ideal organización socioeconómica da Galiza, di:
“Cada volta vexo-me máis afincado n-as miñas ideas sindicalistas: suprimindo o Estado, outra d’as ventaxas que s’arrecadan é a de suprimir a política; e a política, vou vendo que é a nosa gran doenza racial, a que máis axiña compre aniquilar. Hai que atopar a maneira de que o galeguiño non poida ter un mandiño, e a mellor maneira consiste en suprimir o mandiño: o Estado con todal-as suas orgaizacións. Aconsello-che seriamentes que te impoñas o traballo, por unha ves n-a tua vida, d’estudar o anarquismo, e sobre todo a súa forma máis práitica que é o sindicalismo. Aseguro-che que si a sua verdade non chegase a convencer-che, convencerían-che as innumerables ventaxas que traguería no caso d’a Nosa Terra, pola índole d’o noso caraute racial.”
Esta clara referencia con frecuencia se tratou de sepultar, con moita letra impresa, baixo o compromiso “nacionalista” tantas veces expreso polo propio Manuel Antonio na súa correspondencia. Mais, que cousa é o nacionalismo para el? Apenas, tal vez, a rebeldía perante a agresión cultural que a Galiza está a sofrer, como o era para moitos nacionalistas? Adere o nacionalismo na defensa da identidade cultural do país, mais na súa praxe política o seu espírito libertario non se reduce a unha perspectiva edificada nas necesidades espirituais da nación, aínda, en parte, por reconstruír. O seu “nacionalismo” implica unha preocupación pola libertación total dos galegos e non é un concepto facilmente aplicable aos nacionalistas da época, senón mais ben unha perspectiva anarquista rara na Galiza que, entre 1920 e 1930, incluía máis na súa loita do que unha mudanza socioeconómica: a libertación do país tamén no plano identitario-cultural. A súa ideoloxía, perante o modo de actuar do groso dos nacionalistas, haberá de o situar en territorio á parte. Os nacionalistas estaban, podemos dicir desta perspectiva manuelantoniana, pouco comprometidos co que el denominaba unha “loita xeneral galeguista”:
“Eu considero-me fora d’a Yrmandade, porque resulta estreita de máis prá cantidade e intensidade de Nazoalismo que eu sinto”.
Canto á súa posición como artista, son habituais as interpretacións críticas que entenden a súa rebeldía como influencia exclusiva das manifestacións e atitudes de outros vangardistas da época. Así as cousas, súa atitude como creador nunca foi interpretada como unha perspectiva coherente coa ideoloxía anarquista. Neste sentido, na súa perspectiva creadora non escasean conceitos por el defendidos que non teñen lugar no marco teórico-práctico dos nacionalistas. Frente ao culturalismo nacionalista, preocupado por recuperar as raíces aínda vivas das tradicións autenticamente galegas, opón Manuel Antonio de modo irreverente unha negación “da Lei e da Costume” conducente a un individualismo levado até ao extremo, en que fai da “independenza un sagro fanatismo”, escribindo “somentes pra si” a “súa expontánea expresión” aínda a risco de non ser comprendido: “consagramos a individualidade até o extremo de desexar que a definición de cada un de nós sexa unha verba: o seu propio nome.”
“a nosa roita, nos primeiros pasos, quer tan só coñecer por onde non debemos ir: todolos outros camiños poden ser nosos.
A Novedade que enxerguemos é tan só u arredamento, un ceibamento do pasado sin a definición da súa resultanza: isto é artitrairamentes persoal.”
Neste punto, a falta de programa de que tradicionalmente os anarquistas teñen sido acusados polos movementos comunistas teñen un paralelo na perspectiva manuelantoniana da creación: para chegar á revulución estética é preciso abandonarse na “anárquica dileición individual”. Para el como para os anarquistas, ter un programa previo á acción revolucionaria constitúe unha tentativa de dirixismo inaceptábel.
Ao mesmo tempo, a súa actitude xa comentada en contra da acción política e institucional en xeral tamén ten correlación na súa intervención artística cando rexeita os “mestres” e os “seus consellos”. Así, frente á caracterización burguesa dos nacionalistas, feita por Risco, de “élites de escolleitos con voto de valor excepcional frente ó voto dunha masa calquera”, Manuel Antonio afirmará o seu antiburguesismo.
Definir, portanto, Manuel Antonio como “un nacionalista”, sen máis explicacións, é tarefa obscura e intereseira. Contra quen dirixía, entón, estas palabras?:
“Porque é pretender andar cos pés atados e tratar de libertarnos dos trabamentos esternos sin facer denantes o mesmo coa podredume interior”; “é vergoñoso falar da escravitude da Terra, mentras non se teña feito todo o que compre por anulala.”
Con toda probabilidade a certos representantes nomeados do nacionalismo, movemento en que, ao mesmo tempo, se sente incluído por debido ao seu compromiso coa liberdade da nación. Mais é só nesta revolta, radicada no plano cultural, que Manuel Antonio, nos anos vinte do século XX, está próximo do proxecto nacionalista.
A súa vida sitúao antes como pequeno burgués –lembremos que entre os afiliados aos sindicatos era difícil atopar xente con estudos medios e superiores– facto que lle permitiu relacionarse cos nacionalistas e ser permeábel a parte das súas reivindicacións. A súa inclinación para a teoría anarquista –coñecida tal vez no ambiente mariñeiro– fornécelle unha perspectiva asumíbel para a súa vida que, por outra parte, non pode evitar comunicar coa visión artística. Neste sentido, no que respecta da arte ao servizo da causa política, nin dubida:
“Encol disto, pensa que someter o arte á necesidades da vida en troques de someter a vida ás necesidades do arte, é a forma máis engullosa de filisteismo.”
Manuel Antonio, como el propio demostra, defende até tal punto o pobo galego que o desexa liberto tamén dos seus gobernantes. Como anarquista, non pode imaxinar unha sociedade libre en que parte dos seus individuos aínda sexan escravos.
More from Uncategorized
Mudam os tempos não mudam as vontades
O levantador de minas muda de local para Blogaliza, como apoio aos soportes galegos. E tamén polo servizo, que parece …
Gabriel Nascente, poeta brasileiro
O Gabriel Nascente é sem dúvida um homem generoso. Certo dia recebi um pacote com um livro dele e uma …